Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Rousseff define o Brasil post-Lula

jueves, 04 de noviembre de 2010
a) Introdución
Certificada a vitoria en segunda volta electoral de Dilma Rousseff (Partido dos Traballadores, PT), o Brasil entra nunha nova fase política, claramente marcada polo peso da presidencia progresista de Lula da Silva e a súa elevada popularidade, así como polos retos que deberá asumir a súa sucesora na perspectiva dun país cada vez máis emerxente no escenario internacional.

De forma global, a sucesión de Lula en mans de Rousseff consolida a transición democrática e a estabilidade institucional brasileira iniciada en 1985, agora contextualizada nun mapa político moito máis complexo. O marcado carácter social da xestión de Lula identificouse cunha decidida aposta polo desenvolvemento económico e un papel protagónico para Brasil no escenario internacional. Rousseff deberá xestionar esas variables nun país que recibirá millonarios investimentos nos próximos anos, especialmente tendo en conta a celebración do Mundial de Fútbol 2014 e dos Xogos Olímpicos 2016.

Resta observar se a ausencia de Lula permitirá a Rousseff finalmente impor o seu peso político dentro do PT e do goberno brasileiro. Sen o carisma do seu antecesor, Rousseff moi probablemente artellará unha xestión marcadamente tecnócrata, sen modificar sensiblemente as pautas políticas marcadas na axenda de goberno do seu partido. Se ben Rousseff proseguirá cunha política exterior sumamente activa nos foros internacionais, nos que Brasil impulsa pautas de integración alternativas tendentes a modificar a xeopolítica global a favor das novas potencias do Sur, resta observar cal será a súa real capacidade de influencia.

Aínda que Rousseff afianzará a hexemonía política do PT, debe tomarse en consideración o papel político que xogará a candidata ecoloxista Marina Silva, ex ministra de Lula e ex militante do PT, en especial en materia de dereitos ambientais na rexión amazónica e ante as súas críticas polo ortodoxo modelo económico desenvolvido nos últimos anos. Habida conta da neutralidade de Silva de cara á segunda rolda electoral, pode que a súa figura comece a erixirse como unha real alternativa de oposición dende a esquerda contra o proxecto liderado agora por Rousseff e o PT.

b) Unha nova etapa
A vitoria electoral de Dilma Rousseff consolida a hexemonía política do Partido dos Traballadores (PT), no poder en Brasilia desde 2003. Asegurada así a súa sucesión presidencial para o período 2011-2015, o ex mandatario Lula da Silva acometerá agora unha nova etapa política, a medio camiño entre erixirse como mentor político e “poder na sombra” de Rousseff, ou ben acometer a responsabilidade de dirixir un novo cargo a nivel internacional.

Con estas variables, Rousseff deberá agora facer gala da súa habilidade política para impor tanto a súa personalidade como a súa axenda política, probablemente non moi diferente da que manexa o PT. En principio, os seus retos limítanse a fraguarse unha nova imaxe presidencial, menos carismática que o seu antecesor baixo un perfil probablemente máis tecnócrata. A pesar de posuír un pasado guerrilleiro, ninguén dubida das credenciais democráticas de Rousseff, aínda que crecen as incertezas sobre o seu verdadeiro peso político tanto dentro do PT como do novo goberno en Brasilia. Estas variables se incrementarán ante o peso decisivo do legado de Lula na próxima xestión presidencial de Rousseff. Tras oito anos de goberno, Lula deixará un país con menos pobres, como resultado da eficacia do Programas Fame Cero, Bolsa Familia e Bolsa Escola, que reduciu a pobreza para quince millóns de familias brasileiras. Esperase que Rousseff afonde e amplíe estes proxectos sociais.

Outros logros de Lula son indubidables: unha clase media fortalecida e en crecemento; maior estabilidade institucional, en aras de ampliarse cara unha maior democratización do tecido político e social; consolidación de Brasil como potencia global emerxente (a través dos grupos BRIC, IBSA, etc.), cun crecente peso rexional e global; e un momento económico estelar, con crecemento medio de 10% anual e baixa inflación.

Tras certificarse a elección de Brasil como organizadora do Mundial de Fútbol 2014 e de Río de Janeiro como sé dos Xogos Olímpicos 2016, o presidente Lula ofreceu un plan de investimentos a actores públicos nacionais e internacionais valorado en case 30.000 millóns de euros. Cun gasto público en expansión, Rousseff deberá manexar estes investimentos tentando afianzar un clima de confianza para os inversores.

Baixo esta perspectiva, o Brasil de Rousseff acelerará o proxecto de desenvolvemento fraguado nunha importante potencialidade enerxética, a través das concas hidrográficas do Río Amazonas e dos recen descubertos xacementos petrolíferos na plataforma atlántica (con reservas estimadas en 35 miles de millóns de barrís), que garantirán o abastecemento para un país de case 200 millóns de habitantes, incluso con posibilidades de converterse nunha potencia enerxética a nivel mundial. Ao mesmo tempo, Brasil avanza decididamente na pretensión de converterse nunha nova potencia nuclear con fins pacíficos.

Velaí que continuar a senda progresista e de crecemento económico de Lula constituirá un reto ineludible para Rousseff. Pero existen outros desafíos, como a corrupción, moi enquistada no poder administrativo e con perspectivas de ampliarse de pola riada de investimentos dos próximos anos. O fracaso no combate á corrupción foi un dos aspectos máis criticados durante a xestión de Lula.

En materia de dereitos humanos, cómpre igualmente ponderar a posibilidade de que Rousseff prosiga cos intentos de Lula por acelerar os xuízos contra os responsables da ditadura militar brasileira (1964-1985), un aspecto sensible para Rousseff polo seu pasado guerrilleiro e para diversas organizacións de defensa dos dereitos humanos e de recuperación da memoria histórica. Neste aspecto, haberá que observar cómo a nova presidenta manexará un asunto tan sensible como ata agora escasamente atendido, que pode provocar friccións políticas co estamento militar brasileiro.

c) O factor ambiental
Paralelamente, Rousseff deberá calibrar as críticas que dende sectores máis de esquerda e progresistas se realizan sobre a ortodoxia liberal do legado de Lula e do programa económico do PT. Este factor explica a fractura política dentro da esquerda brasileira, manifestada nas pasadas eleccións presidenciais, especialmente coa candidatura de Marina Silva.
Na primeira volta electoral, Silva obtivo un 20% dos votos co seu Partido Verde (PV), evitando así a vitoria de Rousseff por maioría absoluta. A súa neutralidade de cara á segunda volta da a entender as pretensións de Silva e do PV de converterse nunha alternativa de oposición dende a esquerda que pode consolidarse nos próximos anos.
Deste modo, Silva afondará nas demandas sobre un plan de conservación ambiental, especialmente na reserva amazónica, un tema que adquirirá un cariz político de gran envergadura para o próximo goberno, especialmente ante os previstos proxectos de desenvolvemento hidroeléctrico e do seu consecuente impacto ambiental.
Rousseff semella darse conta da importancia do tema ambiental e do papel que Silva xogará durante a próxima lexislatura, polo que veuse na obriga de rescatar un plan ambiental concibido anteriormente por Lula. Antes da segunda volta electoral do pasado 31 de outubro, Rousseff presentou unha “carta de compromiso medioambiental”, na que estipulaba a redución do 40% dos gases contaminantes e a preponderancia que terá a política ambiental dentro das políticas públicas do seu goberno. Outro aspecto a tomar en conta será o proxecto de Defensa Nacional de Brasil, que coloca a protección do Amazonas como elemento central destinado a xustificar un maior incremento do gasto público militar, un aspecto que pode propiciar recortes nos gastos sociais. Tanto a conservación do medio ambiente como a “militarización” do tema amazónico pode traducir un duro enfrontamento político entre Silva e Rousseff.

d) A “potencia emerxente” sen Lula
Dentro do contexto rexional, o Brasil post-Lula deberá definir unha posición clave como epicentro de poder na área sudamericana, en particular a través de organismos como a UNASUR e MERCOSUR, e como moderador dunha esquerda pragmática que irradie a súa influencia rexional. Unha realidade que tamén deberá ponderarse de cara ao actual período electoral latinoamericano que durará ata o 2012, e que pode presentar cambios políticos en países clave como Venezuela, Arxentina, Perú e México.

No aspecto da política exterior, Rousseff deberá igualmente medir o seu peso. Lula foi o presidente brasileiro con maior proxección internacional, constituíndo a súa política exterior unha dimensión estratéxica da súa xestión. O PT definirá o mesmo marco de actividade internacional, agora cunha presidenta como Rousseff con escasa proxección global e sen o perfil do seu antecesor. Así, sen Lula no poder, a próxima presidencia brasileira deberá medir con certeza ata qué punto é factible esa condición de potencia emerxente no plano internacional.

Rousseff acometerá igualmente un legado internacional de Lula que deixa incertos escenarios abertos, tales como a polémica suscitada pola relación estratéxica de Lula con Irán, a través dunha alianza fraguada tamén con Turquía; as relacións entre Brasil e EEUU, especialmente en materia de integración hemisférica; ou as relacións con Cuba, á vista das críticas internacionais pola situación dos dereitos humanos na illa caribeña e do aparente inmobilismo político.

Rousseff deberá consolidar o papel moderador de Brasil como actor diplomático clave para a resolución de crises rexionais, como as existentes entre Colombia e Venezuela. Outro aspecto ten que ver co reforzamento da potencialidade militar brasileira, especialmente ante a súa pretensión de afianzar a nivel global a súa industria de armamentos, escenario que pode ampliarse tamén no plano da proliferación nuclear, ante as pretensións de Brasilia de acelerar a súa propia industria atómica.
O Brasil post-Lula definirá todo tipo de expectativas asentadas nun Estado federal politicamente máis complexo, con maiores actores e demandas dentro dunha sociedade politicamente máis madura.

Máis democrático e estable, menos desigual e economicamente máis potente, sen esquecer o desafío de superar a crónica desigualdade socioeconómica, a próxima presidencia brasileira afrontará unha serie de retos aínda maiores dos que debeu afrontar o propio Lula cando chegou por vez primeira á presidencia en 2003.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES