Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Felicitación de Nadal 2010

jueves, 30 de diciembre de 2010
Lugo, no serán do Nadal 2010

Meu amigo, miña amiga:

Como sempre en Nadal, aquí estou solitario na Facultade, a contemplar como cae a tardiña por riba do Miño que baixa cheo, pero caladiño como lle impuxo o Manuel María. Non escoito aínda as campás, pero falo co meu anxo da garda. Creo que me foi asignado un daqueles que cantaba en Belén: gloria no ceo e paz na terra. Estou convencido. De neno, tiña con el longas conversas: eu falaba e el respondía, pero non o daba visto. Imaxinaba só os seus cabelos louros e rizados como eran os meus. Despois, as fantasías de neno esmoreceron, e con elas moito de canto eu cría. Pero nunca esquecín ao meu anxo, ao meu amigo. Nin mesmo hoxe, cando está a rematar a miña vida oficialmente activa. Sigo con el as miñas conversas: eu falo e o anxo escoita, supoño. Tampouco o dou visto, e agora, por desgraza, nin o dou imaxinado. Non sei se terá o cabelo branco e a barba gris. Non sei se será prostático e diabético. Case non sei nada del, pero coido posible que sega a ser coma min. Poida que sexa eu mesmo desdobrado nun espello, de xeito que, se converso, estou a falar comigo. Pero non, aínda que non escoite a súa voz, cando estou solitario na súa compaña, bule no cerne do meu espírito un vento doce que ven de lonxe e resoa no meu pranto cando choro, tórnase alalá cando suspiro e faise pandeiretada nas miñas risas. Ás veces dáme por pensar nunha heterodoxia: se cadra, cando Deus se fixo carne, concedeunos o favor de que a forza dos amigos se fixese espírito, coma se fose un anxo que nos acompaña e nos axuda silandeiro. Non o sei. Poida que sexa unha tolemia, pero, por se acaso, meus amigos (e amigas), eu agradézolle a Deus, especialmente hoxe, que vos atopedes aí camiñando canda min. Gloria no ceo e paz na terra.
García Cendán, Bernardo
García Cendán, Bernardo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES