Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Viaxes por Zamora: de Sanabria a Benavente

miércoles, 01 de diciembre de 2010
Este mes de novembro fixen unha pequena viaxe a un paradisíaco lugar, na provincia de Zamora, que conta cunha beleza espectacular. Refírome a Puebla de Sanabria. Alí despraceime ata o famoso e fermosísimo lago que toma o nome do lugar, nestas datas envolto polas melancólicas cores do outono. Sendo o lago glaciar máis grande da Península Ibérica (368,5 hectáreas), o tamén chamado lago de San Martín de Castañeda é un deses espazos que transmiten ao visitante paz e tranquilidade, enmarcados por unha música incomparable: o silencio. Tamén Miguel de Unamuno captou a esencia deste glaciar, descrito como espello de soidades en San Manuel, bueno, mártir.

Desa viaxe quedan unhas instantáneas incribles, nun día soleado no que as fotografías, fiel espello da realidade, semellan imaxes de calendario, no Parque Natural que se atopa bordeado pola Serra da Culebra, un territorio no que predominan os cervos e os lobos.

No ano 569, segundo as Actas do Concilio de Lugo, xa figuraba a existencia dun núcleo de poboación en Puebla de Sanabria.
Actualmente, a declaración de Conxunto Histórico- Artístico foi debida á recuperación da arquitectura tradicional con madeira, rúas empedradas… que fan que o turista se vexa envolto no ambiente propio dunha vila medieval. Só falta que dun tellado salte un Águila Roja e se presente diante dos nosos ollos. A recrear ese ambiente de conto contribúe o Castelo, que data de mediados do s. XV, construido por d. Rodrigo Alonso de Pimentel e dona María Pacheco, condes de Benavente. A fortaleza constitúe un dos maiores atractivos do Concello, dende o que se poden ver os arredores da vila, bañados polo río Tera.

Outro lugar para visitar en Sanabria, despois de mercar algún dos produtos típicos (coma o considerado mellor queixo de ovella do mundo, polos premios recibidos, ou os amendoados e as aceitadas, un rico doce de anís) é a Igrexa de Nosa Señora do Azogue, patrona do lugar, facendo referencia co nome a un termo árabe co significado de mercado. Pero tampouco se pode marchar un de Puebla de Sanabria sen visitar a estación de ferrocarril, pola súa particular beleza arquitectónica. Os pequenos encantos dunha das comarcas máis antigas de Zamora fixeron da xornada dese sábado un percorrido por un mundo diferente, particular e descoñecido, mergullándome nos sabores dunha terra allea.

Coa mana o volante poñemos rumbo a outro lugar. Atrás quedan os encantos de Puebla de Sanabria, que dende o ano 1978 conta coa declaración de Parque Natural do lago glaciar. Collendo a autovía seguimos camiño cara Benavente. Axiña chegamos ao novo destino, despois dunha horiña de condución. Atrás quedan os lugares de Quiruelas de Vidriales, Quintanillas de luz, Manganeses de la Polvorosa…

Tras tomar o aperitivo co típico viño de Toro no ‘Imperial’, desfrutamos dunha boa comida no ‘Hostal Paraíso’. Linguado e un osobuco de tenreira sabrosísimo, para desfrutar na sobremesa dun delicioso arroz con leite caseiro. Café no ‘Quitapintas’ e paseo polo centro, caendo na tentación de mercar unha chaqueta da miña cor favorita: o violeta. Tras visitar a cidade, percorrendo os lugares emblemáticos, chega o momento da partida.

Atrás queda o café ‘Lord Byron’ que nos envolve na literatura romántica do século XIX, e a panorámica da Igrexa de Sta. Mª do Azogue, que fai lembrar o templo de Puebla de Sanabria co mesmo nome. Este é o principal monumento artístico en Benavente, con pegadas do románico. Outro atractivo é o Castelo medieval da Mota, destacando no conxunto a chamada Torre do Caracol, obra do s. XVII en cuxa fachada se poden ver os escudos dos Pimentel. Na praza da Mota tamén se observa o monumento ao Condado de Benavente que presenta a un guerreiro erguendo as ás para voar, facendo referencia ao lema do cabaleiro portugués d. Joâo Afonso Pimentel: ‘Máis vale voando’.

Tras percorrer Sanabria e Benavente indago sobre as súas lendas, algo que me fascina cando descubro novos lugares ata o momento inexplorados. Do lago de Sanabria é a lenda de Valverde de Lucerna, un pobo de xente egoísta e pouco compasiva. Ese feito provocou que na noite anterior á de San Xoán os seus habitantes negaran acubillo a un home que peregrinaba polo lugar. Só unas mulleres que estaban cocendo o pan compartiron con el o que posuían. Deulles as grazas e aconselloulles ficar ao abeiro. Logo pronunciou unha frase que deu lugar a unha terrible inundación.
Dice que o pobo desapareceu para nacer o lago que hoxe contemplamos. De Benavente é a lenda do touro enmaromado, que xustifica a decisión de que nas vésperas do Corpus a condesa de Benavente ordenara que se sacase polas rúas un touro cunha soga para darlle morte, rememorando o final dado ao animal que acabara na vila coa vida do seu fillo, o conde Gonzalo.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES