Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Día en Branco (e II)

miércoles, 03 de noviembre de 2010
Da en Branco (e II) Non vou ser agora eu quen faga unha crítica sobre a necesidade de practicar algunha que outra vez na vida a lectura sistemática e ordenada. Alomenos, cando un quere abranguer e dominar con plenitude un tema específico é a opción máis desexable de todas as posibles. Con todo, ler dun xeito caótico, deixando que sexa a fraxilidade do azar quen traia ás nosas mans, con esa veleidade que a caracteriza, as lecturas elixidas, tamén resulta útil, osixenante, pois abre innumerables físgoas de liberdade propondo ramificacións ás que a lectura ordenada, por mor dese corpiño seu tan cinguido, xamais podería aspirar. É entón cando se acada a sensación de que, non só entre os libros, senón tamén entre todos os textos escritos ao longo e ao ancho do orbe existe unha interconexión tanxible que, dalgún xeito que non podemos controlar, esvae ante os nosos ollos, un vasto sistema de comunicación oceánico que enlaza, a través de ocultos vasos comunicantes, uns textos con outros, uns temas con outros, uns autores con outros, por moi afastados que poidan estar no ámbito xeográfico ou, mesmo, no cronolóxico. Saltar azarosamente de Caritón de Afrodisias a Thomas Pynchon, e de este a Murasaki Shikibu, e dela a Rosalía de Castro, a Omar Khayyam ou a Mark Twain non serve máis que para constatar dun xeito minucioso e espléndido que a biblioteca de Babel “iluminada, solitaria, infinita” da que falaba Borges áchase oculta, sen dúbida algunha, no mesmo centro da imaxinación de todos e cada un dos lectores.

Meditaba sobre estas cuestións o outro día, lembrando aquel artigo de Fernando Pessoa, cuxo contido glosei brevemente non hai moito aquí mesmo, e que fora publicado o 25 de xuño de 1926 no número sexto da Revista de Comércio e Contabilidade de Lisboa. O devandito texto, como algún se cadra poida lembrar, abordaba as propostas realizadas á Sociedade de Nacións a principios do século XX sobre a reforma do calendario. O caso é que, inda ben non viña de rematar aquela glosa e as miñas mans e os meus ollos xa pasaban, como por arte deses camiños obstinados nos que o azar se empeña en guiarnos, a outro texto que, inda que afastado daquel, resultou, para a miña sorpresa, non ser outra cousa que unha feliz prolongación do mesmo tema. Unha prolongación que fora publicada, curiosamente, case dez anos antes, en 1917, no número 5 da “revista neosófica” La Centuria, editada en Ourense por Vicente Risco.

Nun artigo titulado “El Calendario Universal”, Primitivo Rodríguez Sanjurjo, un dos fundadores da publicación xunto ao propio Risco e Florentino López Cuevillas, analizaba unha daquelas tres propostas das que falaría nove anos despois Pessoa. Precisamente a que o portugués denominaba “radical” e que suxería a instauración dun calendario perpetuo que modificaba practicamente por completo o gregoriano actual. Segundo as informacións achegadas por Rodríguez Sanjurjo, máis xeneroso en detalles que o portugués, a autoría da proposta debíase a un tal Paul Delaporte e fora exposta en 1913, no Congreso Internacional de Liège sobre a Reforma do Calendario contando coa beizón, a xeito de xeneroso prefacio, do recoñecidísimo astrónomo galo Camille Flammarion, fundador da Sociedade Astronómica Francesa e autor el mesmo, aínda que algún tempo antes, da súa propia proposta de reforma.

Detense Sanjurjo a analizar o texto completo de Delaporte e a valorar a súa “orde perfectísima e rigorosamente científica”. Tamén fai un prolixo percorrido pola historia do calendario desde a Antigüidade até os nosos días, sinalando que o nome escollido para os meses do ano nesta nova proposta sería algo dunha sonoridade tan rechamante como: Primile, Duxile, Tercile, Quartile, Quintile, Sextile, Septile, Octile, Nonile, Décile, Undile, Dudile e Tredile; mentres que os días da semana ían ser: Anerdi, Duerdi, Trierdi, Quaterdi, Quinterdi, Sexterdi e Septerdi, e que se corresponderían, como no mundo anglosaxón, cun ciclo de sete días que comezase no equivalente ao actual domingo e non en luns. Ao que Pessoa denominaba “día en branco” déuselle en realidade o nome de “día de liquidación”, pero, o mesmo que no texto do  poeta portugués, non se aclara cal podería chegar a ser o seu mellor uso.

Visto en perspectiva, resulta, cando menos, curioso, por non dicir “entrañable”, esa apaixonada obstinación, ese denodado empeño amosado por Primitivo R. Sanjurjo en defender a proposta de Delaporte. Sobre todo por contraste coa frialdade case burocrática de Pessoa no informe por el elaborado. Se cadra porque no seu caso tratábase dun traballo alimenticio daqueles que lle permitían dedicar a maior parte do seu tempo a outras actividades sen lugar a dúbidas máis estimulantes. Malia iso, non me custa imaxinar o xeito no que, a comezos da pasada centuria, cuestións como esta puideron desatar furores máis ou menos enconados nalgúns temperamentos sensibles, do mesmo xeito que outras similares poden desatalos hoxe entre nós. Porén, ao ler agora todo isto, case un século despois, trasladando a cuestión a outros aspectos do cotián, como o político, ou o social, resulta inevitable facer outra reflexión.

Nunha época como a actual, na que tantas cuestións de importancia seguen aínda pendentes, xa ninguén lembra algo que hoxe nos poida parecer, se cadra, tan intrascendente como aquelas propostas sobre o calendario feitas á Sociedade de Nacións, pero un non pode evitar preguntarse se moitas desas reformas pendentes de agora, que pasan pola reivindicación dun mundo máis xusto, máis igualitario, non serán vistas, pasados cen anos, feridas desa mesma anacronía coa que hoxe vemos aqueloutras do pasado. Un quixera pensar que non, que, de aquí a entón, moitas cousas poderán cambiar para ben, pero inevitablemente, mentres pecho o amarelado exemplar de La Centuria, voltan á miña mente as palabras de Camille Flammarion citadas por Rodríguez Sanjurjo: “hai para os reformadores un inimigo contra o que todos se estrelan: a rutina”.
Paz González, Mario
Paz González, Mario


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES