Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eu tamén fun vivir á cidade

martes, 30 de noviembre de 2010
No verán viña á nosa vila Lorena, ela tiña unha casa grande na que veraneaba os meses de xullo e agosto. Xa dende os últimos días do mes de xuño, eu miraba para as fiestras da súa casa, a ver cando se abrían.

A miña casa estaba preto da dela, pero non se asemellaba en nada. Ela tiña un cuarto de baño na súa habitación para ela soa e na miña tiñamos un para toda a casa. As cortinas da súa habitación facían xogo coa colcha da cama, e as alfombras estaban tan brancas que eu miraba onde pisaba por medo a manchalas.

Todo naquela casa era bonito e bo. Pero aínda o que máis me gustaba era estar con ela cando abría a maleta, sempre me traía algún agasallo. Traía os vestidos máis bonitos que eu nunca vira, os seus zapatos eran preciosos!. Ela viña da cidade e contábame que tiña de todo. Cando se cansaba das cousas dábamas a min e eu era feliz con todo aquilo.

O coche do seu pai era o máis bonito da vila, eu escoitaba como dicían os homes á saída da taberna: “xa chegou o madrileño, vaia cochazo que trae…”

Os aneis da súa nai eran a envexa de todas as mulleres da vila. Carmiña, a da peixería, era a que máis envexa lle tiña, ela contaba que o aforraban en peixe para gastalo en ouro e ir fachendear á saída da misa os domingos.

Eu quería medrar e vivir tamén na cidade. Mercar todas aquelas cousas que había na casa de Lorena e vir de vacacións no verán á vila.

Cando chegaba á miña casa non me gustaba nada do que alí había, todo me parecía moi corrente. Meu pai traballaba na fábrica dos mobles da vila e miña nai pasaba o día estudando, para ser mestra.

O soldo do meu pai non era moi grande e non podíamos ter grandes luxos, nin tampouco saír da vila de vacacións. Eu ás veces quería mercar algunha cousa, e miña nai sempre me dicía que tiñamos que esperar a que cobrara papá.

Un día a finais de xullo, cheguei a casa pola tardiña, despois de estar na casa de Lorena tomando o sol, con ela e a súa irmá.

Encontreime con mamá chorando e rindo ó mesmo tempo, non entendía que podía pasar. Preocupada , biqueina e pregunteille que pasaba, ela abrazoume e díxome que choraba de alegría, aprobara a oposición.

Eu non sabía moi ben o que significaba todo aquilo, nin que ese feito ía supoñer que teriamos que ir vivir á cidade.

Durante todo o verán papá e mamá falaban moito, ela quería que marcharamos todos, pero papá pensaba no seu traballo, na nosa casa da vila e nos meus avós que vivían preto de nós e cada vez nos necesitaban máis.

Chegou setembro, e mamá contoume que tiña traballo nun instituto da Coruña, que quería que eu me fose con ela. Papá estaba deacordo, eles dous tomaran a decisión xuntos. Estaríamos separados pola semana, pero a fin de semana xuntariámonos con papá e os avós.

Fomos para a Coruña e mamá fíxose máis presumida, estar na cidade sentáballe ben, pintaba os labios epintaba os ollos. Cando chegábamos os venres, meu pai non se cansaba de abrazar a miña nai, sempre lle dicía que estaba moi guapa.

Eu tamén facía o que podía, agora xa non me poñían tantas pegas para ir de compras, tampouco podía comprar todo o que queria pero amañábame. No instituto todas íamos parecidas, porque mercbámos nas mesmas tendas.

Cada vez me acordaba menos das roupas de Lorena e dos seus zapatos.

Eu pasaba moito tempo no instituto esperando a miña nai, unhas veces na biblioteca e outras falando con Paco, o conserxe. Con el aprendín cousas que non se daban nas aulas , a coñecer distintas realidades dentro da mesma cidade. El sempre me dicía despois de escoltarme, cousa que sabía facer moi ben,que non é mais feliz o que máis ten senón o que menos necesita. El colaboraba na fin de semana e cando tiña horas libres coa Cruz Vermella. Ia ó hospital disfrazado de pallaso tratando de arrincarlles sorrisos ós nenos enfermos. Polo verán tamén ía no mes de vacacións con unha ONG. Era un home solteiro que estivera en Inglaterra moitos anos e voltara para Galicia había dez. Ás veces falábame en inglés, e a min facíame moita graza ; ao oílo imaxinaba a meu avó falando coma el . Con Paco aprendín a valorar as cousas que tiña, empezou a gustarme moito a casa da vila, acompañei a Paco ó hospital contarlles contos ós nenos e nenas. Xa non me importaba a casa de Lorena, o coche do seu pai nin as xoias da súa nai. Lorena voltou no verán e as cousas mudaron, ela tamén viña á miña casa onde merendabamos, porque agora, miña nai tiña tempo. Paseabamos cos meus avós e disfrutabamos das vacacións.
Lillo, Codés
Lillo, Codés


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES