Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Esfollando margaridas

martes, 26 de octubre de 2010
Fernando, Roberto, Alejandro… ó tempo que Lady Gaga enumera confusa os nomes dos seus amantes, os máis cool da disco pasan dun en un os decenarios brasileiros que penduran do seu pulso. Sipi-nopi, sipi-nopi, imaxino divertida que cantaruxan botando contas de si xa teñen a pulseiriña fucsia, e mais a azul, e mais a amarela…e así ata dez.
Están por todas partes, hai tantas coma a estupidez social é capaz de mercar… figurádevos! Para os que aínda non estean na onda, aclaro que me estou a referir ás pulseiras de moda, ás de Sara Carbonero por suposto, tal e como acertou a indicarme un senegalés cando eu pasaba diante do seu posto de venta ambulante. E é que non hai nada que se venda de xeito máis ambulante que as pulseiriñas de marras. “Compra guapa, las de Carbonero”. E as de Shakira, e as de Pilar Rubio, e as de Elsa Pataky, e as de Penélope Cruz. La crème de la créme, vaites. Que parva fun! O amigo senegalés ofrecéndome a posibilidade de converterme nunha super famosa por uns poucos euros e eu sen decatarme. Pero non importa, pois lonxe da miña ignorancia, parecen estar ó tanto miles de millóns de españois que locen orgullosos ese puñado de fíos rechamantes polo triste imperativo da urxencia fashion que impoñen as modas absurdas.

Sen ir máis lonxe, o outro día nun bar de Santiago, un clásico antro alternativo da noite compostelá, observei a un destes exemplares. Camisa impecable e pantalón de pinzas.
Pola súa vestimenta podería pasar por un perfecto executivo, unha característica que o facía desentoar dabondo co ambiente que o rodeaba. O seu comportamento deixaba claro, por se quedase algunha dúbida, que se atopaba nun estado de ebriedade aguda, por falarmos en clave eufemística. E como non debía ter suficiente, aínda se apoiaba na barra en demanda de máis alcohol. Así que cando estirou o brazo para entregarlle o billete ó camareiro e axustar contas…aí estaban! Ajá! Tal e coma sospeitara dende o principio! As pulseiras de Sara Carbonero pendurando dunha en unha polo brazo daquel malpocado babeco. As dez xustas. Non falla.

Xógome un dedo e parte da man a que aquel individuo e todos cantos se amosan fieis a portar tan penosos adornos non teñen nin idea de que o uso orixinal desas pulseiras -as cales están agora despoxadas del por completo- non era outro que levar a conta dos dez avemarías dos que se compón o rosario. Lémbrame isto a cando Cristiano Ronaldo -outro pilar trendy da iconografía posmoderna- levaba os propios rosarios coma colares, despois do cal, non faltaba máis, millóns de fans fixeron o propio. Mesmo estou convencida que parte dos que critican estas actitudes miméticas son donos dunha power balance, a famosa pulseira do equilibrio que promete transformarte, a través do contacto dos imáns coa pel, nun áxil traballador, nun pai exemplar e nun amante dos que quitan o impo. Por arte de maxia. Aínda que a verdadeira milagre é que a suxestión colectiva sexa tal que permita alimentar unha estafa millonaria coma esa.

Custa crer que os nosos comportamentos poidan chegar a ser tan puerís. Por iso cando vexo a alguén coas famosas pulseiriñas colgando do pulso non podo evitar recordar aquilo que todo neno fixo algunha vez… quéreme, non me quere, quéreme, non me quere… Claro que a empresa que tratábamos de descifrar cando eramos uns rapaces atendía a asuntos ben máis importantes.
Pallares Vilar, Nerea
Pallares Vilar, Nerea


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES