Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A liberdade nas sociedades actuais

viernes, 31 de diciembre de 2010
O termo liberdade non é unívoco. Aquí empregoo como a posibilidade de elección no seo dunha sociedade heteroxénea, con diversas alternativas dentro das cales o/a cidadán/na pode elixir, optando pola que considera mellor para el/ela. Por suposto, o número e variedade de alternativas está sempre condicionado polo tipo das estruturas sociais que integran a sociedade, que son as que limitan o campo operativo das opcións libres.

Isto enténdese ben dende unha perspectiva histórica, comparando ás sociedades actuais coas do pasado, salvo algunhas excepcións. Aquelas teñen un denominador común: son sociedades industrialmente avantadas, e hoxe xa se fala das postindustriais e da comunicación. Polo contrario, as sociedades do pasado eran moi homoxéneas, e por iso contaban con moitas menos posibilidades para o exercicio das liberdades que as actuais, que por ser moito máis heteroxéneas ofrecen un número considerábel de alternativas opcionais ós/ás cidadanos/nas.

Sen embargo, son tamén importantes e especialmente sutís as limitacións e os riscos da liberdade, por moito que os nosos “homes de Estado!” adoiten rachar o ar, en todas as oportunidades que se lles presentan, ofrecendo liberdades a destra e sinistra, con un ton de voz que tanto serve para dar seguridade e apaixoada certeza ós seus asertos como para acochar a hipocresía cos embarga.

Insisto en que parto do concepto social da liberdade, non do metafísico, nin tan sequera do ético, que leva consigo aparellada unha responsabilidade especial. E ó que vou é a ocuparme breve e programaticamente das limitacións e riscos, máis ou menos solapados, que a heteroxeneidade, e complexidade conseguinte, das actuais sociedades impoñen ao exercicio das liberdades, deixando ó home e á muller nun nebuloso ámbito de indeterminación, cando non de angustioso desconcerto, porque o summum de complexidade implica unha maior individualización e desamparo nas decisións opcionais, que sempre hai que adoptar cun gran descoñecemento dos factores decisivos a hora de optar por unha alternativa ou por outra, mentres que nas sociedades homoxéneas a persoa queda absorbida no grupo, e, por iso, queda exenta de responsabilidades, diluidas no mesmo grupo.

Certamente, os membros das sociedades actuais teñen un grao e unha gama de liberdades moi amplos; pero non todo é camiño de rosas, tamén as espiñas saen ao paso, ancoradas na mesma complexidade estrutural delas.

Unha das espiñas máis punxente e ameazante é o intento, non sempre explícito, da MANIPULACIÓN do/da cidadán/na, que, con moita máis frecuencia que pensamos, devén un/unha mero/a espectador/a das opcións que se lle ofrecen, ante as que non lle queda outro remedio que aceptar, ainda sen ter tomado parte na súa creación.

Seguindo este criterio -que a falta de diferenciación dunha sociedade é un obstáculo para a liberdade- non resulta tampouco difícil comprender as limitacións que lle impoñen as nosas sociedades, cando nelas se da o fenómeno da MASIFICACIÓN.

Aquí abonda con lembrarnos dos estudos de Ortega e Adorno, entre outros, nesta temática. E engademos que as mesmas diversións son masificadas e comercializadas, cohibindo a creatividade individual e a autoafirmación persoal, porque as necesidades que satisfacen ó/á cidadán/na no seu tempo libre -as veces baleiro- son tamén creadas de forma artificial e con vistas a comercialización.

Outro risco, e non pequeno, está nos CENTROS DE DECISIÓN, que adoitan prescindir das opinións dos/das cidadáns/nas, a hora de decidir algo que lles atinxe, con unha disimulada arrogancia, que, polo feito de adoptar certas formalidades, non deixa de ser lesiva, porque a persoa adquire o sentimento de que forzas anónimas, ocultas ou solapadas nas estruturas sociais, moven os fios dos monecos decidedores, e isto da un sentido de insignificancia a súa vida.

Que saída lle queda a persoa como membro da sociedade nestes casos?.Acudir ás organizacións ad hoc, pero aquí tamén pon en xogo a súa liberdade en máns dos burócratas. Este é o caso dos PARTIDOS POLÍTICOS, convertidos, con descaro, en verdadeiras partitocracias, con evidente desvencellamento dos intereses cidadáns.

Pensemos tamén na publicidade, na propaganda, e no feito de que as mesmas ciencias, nalgúns casos, ofrecen eficaces recursos para acrecentar o dominio dun home sobor doutro, cando delas se espera a creación dun ámbito de igualdade. Pero, incluso, paradóxicamente, na mesma relación da igualdade e da liberdade acostuman a crearse riscos para ambas, sobre todo se hai que limitarlles esta a uns para que outros poidan acadar un maior grao de igualdade. E disto temos un bó exemplo cando os gobernos se obstinan en igualar por embaixo para acadar resultados estadísticos con algunha estraña finalidade. Polo tanto, a relación liberdade igualdade tería que ser plantexada en forma dialéctica, para evitar a disolución dun dos membros de esta relación, superando ambos dialécticamente; pero non parece que isto entre no maxín dos que, ideolóxicamente, teñen establecidas outras preferencias.

Que desexábel sería que non usáramos os termos en vano!. E sobre todo por aqueles que, ademáis de gobernar, teñen unha función pedagóxica.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES