Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Suso do Bahía, Suso de Foz

martes, 02 de noviembre de 2010
Suso do Baha, Suso de Foz Un dos aspectos máis identificativos de Suso é a súa voz sonora, feita a forza de falar en público, radiofónica por tantos anos de facela soar a través dos micrófonos e das emisoras.
Aínda que pareza nostalxia, é historia xa -e permitídime recordala- que Radio Popular de Lugo naceu a comezos de outono de 1967, veñen de cumprise corenta e tres anos, e constituíu unha auténtica revolución no mundo da comunicación.
A dotación de persoal da nova emisora, chamada a provocar ledas convulsións en toda a provincia de Lugo, estaba formada por dúas ducias de rapaciños que andabamos polos vinte anos, marabillados de poder participar naquela aventura informativa.
A emisora tiña vocación provincial e buscou nos puntos máis importantes do territorio xente que a representase axeitadamente, dando unha imaxe de prestixio e de saber, e que á vez proporcionase novas e comentarios que informasen a todos os lucenses.
Helena Villar Janeiro, mestra e poeta falaba desde Becerreá. Anxel, magnífico debuxante, era o cronista de Chantada. Xaime Rábade Prieto, representaba a Cope en Vilalba. En Viveiro, o profesor Pablo Mateos Chao. En Ribadeo, Juan de Caridad. E en Foz, Suso Fernández, que moi axiña se transformou en Suso de Foz.
Suso era Foz. Non era que falase de Foz. Cando falaba Suso, sabíamos que falaba Foz. E a través de Suso fomos coñecendo e querendo a Rapadoira inmensa, sabendo que Manuel María escribira uns "Versos frolecidos en loubanza de Foz"... Enterámonos de que Foz era o único pobo que tiña un salvavidas chamado Xico, ó que tiven a ocasión de coñecer; que a Fundación Martínez Otero tiña un magnífico centro educativo... Soubemos tamén que aquí o tempo era espléndido, as feiras do libro magníficas, as festas maxestuosas, o futbol á altura dos clubes de primeira división, e as xentes ledas e festeiras... Porque o entusiasmo de Suso era contaxioso, e todos os da emisora estabamos convencidos de que Foz era un paraíso. E como nós, todos os nosos oíntes. Moitos milleiros de persoas se namoraron de Foz, entre outros moitos motivos, pola labia e o entusiasmo de Suso de Foz.
Pero sería inxusto se reducise o papel de Suso en Foz á súa voz entusiasmada contando pola radio como era o paraíso onde vivía, e como eran as xentes que estaban dispostas a compartilo cos que aquí viñeran.
Esto podería ser, ó mellor o é, só unha anécdota na vida de Suso. Suso libreiro e empresario, Suso organizador de feiras e certames, Suso escritor e narrador, Suso relacións públicas, Suso cabeza de familia, Suso amigo ó dispor dos amigos. Son moitos Susos nun Suso sólo. Por eso tamén cando chega o momento de decirlle que o admiramos, por tan varia actividade e dedicación necesitamos moitos elementos e variadas ocasións, porque unha soa cousa e un só momento non é abondo, cando todos queremos que quede marcado para sempre polas homenaxes, pola amizade, polo agarimo que desperta en tanta xente.
Tivemos unha xeitosa homenaxe na Sala Bahía, como corresponde. Houbo o nomeamento como Cronista Oficial. Houbo, e sinto ben non ter podido estar daquela en Foz, a distinción de Fillo Predilecto do Concello de Foz, e agora un libro - ENTRE AMIGOS - froito da aportación de 123 persoas que temos a honra de poder presumir de ser amigos de Suso de Foz. E desde agora, a homenaxe permanente que se palpa no ambiente, no aire, na xente de Foz.
Un gran escritor e un gran galego foi Xosé Ramón e Fernández Oxea, coñecido universalmente como Ben Cho Shey. Eu coñecino no comezo dos anos oitenta, moi maior, case perdida a fala, coa súa biblioteca mercada pola Deputación de Ourense, agardando pola morte nun pequeño piso de Madrid.
Ben Cho Shey deixou dito que á súa morte non quería ningunha honra, ningunha homenaxe… Que as homenaxes hai que facelas cando hai que facelas, cando a persoa homenaxeada comprende, disfruta, e pode seguir traballando con maior ímpetu. Despois, decía este gran galego, non valen para nada.
E neste país chamado Galicia somos moi dados ás honras tardías, case sempre póstumas, especialmente post morten, cando todos somos xa definitivamente bos. Tamén por eso é ben xeitoso o que Foz fai con Suso, como foi moi xeitoso o que Suso leva feito por Foz.
Este era o momento, e está sendo xeitosamente aproveitado por Foz, polo Concello, polos amigos para facerlle unha declaración de amor – Suso, ¡querémoste!- a quen tanto amor ten demostrado e derrochado por Foz e polas cousas de Foz.
E agora, Suso ten un libro seu e noso, que é noso porque somos cento vintetres –¡moita e boa xente!-, pero é del por destinatario, por alusións. Por levar toda a vida metido en cousas coma esta, afirmo que un libro así ¡manca!, no mellor sentido da palabra.
Moi pouca xente ten algo así… Que eu lembre, lucenses vivos, algo así téñeno Alfonso Blanco Torrado e Xesús Mato. E os dous están aquí, no libro, de Suso de Foz.
Non é que desde hoxe Suso teña que levar sempre consigo este libro, que seguro que si aínga que fisicamente o libro quede na casa. Pero será o seu libro de cabeceira, libro de mesa, libro de familia, libro de visitas, libro dos amigos.
Queremos que o disfrute moitos anos. El meréceo, e os 123 coidamos tamén ter un certo dereito a ter un pequeniño anaco no seu grande corazón. Pois de corazón a corazón, aí queda o libro. ¡Que lle aproveite como nos aproveitou a nós facelo entre todos!. E noraboa a Francisco Piñeiro pola iniciativa, e gracias porque contouno connosco.
Remato decindo, no nome de todos os seus amigos, que é unha honra querer a Suso e ser queridos por el, e que non fai falla constituir oficialmente unha ASOCIACIÓN DE AMIGOS DE SUSO DE FOZ, porque xa a hai, foise facendo dia a día, ano a ano, todos somos membros dela, e a todos, con Suso, quédanos moito - ¡moito!- que facer nesta vida, sempre ¡Rumbo a Foz!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES