Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Entre os 'Tesos Cumes' do Caurel, pode estar agochado o 'Monte Medulio'.

viernes, 07 de mayo de 2004
Un pouco de Historia:
Ata o ano 27 a.C., case douscentos anos despois de entrar os romanos na Península Ibérica, e despois de múltiples intentos, estes non podían cos nativos que habitaban os montes do que é hoxe Cantabria, Asturias e a Galicia oriental. Aquí atopábanse importantísimos xacementos de ouro que Roma codiciaba con disimulo.
Difamaron ó inimigo, reclutaron mercenarios por todo o Imperio, engraxaron a maquinaria de guerra e equiparon o maior exército de toda a historia de Roma. O emperador César Augusto xogouse todo a unha; el, en persoa, presentouse na Hispania ó mando de tódolos exércitos. A parte do ouro, estaba obsesionado con emular a seu tío Julio César na conquista das Galias (Francia).
As mellores lexións tiñan ó frente os mellores legados: Antistio, Furnio, Carisio e Agripa. A flota de guerra romana ía varrendo dende a costa Atlántica e Cantábrica.
Ós nativos gustáballes a táctica da guerrilla e as emboscadas, ós romanos as operacións envolventes atacando dende varios flancos. Despois de múltiples escaramuzas, os Cántabros retiráronse ó Monte Araceli, os Astures ó Monte Vindio e os Galaicos ó Monte Medulio.
O Monte Medulio, que aínda non está localizado, sitúano os historiadores cerca do río Miño (ou Sil). Posiblemente na primavera do ano 26 a.C. tres columnas atacaron este monte por tres flancos: Furnio polo Sil, viña dende os Peares río arriba; Carisio que viña dende Astorga, polo Bierzo; Paulo Fabio Máximo, saíu de Lugo e atacou pola Serra do Rañadoiro e o Cebreiro. O camiño cara o Monte Medulio foi terrible: graves e duros combates, nun terreo plagado de matogueiras con ferintes espiñas, enormes precipicios, estreitos desfiladeiros de profundidade abismal e abundantes e espesas selvas.
Os romanos non se atreveron a atacar o Medulio, decidíronse polo asedio, para iso completaron un foxo ó redor deste, de 25 quilómetros de lonxitude, co seu correspondente valado de paus, vixiado día e noite polos soldados romanos.
Cando os nativos se deron conta da súa extrema situación, ou se entregaban ou morrían de fame, apresuráronse a buscar a morte no medio de banquetes, polo lume, polo ferro e polo veneno que obtiñan ó espremer as piñotas cocidas dos teixos. Así, case todos libráronse da escravitude, que para eles era peor cá morte.



Os porqués desta hipótese que sitúa ó Monte Medulio no corazón do Caurel:

1.- O Caurel, entre o Sil e o Miño. A Serra do Caurel ocupa a parte central dun macizo montañoso que está situado na parte oriental da provincia de Lugo e na occidental do Bierzo; delimitado por: o río Valcarce ata a súa desembocadura no Burbia; por este río, dende aquí, ata a confluencia co Sil; por este, dende aquí, ata a desembocadura do Lor; sobe por este ata a confluencia co Loureiro; por este ata o seu nacemento na Serra da Pena Redonda, pola Serra do Oribio, Serra do Rañadoiro e polos Montes do Cebreiro. A Serra do Caurel divide este macizo en dúas partes case iguais; levántase case de súpeto, na marxe dereita do río Valcarce e morre na marxe dereita do Sil, preto da desembocadura do Lor; segue unha dirección noroeste-surleste.
No centro do Caurel. Case á metade da serra, á altura da Cabeza do Couto, nace unha estribación que segue dirección noroeste. Antes de rematar de súpeto no Río Lor bifúrcase en dúas subestribacións: o Monte de Campelo e o Monte Cido.
Esta estribación está delimitada polo Río de Moreda, o Río de Romeor, o Río Lor entre as desembocaduras dos anteriores e por un foxo que a separa da serra nai. Este foxo arranca no Río de Moreda, na confluencia do Carrozo de Pelodorríos, pasa preto das cabanas de Moreda Maior, fai cume nas Penas Míllaras e descende ata ó Carrozo da Escada que aflúe no Río Romeor (Rego de Moreira). O total de foxo e ríos suma unha distancia de máis de vinte quilómetros. Este foxo correspondería á primeira fase do ataque.

2.- Atacar o Monte de Campelo non debeu ser moi difícil, os nativos refuxiaríanse todos eles no inexpugnable Monte Cido. Os romanos acortaron o cerco construíndo outro foxo que enlazaba o Río de Moreda co Carrozo (cauce seco) de Muiñelo (pasa preto do Castelo do Carbedo) , sempre a pouca distancia deste monte (300 mts). Este foxo discorre polo leste de Cido durante un quilómetro e medio e polo norte case cincocentos metros. Está escavado na rocha, nalgúns sitios chega a ter unha anchura de seis metros e unha profundidade de cinco. É coñecido co nome de Carrozo da Gralleira.
O foxo arranca do Río de Moreda, á altura da aldea e atravesa esta. Sobe ladeira arriba, pasa pola esquerda da atalaia do Horto Redondo. Cruza á estrada de Visuña e cando chega á atalaia das Penas Míllaras, torce á esquerda e baixa ó Carrozo de Muiñelo, este pasa preto do Castelo do Carbedo e remata no Lor á altura de Esperante. Suponse que os romanos, sempre que coincidía, aproveitaron os encaixados leitos de ríos e regatos.

3.- Cido é un monte mítico entre os veciños das aldeas da redonda. O seu étimo pode ser occidio (matanza, carniceria...), caeder e (matar), nin occido (de occidere=matar), posibilidade aceptada polo profesor da Usc, Sr. Moralejo. Lomba alargada (tres kilómetros) e estreita, nace de súpeto na Ferrería (759 mts.), ascende suave ó Monte de Campelo onde morre (1009 mts.). No máis alto está o Castro, que con máis de tres quilómetros de perímetro é dos máis extensos de Galicia.
Todo el en rocha caliza, cheo de covas e buratos, labirintos de penedos, enormes chairas afundidas na pedra nai que facían de (dolinas)..., a súa ermida derruída entre rebolos e aciñeiras. Suponse cheo de grandes cavidades subterráneas que din que “brúan cando cambia o tempo”. Está cruzado de atallos e carreiros encaixados na rocha que unen os lugares circundantes: Campelo, Visuña, Moreda, Parada, Ferrería, Seoane, Esperante, Carbedo, Liñariños e o Castelo do Carbedo.
Veciños do Carbedo atoparon aquí unha aguia de bronce dun estandarte romano e unha táboa de hospitalidade (Dos Lougei, 28 d.c.) que se conservan no Museo Provincial de Lugo.
Tábula Lougeiorum, máis antiga e menos ornamentada que a anterior, é do ano 1 da nosa era, pertence tamén os Lougei. Presuntamente, foi encontrada por un tal J. Cajade, no ano 1983, durante unha viaxe que fixo ó Caurel, posiblemente estivo en Cido; acabábase de publicar un libro do Caurel (El Caurel. Excavaciones Arqueológicas en España nº 110), onde se daba información detallada deste monte e de dous achados: a Aguia e a Tésera do Carbedo. Está depositada no Museo Arqueolóxico da Coruña (Castelo de San Antón).

4.- Non só a Mina da Toca, pódese dicir que na antigüedade, todo o Caurel foi unha gran mina. Ouro, prata, ferro, antimonio, estaño, tungsteno... foron transportados seguindo o curso dos ríos Navia e Lor-Sil-Miño ata o Mar Cantábrico e o Oceano Atlantico, onde os pobos que se adicaban ó comercio tiñan as súas prazas. Inmensas cortas nos montes: Toca, Barreiro, Toribio, Millares, Taro Braco, Lampas, Visuña, Moreda Maior, Parada, Rogueira, Vieiros, Seara, Barrosas, Froxán, Rendar, Barxa de Lor, Folgoso, Riocereixa, Pena do Seo, Faro, Formigueiros e Queixadoiro. Minas subterráneas: Santalla de Louzara, Bustofrio, Sobredo, Ferreirós e Folgoso. Nos leitos dos ríos: Lor, Selmo e Louzara. O meandro do Lor “cortado” do Castro de Megoxe. As augas turbas delataron ós nativos e os romanos non descansaron ata facerse cos filóns.

5.- Ainda que pouco estudiado o macizo montañoso no que se atopa o Caurel conta con unha das maiores densidades de covas e castros de Galicia. Recentemente encontraronse multitude de túmulos funerarios, aínda que a maioría foron barridos polas excavadoras que abriron os cortalumes seguindo os cerengos dos cordais dos montes. Na Cova do Oso de moreda atopouse cerámica de máis de dez mil anos de antiguidade.


BIBLIOGRAFÍA:
- LUZÓN NOGUE, José Mª. y Sánchez Palencia Ramos. Fco. Javier: El Caurel. Excavaciones Arqueológicas en España nº 110. Madrid. Dirección General del Patrimonio Artístico, Archivos y Museos. 1980.
- Casimiro Torres Rodríguez. La Galicia Romana. Galicia Histórica. Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos. Fundación Barrie de la Maza. 1982.
- Cántabros ,Astures y Galaicos. Bimilenario de la conquista romana del norte de Hispania. Ministerio de Cultura. 1982.
- Antonio Rodríguez Colmenero. Lucus Augusti, Epicentro integrador da Gallaecia do Abrente. Universidade de Santiago de Compostela. 1998.
- Varios autores. El Bronce de Bembibr. Museo de León. Ano 2000

Lugo, 10 de julio de 2002
Álvarez, Orlando
Álvarez, Orlando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES