Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eran os anos setenta

lunes, 11 de abril de 2011
Naqueles anos setenta eramos un feixe de mozos que escoitabamos a Bob Dylan e a Paco Ibáñez, e liamos os autores do boom latinoamericano, os cadernos de Marta Harnecker e a edición clandestina do Sempre en Galiza. Viñamos dun tempo escuro, coñeciamos o medo ("calquera día aparece o teu fillo nunha gabia, e nunca se saberá quen lle pegou o tiro"), e alimentabamos o soño dun mundo mellor que o que viñamos de herdar. Daquela a política local facíase no Casino, e aínda se tiña memoria do falanxista que andara polos bares con orellas humanas colgadas dun arame. Lembremos que o ditador morreu en 1975, o Partido Comunista foi ilegal ata a semana santa do 77 e as primeiras eleccións da democracia non se celebraron ata o verán dese ano.

Na humidade das noites do val de Barcala había xuntanzas nas que se tentaba debuxar un camiño común. Desas inquedanzas naceron, non sen atrancos, a Asociación Cultural Afonso Eans, a asociación de veciños de Negreira e as primeiras organizacións agrarias da bisbarra; promoveuse un movemento de oposición contra da instalación dunha celulosa na beira do río Tambre e procurouse a democratización da cooperativa Feiraco, que tanta vida lle ten dado á comarca. O Colexio Rural trouxo á vila o alento de xente nova (Suso de Toro, Santi Carballido, Cristobo Ramírez...) que participaron con entusiasmo nestas tarefas. Eran tempos de ilusión, naquela nacente democracia, e de xenerosa participación nos movementos cidadáns. Aquela actividade compartida formounos como persoas e deixou forte pegada nas nosas vidas.

Hai uns días houbo unha xuntanza en Pontemaceira (plazadocoton.blogspot.com), na que participaron corenta persoas protagonistas daquela historia colectiva. Algúns xa nos deixaron para sempre, como o cura Bartolo e o poeta Ardeiro. Outros non puideron asistir, por motivos diversos; pero os alí presentes recordaron con nostalxia o tempo pasado e fixeron unha valoración positiva do camiño andado. Daquela efervescencia democrática xurdiron líderes labregos (Bello, Trillo, Cándido, Pepe Iglesias), dirixentes políticos (Manuel L. Tuñas -o mellor alcalde da historia de Negreira-, Aurora Platas, Antonio Campos, Joaquín Buergo...), escritores e artistas (Suso de Toro, Pepe Ardeiro, Cristobo Ramírez, Xosé Cobas...) e mesmo empresarios como Che Turnes. A vida levounos por diferentes camiños pero nunca esqueremos a nosa orixe e o compromiso asumido por todos naquel tempo iniciático..
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES