Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Evolucionismo e ética

jueves, 09 de diciembre de 2010
Non é fácil abordar en poucas liñas unha temática na que poden concorrer argumentos derivados dunha exposición na que se poida facer uso da razonabilidade e, ao menos en parte, da racionalidade. Dito doutra maneira, nesta temática poden entrar afirmacións de carácter científico e outras que só teñen encaixe na razonabilidade, que poden ser máis ou menos certas, pero que non son verificables polos métodos actuais da ciencia.

Calquera lector medianamente informado sabe que, cando se fala da corrupción e outros males da nosa sociedade, sempre se acaba afirmando que se carece de valores (algo que nunca é certo) ou que hai unha crise importante deles, cun cambio respecto ao pasado non moi lexano. Co que si nos encontramos é cunha escala nova de valores, que se vai artellando no contexto dunha evolución cultural. Por suposto, aparecen valores novos, que non vamos a entrar aquí agora a reflexionar se son mellares ou peores que os vellos.

Por outra parte, os avances científicos e tecnolóxicos empurran esixentemente esos cambios, e sempre van acompañados de novos códigos éticos. Abonda ter en conta a biotecnoloxía, como catalizadora dos novos valores, e as institucións religiosas, como conservadoras dos vellos; pero sendo a dimensión relixiosa trascendental e as posturas científicas categoriales, hai poucas posibilidades de que se poida establecer unha nova xerarquía de valores compartida e aceptada por todos. E por isto non se adoita percibir con claridade os cambios, sempre entorpecidos polos ruídos de fondo das posturas relixiosas, e cando se perciben veñen acompañados dunha pátina de explicacións que, por exceder o ámbito do categorial, non resulta abondo comprensivo aos actuais axentes éticos. No ben entendido de que, paradóxicamente, non estou emitindo xuizos de valor acerca destas posturas: só as traigo aquí como algo necesario nesta temática.

Seguramente nunca se insiste bastante no feito de que o home ten unha dimensión ética, como pretendiu demostrar o mesmo Zubiri, que nos dí que, mentras o animal logra, mediante a súas propias estruturas biolóxicas, o debido AXUSTAMENTO ó medio estimulante, o home ten que botar man das posibilidades que lle ofrece a súa situación; por iso, nos animais hai unha XUSTEZA, pero o home TEN que AXUSTARSE, é dicir, ten que IUSTUM FACERE. É por isto polo que ó animal non se lle piden contas dos seus actos, mentres o home debe xustificalos, porque, entre as posibilidades ás que pode optar, hai unhas preferentes a outras. Eis o ORTO (enténdase orixe) da súa dimensión ética.

Mais xa que chegamos aquí, consideremos que as POSIBILIDADES varían en cantidade e calidade de acordo coas esixencias da evolución cultural, ó que nos fai pensar que aquel axustamento, consecuentemente, tamén cambia. Pero no home hai unha pecularidade específica: A mesma ética pode cambiar as súas liñas evolutivas e as da súa produción cultural. Precisamente por isto, ten nas mans o manexo de que a propia evolución sexa progresiva ou regresiva, e, incluso, aniquiladora da especie.

Por outra parte, quero resaltar que a ética evolutiva non é necesariamente evolucionista, porque admite a AUTONOMÍA DA RAZÓN PRÁCTICA, aínda que non se descarta que a mesma razón está sometida tamén a cambio, como o evidencian a aparición de DILEMAS ÉTICOS en momentos clave da nosa evolución cultural: Acaso non nos obriga a nova técnica a actuar dunha maneira diferente a coma o víñamos facendo tradicionalmente?.

En un sentido máis técnico, chaman os estudiosos ETEMAS (de ETHOS, costume) ás unidades básicas da cultura valorativa, da mesma maneira que denominan “fonemas” ás da informativa, e “mnemes” ou “memes” ás da transmisión cultural. Pois ben, se os conceptos éticos son aquilo NO que se pensa, os “etemas” son aquilo CO que se pensa. E como xa dixo Ortega, referíndose ás ideas e crenzas, os conceptos éticos téñense, e nos “etemas” estamos, porque son os continentes conceptuais. Ben…, entón, máis técnicamente, poderíamos dicir que o cambio nos “etemas” arrastra os contidos conceptuais éticos. Logo, a ética cambia, é evolutiva, e xa non é propio da ciencia nin da filosofía defender que sexa totalmente independente da nosa evolución cultural, e tampouco descartar a influencia ética nas futuras liñas da evolución humana, como quedou dito máis arriba.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES