Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mala herba nunca fuma

miércoles, 23 de febrero de 2011
¿Como non fomos quen de decatarnos antes de que o mundo da arte se estaba a converter nun espello dos malos vicios da sociedade en nun claro aliciente das condutas deplorables nos mozos? Parece mentira que tiveramos que esperar a que tomaran o control os novos socialistas do politicamente correcto para ficar tranquilos. E menos mal que chegou Pajín -sen dúbida, toda unha visionaria, coma o son tamén todos os seus colegas de traxe e gravata dun e doutro bando- para afastar as nosas olladas de tanta inmundicia. Dende logo que me sinto moito máis aliviada pola nosa saúde física e mental dende que sei que o Gran Lebowski vai ter que substituír o ruso branco por café con leite, que os cruces de pernas tipo Sharon Stone en Instinto Básico faranse agora cunha discreta braguiña cor carne -moi socorrida para esta clase de escenas que ruborizan a calquera e que alteran o sono dos que estrean puberdade- e que mesmo o Doutor Hannibal Lecter vai ter que pasarse a unha dieta vexetariana ou, mellor aínda, vegana (por si acaso mellor é simular que manducamos unhas espinacas e non un queixo de Arzúa, non vaia ser que nos acusen de explotar ás vacas da Ulloa). Que logo a vida real estea chea destes pormenores e que o teatro, o cine, a literatura e a arte en xeral teña que inspirarse, empaparse e alimentarse deles para erixirse coma tal, é o de menos. A Pajín tráelle sen coidado. A ela e a súa admirable facultade de sacalo todo de contexto. Así que esa panda de ionquis do musical Hair xa poden ir apagando o porro ou a mestura esa de herbas de pastor que ousan fumar sobre o escenario porque a mala herba xa viron que á ministra non lle gana ninguén (a pesar de que ultimamente a súa amiga Sinde estase rifando o podio). ¿Como se lles ocorre pasar toda a obra de fumeteo -¡no seu posto de traballo!- coa flamante lei antitabaco xa en marcha? ¿Non se decatan de que pola súa negativa influencia calquera espectador entrado en idade pode chegar a casa afectadísimo dunha anxina de peito ou que calquera adolescente obnubilado con tanta hippiallada pode empezar a darlle aos canutos? Menos mal que chegou Pajín, a ministra que extinguirá as obras para maiores de dezaoito e que avogará por un espectáculo para todos os públicos, onde , homes e mulleres e nenos e nenas -de ambos “xéneros”, coma cómpre dicir na moderna linguaxe non sexista tan representativa do que por tratar de ser politicamente correcto acaba caendo na estupidez de maior estrépito- poderán deleitarse cunha función colorista e delicada libre de vicios. Claro que logo será mellor que, despois de mergullarse nestes mundos de iupi que intelectuais coma Pajín pretenden debuxar sobre o escenario, non saian á rúa onde atoparán aos catro millóns de parados de España fumando -¡fumando!- ante as oficinas do INEM, nin que escoiten na radio como as protestas dos alxerianos son silenciadas pola forza bruta do exército, nin que leven a conta das vítimas da violencia machista (onde si se amosa a verdadeira discriminación, esa que se reflicte con vidas humanas e non co uso do xénero neutro -que non masculino- para designar ambos sexos). Mellor que tapen os ollos ante a realidade cando salgan do teatro, non vaia ser que se decaten de que ese mundo rosa deseñado polos políticos na gran mentira da sociedade do benestar era soamente unha farsa. Mellor que o arte -única barricada que continúa en pé na loita pola reflexión e a autocrítica- se poña ao servizo das demagoxias políticas. Pois Pajín sabe ben o nocivos que poden ser os librepensadores.
Pero a ministra leva razón en algo fundamental: no teatro todo se pode finxir. Mágoa que os despropósitos da vida real non sexan tamén un simulacro. Así que, pola miña parte -e recoméndollo a todos os que queiran velar pola súa saúde mental- procurarei manterme afastada non dos teatros, nin dos cines, nin dos libros onde se proxectan esas historias reais sobre a vida mesma, senón das garras desta sorte de manipulación social: o verdadeiro comportamento cheo de danos e prexuízos. Pois, está claro que para malos fumes, os da Pajín.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES