Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Emilia Pardo Bazán e a poesía romántica

miércoles, 17 de noviembre de 2010
Estudo, selección e edición da súa produción lírica

Certo é que asociamos a dona Emilia co concepto de excelente narradora, e precisamente a súa mestría coma novelista ou contista talvez contribúa a agochar o dominio doutras facetas, entre as cales destaca a poesía. Dende que comecei a estudar a súa produción lírica, non deixei de escoitar comentarios ó meu ver erróneos polo que se refire ó cultivo desta vertente.

O descoñecemento de composicións coma os contidas no libriño Jaime adicado ó seu primoxénito, “Yo quisiera saber qué dice el viento”, “Almas gemelas”, “Descripción de las Rías Bajas”, “Playa del Cantábrico” ou “Pelo rubio” permite que a súa poesía permaneza aínda en tebras. Por outra banda, os títulos salientados bastarían no caso doutros autores para que o seu talento fose recoñecido.

O feito de desestimar os versos pardobazanianos significa carecer dun punto de apoio para comprender a xenialidade da escritora, ó tempo que estaremos a desbotar unha nómina salientable de influxos que se deixan sentir ó longo da súa produción. Por tal razón paréceme adecuado o epígrafe inicial do libriño que me publicou recentemente a Asociación Cultural Xermolos, no que baixo a secuencia de “Concepción inicial da poesía de Emilia Pardo Bazán”, tento manifestar unha pequena achega non soamente a dona Emilia, senón tamén a aqueles creadores que latexan no seu espírito, dalgún xeito cando menos.

Tal disposición permitiranos comprobar, a través dunha visión evolutiva, o cambio experimentado na lírica da autora de Los Pazos de Ulloa, en quen percibimos a necesidade mesmo nos escritos prosísticos de escribir e traducir poesía. Dita ‘obriga’ non se limita a autores franceses coma Victor Hugo, italianos coma Leopardi, alemáns coma Heine ou ingleses coma Lord Byron, senón que dona Emilia aproxímase á literatura galega ata o extremo de traducir “libremente” dúas baladas de Eduardo Pondal. Esta circunstancia reflicte a moda romántica presente no período, completada coa expresión dos sentimentos dunha forma suave e mesmo irónica, ó estilo dos creadores nórdicos, o que non implica que debamos esquecer a preocupación pola temática da terra que agroma na súa obra.

Moito se ten discutido en torno á relación de Pardo Bazán coa cultura e lingua galegas, quizais sen chegar a unha solución definitiva. Neste aspecto dona Emilia sente tristura ante a ausencia en Galicia dos vehículos oportunos tales como o desenvolvemento económico que permitan a difusión dos seus autores, así como critica a inexistencia dunha necesaria normativización ortográfica. A carencia dunha adecuada fixación gramatical vertebra o seu discurso en “Respuesta a un gallego viejo”, mais o achádego dun texto en galego titulado “A música galega” que me proporcionou o estudoso Carlos Gegúndez, centrado agora na recompilación das obras completas do humanista galego Prudencio Canitrot, publicado na primeira páxina do Correo de Galicia de Bos Aires, nº 693 (3-8-1919), desmonta a imaxe tradicional e nociva que se vén estudando da autora.

Dona Emilia xoga na súa obra coas imaxes que recoñece na súa terra, como acontece no conto “La camarona”: «Los juguetes de la niña fueron navajas, almejas y berberechos, desenterrados en el arenal cuando se retiraba la marea» (Pardo Bazán, 2005, tomo IX: 85). A paisaxe mariñeira figurará igualmente en La sirena negra, mais tamén a alusión ós denominados poetas rexionais en El Cisne de Vilamorta, polo que Emilia Pardo Bazán non entende de fronteiras culturais, senón que aproveita os beneficios creados por cada pobo coa finalidade de transmitir un mundo autónomo.

Neste libriño documenteime o mellor que puiden nas publicacións periódicas do tempo, co obxectivo de realizar o máis correctamente posible a edición da selección de poemas que no traballo figuran; malia que dona Emilia semellaba rexeitar a súa obra poética por medio do emprego da xa tópica captatio benevolentiae, dito xogo non fixo senón espallala de xeito considerable.

En verdade, Emilia Pardo Bazán percorre o vieiro da poesía a carón da cultura galega. Ós lectores correspóndelles a interpretación correcta da súa produción.
Rdguez. Yañez, Yago
Rdguez. Yañez, Yago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES