Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A Terra Chá como espazo turístico

lunes, 21 de febrero de 2011
A Terra Ch como espazo turstico Compás social: A Terra Chá como espazo turístico

O pasado 22 de xaneiro achegueime a FITUR/2011, Feira Internacional do Turismo, que anualmente celébrase en Madrid. O escenario era espectacular: países de tódolos continentes, grandes empresas do sector turístico, tódalas Comunidades Autónomas españolas coas súas cidades e pobos singulares ofrecendo o mellor da súa natureza, dos seus monumentos, dos seus produtos e gastronomía. E miles de visitantes percorrendo os pavillóns e expositores ata ateigarse de bolsas con folletos, mapas, carteis e agasallos pintorescos. Unha imaxe desbordante da sociedade de consumo disposta a explorar e comerse o mundo ata o derradeiro recanto.

Escarmentado pola andaina de anos anteriores, seleccionei previamente un número limitado de pavillóns e stands a visitar, tanto en función de imaxinarios viaxes coma de aprender e coñecer en detalle aqueles espazos turísticos que realmente me interesaban. O conxunto dos expositores de Galicia esgotaron boa parte do meu tempo dispoñible, e de modo especial fitei o posto da Mancomunidade da Terra Chá. O stand institucional de Galicia, amoblado con pantallas electrónicas, era agradable; mais sorprendía tanto coxín levitando con tantas imaxes e símbolos de Galicia. Pregunteille a unha azafata polo significado, e díxome que posiblemente era só unha ocorrencia do marketing. Cavilei sobre a frase escrita debaixo dos coxíns: ¿me guardas el secreto? (gárdasme o segredo?). Ao percorrer os expositores galegos decateime de que aquel segredo a voces, a descubrir, podería estar na cidade da cultura, no 800 aniversario da catedral de Santiago ou en calquera recanto de Galicia, cheo de natureza e de arte.

Sentinme empuxado a fitar o posto-expositor da Mancomunidade da Terra Chá. A primeira hora da mañá, antes de saír para Fitur, escoitei nunha emisora de radio, en boca dun suposto experto, esta afirmación: “o turismo rural, tal como foi concibido no seu día, está en vía morta”. Non deu razón algunha daquel aserto tan contundente. Mentres folleaba mapas e trípticos da Chaira, aquela idea roulábame no maxín. Non pode ser, non é crible que os próceres dos cinco concellos chairegos alí representados estiveran perdendo o tempo e os cartos. O turismo rural programado nos anos 80 pode estar desgastado, pero novos espazos, fontes e formas son posibles. Ademais de proclamar a “paixón por vivir”, a Mancomunidade da Terra Chá xa ten en Internet un bo material informativo, sen dúbida algunha elaborado por entendidos en programación de rutas turísticas.

Que ofrecen eses cinco concellos chairegos? Algo de todo: natureza espléndida, patrimonio histórico-artístico (relixioso e civil), aloxamentos rurais, gastronomía enxebre, artesanía específica, algúns deportes, etcétera. Notábase que dende o ano pasado traballaron arreo. En hora boa, e ánimo. A quen ofrecen esa riqueza turística? En principio, como é obvio, a todo o mundo; mais cabe pensar en grupos máis concretos: sendeiristas a pé, a cabalo ou motorizados; deportistas de río e montaña, familias en casas rurais, xuventude coñecendo a labranza e gandería, excursionistas da terceira idade, nenos e adolescentes en campamentos, e outros grupos imaxinables hoxe en desenvolvemento. Sen dúbida que os responsables deste proxecto chairego irán decantándose por unhas liñas determinadas para ir perfilando e incrementando unhas infraestruturas axeitadas. Mais todo iso require cautela para non degradar, senón mellorar, o patrimonio natural e cultural de cada concello. Tampouco debemos esquecer que, fóra dalgunhas zonas rurais de natureza singular, historia intensa ou clima privilexiado, a economía do turismo rural só pode ser un aliciente máis engadido, non o eixe central dunha economía local, produtiva e sostible para as actuais e futuras xeracións.

Hai outras interrogantes esenciais: máis aló duns visitantes de paso, ¿lograrán eses cinco concellos da Chaira atraer e consolidar un turismo estable de curtas, medias e longas estancias? É posible; non obstante, sería máis facil conseguilo cunha oferta da Terra Chá enteira, cuns espazos rurais e urbanos máis amplos e variados; e dicir, unha oferta conxunta presentada polos nove ou trece concellos que forman a Chaira total. Agora a emprendedora inicial está sendo a Mancomunidade da Terra Chá, formada en 1985, polos concellos de Abadín, Castro de Rei, Cospeito, Outeiro de Rei e A Pastoriza. Dende entón, en 1996, creouse de novo unha comarca oficial da Terra Chá composta por nove concellos. Sorprende non velos unidos nesta tarefa común. Nos tempos que corren de crecentes unións en busca racionalidade, eficacia e modernización, non resulta comprensible o porqué desa separación, desa visible ausencia de unidade.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES