Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Parque Temático

jueves, 20 de enero de 2011
O último día que estiven na casa de meus pais tentei visitar a balsa do río Alvariña, donde nos bañabamos de rapaces. Non foi posible: unha densa matogueira ocupa os antiguos camiños e impide o acceso á beira da auga. As cortiñas, antes tan valoradas, agora están invadidas pola maleza. No outro lado da ponte, onde estaban os montes da Beria e fértiles terras de labranza, agora vese o asfalto e as farolas dun enorme parque industrial que nunca foi utilizado, ocupado tamén polos toxos e as xestas. É a paisaxe do abandono agrícola e da carencia de desenvolvemento industrial, convertido xa en ruína. Hai moitos lugares de Galicia con esta mesma imaxe: a morte dos camiños, o abandono dos ríos, a destrución da paisaxe. Xa dicía Manuel Rivas que este é un país cheo de conservadores que non son quen de conservar o que paga a pena.

De non poñerlle remedio ese pode ser o noso destino. Galicia fixo mal o tránsito da economía rural á modernidade e tivo unha clase dirixente que non soubo aproveitar as potencialidades desta terra e as súas xentes. De non variar o rumbo podemos atoparnos, en poucas décadas, cunha xeografía de abandono na que só se conservarían determinados elementos como integrantes dun Parque Temático, para o lecer dos visitantes.

Marcial Gondar ten advertido deste risco e o psiquiatra Antón Seoane ten descrito o seu pesadelo: "Visitaremos explotacións agrarias, con vacas incluídas. Contemplaranse aldeas abandonadas, reconstruídas á sazón, con lugareños de atrezzo, e haberá unha área adicada ao mundo do mar con naufraxio de cartón pedra...". Tamén Santiago Lamas (Galicia borrosa) describe como o que hai anos era cotián e se perdeu, recupérase agora en forma de folclore e turismo.

Dese xeito, o Camiño de Santiago rexorde desprovisto das antigas motivacións relixiosas, os pazos e mosteiros en ruínas recupéranse para acoller turistas rurais, os hórreos son trasladados como elemento ornamental aos xardíns dos novos ricos, as ferramentas do campo pasan ás paredes das adegas e das casas rehabilitadas, e as celebracións rituais do campo convértense nas numerosas e multitudinarias festas gastronómicas que fan de Galicia o lugar das grandes paparotas.

Non estamos lonxe desta visión premonitoria, coa cultura popular convertida nun motivo de atracción turística e o galego como lingua ritual. Algo teremos que facer, para fuxir deste futuro tan indesexable.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES