Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A dor vital de Lois Pereiro nos seus "Poemas póstumos (1992-94)"

martes, 11 de enero de 2011
Certamente hai poetas nos que a dor e o amargor son de tal calado que semella evidente unha correlación entre biografía e escritura, malia que os principios teóricos poidan dicir o contrario.

O lírico ó que se lle adica este ano que agora comeza o Día das Letras Galegas responde de feito a esta tesitura. Lois Pereiro representa un autor encadeado á palabra e ás consecuencias que se derivan da existencia polo feito mesmo de vivir. Se ben nestas liñas comentamos brevemente os seus “Poemas póstumos (1992-94)”, que coinciden coa primeira sección de Poesía última de amor e enfermidade (1992-1995), en sucesivos artigos iremos analizando a súa angustiada mais concisa tonalidade, pois a súa obra caracterízase pola concentración estilística, isto é, por empregar as verbas xustas en cada caso, sen que a emoción diminúa.

Un non sempre é consciente dos perigos que corre ata que os ten de fronte, e mesmo ás veces determinadas situacións suscitan en nós curiosidade. A produción do autor galego supón a visión verdadeira de sentimentos universais, a través do emprego dunha linguaxe rotunda que tenta expresar a dureza vital soportada polo autor. Deste xeito resulta significativa a aparición de citas e mesmo de pequenas explicacións do seu estado anímico, xusto antes de cada composición, que subliñan a comuñón entre sufrimento e soño, estado este concibido como unha sorte de vía de escape do mundo empírico. Observemos pois a dureza dos versos pertencentes ó texto titulado “Esvaise a dor e chega o soño”, extraído de edicións Positivas:

Agora creo que xa podería
pasear entre espíritos alleos
sen pisar os seus soños máis secretos.
Xa non sinto aquela dor inmóbil
que antes habitaba nas miñas noites,
despertando a unha das horas máis escuras

sendo consciente de que o día seguinte
non me traería nada moi distinto
do fracaso que me ía derretendo
co lume do inferno no que vivía.

(Pereiro, 2006: 15)

Os termos escollidos remiten a un campo semántico asociado ó vacío que habería de residir en Pereiro, encarnado nunha viaxe sen retorno prefigurada no emocionante “Acróstico” que continúa unha arrepiante sentencia de Oppenheimer (“Eu son a morte”). Non podemos deixar de sentir un arrepío ó ler esta composición:

Somentes
intentaba conseguir
deixar na terra
algo de min que me sobrevivise.

(Pereiro, 2006: 17, vv. 1-4)

En verdade constitúe Pereiro un escritor romántico polo significado e motivos da súa poesía, así como un innovador na literatura galega polo léxico utilizado, ou talvez simplemente era un home que trataba de albiscar, sequera de modo parcial, a felicidade.
Rdguez. Yañez, Yago
Rdguez. Yañez, Yago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES