Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Santa Inquisición do telexornal

viernes, 29 de abril de 2011
Da igual que a Unión de Televisións Comerciais Asociadas dixera que é unha norma que atenta contra a liberdade de información, que a Federación de Asociacións de Periodistas de España expuxera que o exercicio do xornalismo real e leal ao pobo ao que serve só se pode efectuar nun ámbito alleo á instrumentación partidista ou que os propios directores dos Consellos Audiovisuais a xulguen coma unha medida incoherente con respecto á liberalización do sector televisivo privado. Da igual, pasárono polo forro.

A reforma da lei electoral saíu cara diante e con ela a Xunta Electoral Central pasa a ser o órgano que decide que rostros políticos sairán na pantalla, que debates terán lugar e canto tempo se lle dedicará a cada partido. Unha medida que afecta tanto ás televisións públicas coma as privadas.

Con esta norma que establece as cotas de pantalla en función dos resultados electorais, o xornalista queda convertido, máis ca nunca, nunha simple marioneta ao servizo dos partidos políticos. E dos de sempre. Se o pastel televisivo se vai repartir en función das urnas, todos sabemos que o empacho o levarán os da gaivota e os da rosa, e o panorama mediático español – xa non só o político – tocará unha triste melodía ao ritmo imposto pola batuta deste autoritario binomio que cada día lembra máis ao sistema canovista. Claro que, aquí, a alternancia entre ambos non ten nada de pacífica.

Pero mentres os xornalistas se enfurecen, os políticos aplauden unha lei aprobada con asombrosa maioría no Congreso dos Deputados, pois, con ela televisións públicas e privadas son agora o escenario perfecto para retransmitir elocuentes discursos propagandísticos que lembran ás arengas dos grupos rebeldes da resistencia ou das elocutio romanas. Vítores, aplausos e un tufo insoportable a corporativismo chapuzas no medio de tanta bandeiriña ondulando no ar. Isto é o que nos espera a partir do 6 de maio, pois os partidos prohiben tamén ás televisións introducir as súas cámaras nos mítins e son eles mesmos os que escollen as imaxes.

Unha marabilla. Con esta medida de reminiscencias franquistas os grupos políticos minoritarios están máis marxinados ca nunca, os xornalistas convertidos de pronto en meros escribas e os partidos maioritarios coa súa batalla persoal, que non colectiva: o afán de gobernar unha nación que cada día é máis súa pero menos nosa.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES