Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cariño contra o esquecemento

martes, 23 de noviembre de 2010
Con motivo do día mundial dedicado a esta enfermidade, prometinlle a unha amiga comprometida coa asociación de familiares afectados por ela, escribir sobre o alzheimer. E agora, cando me propuxen cumprir coa palabra dada e me puxen a teclear a súa denominación, decateime de que errara na colocación ordenada das súas letras.

¡Que sorte teño!, pensei. Iso quere dicir que non hai ninguén nas inmediacións do meu espazo emocional que a estea sufrindo, pois é ben certo que non ha de haber ninguén no mundo que lle teña posto un rostro querido á doenza e que por desgracia non saiba deletreala co mesmo sabor acedo co que se tragan as palabras que provocan dor, impoten-cia ou desasosego.

Aínda que iso non é de todo certo, pois tamén no meu entorno familiar ten face este mal, se ben, polo de agora evitamos denominalo como tal, tanto polo seu carácter iniciático como, sobre todo, polo ben que os médicos que o atenden lle están logrando controlar a súa evolución, malia que tamén sexamos conscientes de que ese proceso, aínda que paseniño, resulte inexorable.

Non quixen facer coincidir esta dedicatoria coa conmemoración do Día Mundial -é dicir, co pasado 21 de setembro- porque, tanto para quen o sofre nas súas propias entrañas, como para os que o sofren nas deles por empatía emocional solidaria, hoxe mesmo, cando publico esta columna, e, coma hoxe, tódolos días do ano, son o Día Mundial do Alzheimer, pois, para eles, as vinte e catro horas que os conforman (cos seus 1.440 minutos e cos seus 86.400 segundos incluídos) non teñen máis horizonte có que se albisca arredor do ser querido. E así, un día tras outro, e tras un día, unha semana, e tras unha semana, un mes, e outro, constituíndo unha sucesión encadeada de silencios que transforman ó ser querido no centro do mundo e o mundo nun espazo atafegado pola palabra esquecemento.

Sirva, pois, esta columna para reflectir o cariño que cada lector lle ten ós seus. Un cariño que eu sinto que se agranda a medida que os reflexos do ser querido se van facendo máis lentos.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES