Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A morte digna

viernes, 26 de noviembre de 2010
No meu exercicio profesional -xa van aló máis de trinta anos-, tiven que acompañar moitas persoas nos seus últimos pasos na vida. Axudar o paciente e a súa familia neste transo é, ao meu ver, unha das obrigas máis importantes da práctica médica. Por iso celebro o anuncio do goberno de que se vai lexislar o dereito a morrer con dignidade, regulando e dando protección a todas aquelas prácticas profesionais que teñen por finalidade aliviar a dor, o sufrimento e a angustia que aparecen, a miúdo, ás beiras da morte. Ás veces, a obstinación dos médicos non axuda a prolongar a vida senón a manter o padecemento da agonía.

Na última década houbo en España intensas polémicas sobre este tema. A morte de Ramón Sampedro e a película Mar adentro provocaron un tenso debate. O caso Leganés, iniciado en 2005 por unha denuncia anónima que acusaba os médicos dese hospital de practicaren sedacións a pacientes terminais de forma irregular, provocou unha grande conmoción social. O doutor Montes e os seus compañeiros foron absoltos polos tribunais de xustiza, pero pasaron un longo calvario, sendo sinalados polos seus acusadores como asasinos e nazis.

Moitos países de Europa xa contan con esta regulación desde hai anos. Andalucía aprobou, o pasado mes de marzo, a súa propia Lei de morte digna. En Galicia tamén se deron algúns pasos: o goberno de progreso elaborou a Lei de vontades anticipadas e puxo en marcha o Rexistro Galego de Instrucións Previas. Tamén impulsou o Plan galego de coidados paliativos (2006), por entender que o sistema sanitario debe mellorar a calidade de vida sen prolongar de xeito artificial a supervivencia máis alá do razoable, dándolles apoio emocional aos familiares e aliviando a dor dos enfermos.

Aínda queda moito por avanzar neste terreo, que conta coa tenaz oposición da Igrexa católica e os grupos políticos afíns. No Manifesto de Santander, promovido polo doutor Montes en 2008 e asinado por milleiros de persoas, afírmase que todo cidadán "ten dereito a recibir información veraz sobre a súa doenza, a rexeitar os tratamentos, a limitar o esforzo terapéutico e a elixir entre as opcións dispoñibles, como a sedación terminal". Tamén se reclama a promoción dun debate sobre a eutanasia e o suicidio asistido de persoas que padecen, ao final da súa vida e a pesar dos coidados paliativos, un sufrimento insoportable do que desexan librarse con todas as garantías legais.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES