Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adeus, maestro Berlanga

martes, 07 de diciembre de 2010
Lembro hoxe, conmovida pola noticia do falecemento do cineasta Luis García Berlanga, o verán pasado en Santander compartindo con el o curso organizado pola Universidade Internacional Menéndez Pelayo. Baixo a nomenclatura de ‘El cine: mi vida, mi cine’, o director valenciano ensinounos as claves do seu cine a un grupo de afeccionados á sétima arte que viron na súa persoa un exemplo para imitar nesa profesión. Avalaba daquela a creación da Cidade das Artes de das Ciencias de Valencia, onde entón agardaba conseguir unha escola de cine.

Fillo dun deputado da Unión Republicana (Frente Popular), estudante de Dereito e Filosofía, Berlanga abandonaríao todo para adicarse á súa verdadeira vocación: contar historias a través da imaxe, como guionista e director de cine. O seu debut, logo de facer curtas, veu co filme Esa pareja feliz, na que contou coa axuda na dirección de Juan Antonio Bardem. En solitario estrenaría un ano máis tarde, en 1952, Bienvenido, Mister Marshall, con guión seu, de Bardem e do dramaturgo Miguel Mihura. Eses filmes, como ¡Vivan los novios!, El verdugo e La escopeta nacional, entre outras longametraxes, quedarán sempre na memoria dos cinéfilos.

Daquelas sesións que tiveron lugar no Palacio da Magdalena queda a mellor lembranza na memoria, e como aspectos máis tanxibles, como fiel representación do tempo pasado, o autógrafo adicado como asistente ao seminario e as marabillosas fotos tomadas nos salóns do palacio e nas escaleiras laterais do palacio. Alí me vexo agora, semella presente, ao contemplar unha das varias fotografías que teño con Berlanga. Está tan auténtico na imaxe que ollándoa paréceme sentir aínda o brazo sobre o meu ombro, como se ve na instantánea daquel verán de cine, cando eloxiaba ás mulleres con zapatos de tacón.

A súa vida profesional, para o académico individualista, libertaria e de crítica e compromiso social, deixou moitas mostras do seu bo facer, evadindo a censura e recoñecéndose como erotómano do cine español. Defensor do cine como industria, aos 89 anos despediuse dos seus seguidores, deixando para sempre a súa obra nas filmotecas. Hoxe sinto un chisco máis a súa ausencia, por telo coñecido en persoa e compartir aquelas xornadas de agosto (2005) como compartín, conferencia e comedor, co escritor José Luis Sampedro, grazas ás actividades que programa a UIMP cada estío.

De Sampedro aprendín de preto a súa paixón por todo o que fai, e baixo o nome de ‘Escribir es vivir’, o seminario programado dentro da serie ‘El autor y su obra’, que logo deu lugar a un libro co mesmo título e que nos dedicou a todos os asistentes, entendín a necesidade da escritura que nos asolaga aos que amamos a literatura, non só na súa vertente lectora. Dende aquí vai tamén hoxe, pois, unha recomendación: mercar ese volume e desfrutar da súa lectura
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES