Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

As publicacións de teoloxía e tema relixioso en galego

miércoles, 13 de abril de 2011
As publicacins de teoloxa e tema relixioso en galego Falaba no meu artigo anterior publicado en Redelibros, O priscilianismo e o xacobeo, da solicitude do amigo Xosé Manuel Eyré e Redelibros de escribir algo sobre “literatura relixiosa”. Como parece que o artigo tivo certo interese, pedíronme que volvera sobre o tema, e así o fago agora.
Comentaba xa daquela que o “xénero literario relixioso” é no que se escribiron os máis vellos textos da historia da literatura, de oriente a occidente, e algúns dos máis fermosos e sabios. Pero, aínda que en todo o mundo hai unha amplísima nómina de títulos de literatura relixiosa, tanto no eido do estudo científico e do do ensaio, como na literatura e nos textos litúrxicos utilizados nas distintas relixións que poboan o planeta, e a pesar da ampla tradición de poesía relixiosa que ten a literatura galega -como presentei na escolma e estudei na Introdución no meu libro Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía relixiosa en galego (2007) e xa fixera anteriormente en Galegos e cristiáns. "Deus fratresque Gallaeciae" (1995) non é hoxe un xénero do que se publique moito na nosa lingua. Ademais, as poucas publicacións que ven a luz non son moi coñecidas e son pouco difundidas, fóra do ámbito específico no que se moven. Por iso, pode resultar interesante unha achega panorámica a este tema.
Somos catro os autores que máis temos publicado libros de tema relixioso -teolóxico e espiritual- en galego; pero non somos os únicos. Eses catro -que non somos precisamente os “xinetes da Apocalipse”, dogmáticos e fundamentalistas, senón xente pacífica, tolerante aberta ao diálogo constante coa xente doutras relixións, e cos que nin teñen ningunha nin cren nun Deus, Misterio, Alén...- somos, de máis idade a menos: Xosé Chao Rego, Andrés Torres Queiruga, Manuel Regal Ledo e Victorino Pérez Prieto, o que isto escribe. Chao e Queiruga son os grandes productores de literatura relixiosa en Galiza, como manifestan as máis de dúas ducias de libros publicados por cada un deles. Só Queiruga exerceu a docencia como teólogo profesional; hai bastantes máis profesores de teoloxía en Galiza, pero, con algunha honrosa excepción (Xulio Andión e algún máis), non son precisamente coñecidos pola súa producción teolóxica, e moito menos en galego. Caso particular é o de Julio Lois, galego afincado en Madrid desde hai moitos anos; pero ten toda a súa magnífica producción teolóxica en castelán e feita desde unha perspectiva de fóra do país.
En troques, en tal exercicio de producción teolóxico-espiritual sí andamos algúns máis que, curiosamente, estamos fóra do ámbito profesional académico-teolóxico. É o caso de Manolo Regal e eu mesmo; é tamén o caso do lucense Xosé Alvilares, emérito profesor de filosofía, ou de Xosé Antón Miguélez, outro teólogo de gran creatividade, pero de parca produción fóra dos traballos publicados na revista Encrucillada. Paréceme que non é esta unha observación sen importancia, e manifesta a atonía e escasa creatividade dos centros de Teoloxía deste país.

1. Xosé Chao Rego (1932-). É un dos autores que máis ten publicado en galego en todos os eidos. Características da súa literatura son o seu saber enciclopédico, a súa capacidade para recrear a linguaxe, particularmente con sensibilidade simbólica e senso do humor, e unha vontade de servizo popular. Deuse a coñecer como escritor en castelán con obras como La Iglesia en el franquismo (1976) ou Marcel Lefèvre, un integrismo histórico (1977). Pero de seguida virían os libros que publicou co título Historia do pobo de Xesús (1980-1993) e dúas grandes obras sobre Galiza e o galeguismo: Eu renazo galego. Ensaio sobre identidade galega (1983) e Para comprendermos Galicia (1987).
Estos son os libros publicados en galego por Xosé Chao, sen contar as colaboracións en libros colectivos:
Introducción ao Xénesis (SEPT, Vigo, 1973).
De Exipto chamei o meu fillo. Historia do pobo de Xesús I (Castro, Sada 1980).
O meu pai era un arameo vagamundo. Historia do pobo de Xesús II (Castro, Sada 1981).
Eu renazo galego. Ensaio sobre identidade galega (Castro, Sada 1983). Premio da Crítica Galega.
Iahvé é o noso rei. Historia do pobo de Xesús III (Castro, Sada 1984).
O misterio do lume (SEPT, Vigo 1985).
Consolade o meu pobo. Historia do pobo de Xesús IV (Castro, Sada 1985).
Para comprendermos Galicia (Galaxia, Vigo 1987).
Os tempos son chegados. Historia do pobo de Xesús V (Castro, Sada 1987).
A cousa principiou en Galilea. Historia do pobo de Xesús VI (Castro, Sada 1989).
En procura da Boa Nova. Historia do pobo de Xesús VII (Castro, Sada 1993).
O libro da auga (Castro, Sada 1995).
Na fronteira do misterio. Credo para xente non crédula (SEPT, Vigo 1995), un groso volume de case cincocentas páxinas que fai una síntese lúcida da fe cristiá.
Prisciliano. Profeta contra o poder (A Nosa Terra, Vigo 1999).
¿Quen dicides que son? Historia do pobo de Xesús VIII (Castro, Sada 2000).
A condición homosexual (Galaxia, Vigo 2000).
O queixume das orixes e tres salaios máis (Toxosoutos, Santiago 2000).
O sexo, a muller e o crego (Espiral Maior, A Coruña 2000).
Itinerario da conciencia galega (Laiovento, A Coruña 2001).
Da Ceca á Meca. Diñeiro e profecía (Vigo 2001).
O relato hebraico. A Biblia contada desde a lareira (3C3, Santa Comba 2001).
Prisciliano (Baía, A Coruña 2002).
O demo meridiano. Lembranzas dun transgresor (Xerais, Vigo 2004).
A muller, que cale! Raíces do antifeminismo (3C3, Santa Comba 2004).
Remexer Roma con Santiago. O camiñar histórico da experiencia cristiá (SEPT, Vigo, 2004), breve historia da Igrexa con prólogo de Francisco Carballo.
Biblia Popular Galega (Xerais, Vigo 2004).
Tamén ten publicado outros opúsculos en galego: Camiñando a Compostela (Irimia, Santiago 1992); A meiga e os frades. Lenda do Pedregal de Irimia (Ir Indo, Vigo 1993); ¿A onde vai a Igrexa? (Irimia, Santiago 1994); ¿Por que nos sentimos culpables? (Irimia, Santiago 1995); Camiño verde: ecoloxía e creación (Irimia, Santiago 1996); Deus tenvos moita gracia. Creo no divino humor (Irimia, Santiago 1997).

2. Andrés Torres Queiruga (1940-). Teólogo, profesor de filosofía e académico da RAG, falar da súa obra nun espacio tan breve coma este supón facelo só salientando a súa categoría teolóxica recoñecida en Galiza, en España e internacionalmente, e apeas referindo os seus títulos. A clave fundamental do seu pensamento é: ¿Como liberar a imaxe de Deus e da relixión da súa carga negativa e opresora, dos malentendidos que deforman o seu rostro? Falei del con certa amplitude hai máis de quince anos no meu libro Galegos e cristiáns (pp. 164-174), e está para saír este ano 2010 un groso volume de máis de 500 pp. que recolle os relatorios dunha homenaxe que se lle fixo o ano pasado en Compostela con ocasión da súa xubilación académica.
Estes son os libros publicados en galego por Torres Queiruga, sen contar as numerosas colaboracións en libros colectivos:
Teoloxía e sociedade (SEPT, Vigo 1974), o seu primeiro libro, de expresivo título.
Recupera-la salvación. Por unha interpretación liberadora da experiencia cristiá (SEPT, Vigo 1977), un traballo que non só tivo un amplo eco no mundo teolóxico (con varias edicións en castelán), senón que tamén recibiu o Premio da Crítica Galega.
Nova aproximación a unha filosofía da saudade (Galaxia, Vigo 1981).
Rolda de ideas (SEPT, Vigo 1984), escolma de artigos.
A revelación de Deus na realización do home (Galaxia, Vigo 1985), a súa gran obra, que o deu a coñecer en todo mundo coma un dos grandes teólogos actuais (traducido ao castelán, ao brasileiro, ao italiano e ao alemán), con prólogo de Ramón Piñeiro. Tamén foi Premio da Crítica Galega.
Creo en Deus Pai. O Deus de Xesús e a autonomía humana (SEPT, Vigo 1986), un dos seus libros máis fermosos e difundidos; tamén amplamente traducido.
Noción, religación, trascendencia. O coñecemento de Deus en Amor Ruibal e Xavier Zubiri (Barrié de la Maza-Real Academia Galega, A Coruña 1990), a súa tese en Filosofía. A tese en Teoloxía foi publicada anos antes en castelán: Constitución y Evolución del Dogma. La teoría de Amor Ruibal y su aportación (Marova, Madrid 1977).
O inferno a revisión (Irimia, Santiago 1995).
Recupera-la creación. Por unha relixión humanizadora (SEPT, Vigo 1996). Carlos Casares, no fermoso e expresivo prólogo, di: “Un libro como este actúa como un bálsamo: alivia e fai ben... O Deus que este libro axuda a descubrir é un Deus digno do home”.
Do terror de Isaac ó Abbá de Xesús (Vigo 1999). Cun “Epílogo que ía para prólogo”, de Xosé Luis Barreiro Rivas.
Repensar a resurrección. A diferencia cristiá na continuidade das relixións e da cultura (SEPT, Vigo 2002).
Para unha filosofía da saudade (Fund. Otero Pedrayo, Trasalba, Ourense 2003).
Diálogo das relixións e autocomprensión cristiá (SEPT, Vigo 2005).
Repensar o mal. Da poneroloxía á teodicea (Galaxia, Vigo 2010), a súa última obra.

3. Manuel Regal (1947-). É un prolífico escritor de libros de poesía, oración e espiritualidade; posiblemente o que máis ten publicado de poesía-oración en galego, cunha clara vontade de servicio popular; particularmente á comunidade cristiá. Ainda que non é moi coñecido fora deste ámbito, por ter publicado só na pequena editorial SEPT e noutras canles editoriais reducidas. Ten publicado en galego os libros:
Un caxato para o camiño (Montecasino, Zamora 1988, 2º ed. Vilagarcía), unha escolma de oracións que fora publicando na revista Irimia.
Chorimas. Plegarias de amor e soidade (SEPT, Vigo 1991), un libro de poemas e oracións con prólogo de Torres Queiruga: “De libros así vaise tecendo unha vida cristiá integral”).
Co Evanxeo pola man. Comentarios, pregarias e preces sobre o Evanxeo do domingo I (SEPT, Vigo 1992).
Benqueridos amigos. Comentarios, pregarias e preces sobre o Evanxeo do domingo II (SEPT, Vigo 1993).
Convocados para a irmandade. Comentarios, pregarias e preces sobre o Evanxeo do domingo III (SEPT, Vigo 1994).
Historia da Igrexa Galega. Con José García Oro e Arximiro Rivas (SEPT, Vigo 1994).
No nome do Pai. Caderno de oración (SEPT, Vigo 1996).
A partir de hoxe (SEPT, Vigo 2000). Novela sobre no mundo rural galego.
Xuntos facemos pobo (Movemento Rural Cristián Galego, Lugo 2001).
Parábolas evanxélicas (PPC/SM, Madrid 2007). Dramatización de relatos evanxélicos.
Xesús, aquel home de aldea (Encrucillada/Mov. Rural Cristián Galego, Santiago 2008).
A graza daquel verán (Encrucillada. Monografías, Santiago 2009). Espiritualidade.

4. Victorino Pérez (1954-). Teólogo, pensador e escritor, especialista na xeración “Nós”, en Prisciliano e en temas de cultura galega. Fora do país é coñecido como especialista en Raimon Panikkar, sobre o que fixo a tese de doutoramento e publicou dous libros (Más allá de la fragmentación de la teología el saber y la vida: Raimon Panikkar, Valencia 2008; Dios, hombre, mundo. La Trinidad de Raimon Panikkar, Barcelona 2008). En galego publiquei:
A xeración "Nós". Galeguismo e relixión (Galaxia, Vigo 1988). O primeiro volume publicado sobre esta senlleira xeración. Ademais dunha introducción a esta e aos seus persoeiros fundamentais (Otero, Risco, Cuevillas e Castelao), estúdiase especialmente a súa dimensións relixiosa. Prólogo de Xosé Chao Rego.
Galegos e cristiáns. "Deus fratresque Gallaeciae" (SEPT, Vigo 1995). O ensaio fai un longo percorrido de Exeria a Marica Campo; prólogo de Andrés Torres Queiruga. Anteriormente publicou o opúsculo Cristiáns e galeguistas (Irimia, Santiago 1994).
Do teu verdor cinguido. Ecoloxismo e cristianismo (Espiral Maior, A Coruña 1997), un ensaio sobre un ecoloxismo integral e a relación co cristianismo.
A Romaxe de Crentes Galegos. De Irimia a Santa Margarida (Irimia, Santiago 1998).
Con cordas de tenrura (SEPT, Vigo 2000), un itinerario de espiritualidade.
Via Crucis-Via Lucis. Camiño da Cruz-Camiño da Luz (S.C.R.D. A roseira, Paderne 2003), opúsculo.
Contra a síndrome N.N.A. (Non hai Ningunha Alternativa). Unha aposta pola esperanza (Xerais, Vigo 2005), ensaios breves sobre outro mundo posible.
Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía religiosa en galego (Toxosoutos, Noia 2007), a primeira antoloxía da poesía relixiosa en galego; cunha ampla introducción.
Obras de teatro para o Nadal. Escolma (Tambre-Edelvives, Madrid 2009).
Prisciliano na cultura galega. Un símbolo necesario (Galaxia, Vigo 2010), unha achega científica a Prisciliano e un ensaio sobre o seu significado na cultura galega, con prólogo de Mª Pilar García Negro.
Moncho Valcarce. Un símbolo para Galiza (Trifolium, A Coruña 2010), textos inéditos do “cura das Encrobas”, ampla biografía, testemuños e ensaios sobre a súa perspectiva política, social e relixiosa.
Teño colaborado nunha chea de libros colectivos; sobre tema relixioso en galego, salientan: “Manuel María, poeta relixioso”, en Manuel María (Lugo 2001); “A presenza de Deus na última poesía galega”, en Homenaxe a Xosé Lois García (Barcelona 2006); “A dimensión teolóxica do camiño”, en Aulas no camiño. Diálogos nun camiño da cultura Europea (A Coruña 2007); “A Igreja do futuro”, en Ser Igreja (Lisboa 2007); “Pensamento relixioso”, en Diccionario Enciclopedia do Pensamento Galego (Vigo 2008).

Ademais doutras publicacións, sobre todo poemarios (vid. no meu Os ríos pasan cheos de Deus. Poesía religiosa en galego), no eido da literatura relixiosa en galego compre salientar estes autores:
. Miguel-Anxo Araújo (1920-2006). Bispo galeguista e teólogo. Publicou os libros: Escritos Cristiáns sobre problemas, personaxes e conflictos de Galicia (Castro, Sada 1987); Palabras para os amigos (Padroado Otero Pedrayo, Ourense1989); Escritos Pastorais (Castro, Sada 1990); Oracional Galego (SEPT, Vigo 1991) e Memoria de Vida (Ir Indo, Vigo 1996).
. Francisco Carballo (1925-). Historiador e teólogo. Ademáis de colaborar na Historia de Galicia (A Coruña 1979 e Vigo 1992) e noutros libros colectivos, e publicar as pequeñas monografías Alexandre Bóveda (Vigo 1999) e Martín Sarmiento (Vigo 2002), publicou A Igrexa galega (A Nosa Terra, Vigo 1995).
. Xosé Alvilares (1928-). Teólogo e filósofo. Publicou de tema relixioso en galego: Memorial de agravios (Galaxia, Vigo 1993) e Aínda é de noite. Literatura do século XX e cristianismo (SEPT, Vigo 2008).
. Manuel Espiña (1933-2010). Cura galeguista coñecido pola súa columna de La Voz de Galicia “O outeiro de San Xusto”, recollidas parcialmente nun libro no ano 2008.
. Xosé Antón Miguélez (1946-). Teólogo e poeta, ten publicado na revista Encrucillada numerosos ensaios de teoloxía. Ten os poemarios inéditos Elemental pan pro camino (1979) e Recuperar a morte (1983); algúns dos seus poemas saíron en Grial, Encrucillada e Irimia, e na antoloxía de Xosé Lois García, Escolma da Poesía Galega. 1976-1984 (Barcelona 1984). Publicou o poemario relixioso Profecía dun Capitán Trono (SEPT, Vigo 2000).

Finalmente, téñense publicado nos últimos anos varios volumes colectivos como homenaxe a curas que salientaron polo seu labor a prol de Galiza desde diversos eidos, nos que tiven ocasión de participar xunto coa meirande parte dos autores referidos antes:
Pregoeiro da luz (Afonso Blanco Torrado). Homaxe dos escritores galegos (Lugo 1993).
Moncho Valcarce. Semente en todos os campos (A Coruña 1995).
Guieiros: Xosé Chao Rego (Guitiriz 1996).
Guieiros: Nicanor Rielo (Guitiriz 2001).
Mato sono io (Xesús Mato) (Lugo 2009).
Miguel, un cura grande en Parada de Outeiro (Vigo 2009).
Aguiño, 50 anos de parroquia e o seu cura D. Paco. A historia e a memoria dun pobo mariñeiro (Riveira 2009).


Artigo publicado en Cadernos Redelibros, ISSN 2173-1977 - Vigo, abril de 2011.
Pérez Prieto, Victorino
Pérez Prieto, Victorino


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES