Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Portugal e a crise: Telepeaxes, rexionalismo e orzamento

viernes, 22 de octubre de 2010
a) Introdución
Portugal é un dos países cuxa fraxilidade económica suscita máis atención desde hai meses. Isto ten motivado a adopción de dúas medidas que merecen atención. A primeira, a introdución de telepeaxes nas autoestradas SCUT, polas súas consecuencias para a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e por ter activado o rexionalismo portugués da rexión Norte. A segunda, a elaboración dun orzamento de Estado que non consegue satisfacer a ninguén e que coloca o país nunha situación de crise política de primeira orde.

O pasado 10 de setembro o goberno socialista de José Sócrates aprobaba a fin da gratuidade das autoestradas ata agora coñecidas como SCUT (Sen Custos para o UTilizador). As cobranzas comezaron a aplicarse o venres 15 de outubro nas de Norte Litoral e Grande Porto, situadas na rexión Norte, e Costa da Prata, situada na rexión Centro. A súa introdución supón un obstáculo para o proceso de integración da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, na medida en que gravan de modo significativo uns desprazamentos necesarios para o pleno aproveitamento das potencialidades que implica a identidade lingüística, proximidade territorial e cultural e a existencia de institucións como a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) e o Eixo Atlántico.

A previsión deste impacto, unido ao que se derivará da maior carga para os desprazamentos da propia poboación da rexión Norte, a pesar da previsión dunhas exencións de carácter limitado, está na base da reactivación do debate rexionalista en Portugal, liderado pola rexión Norte e máis concretamente polo Movimento pró-Partido do Norte. O ex-deputado do PS Pedro Baptista é quen encabeza este movemento, que conta con adhesións de políticos e xente de a pé próxima dos demais partidos políticos.

A impopularidade desta medida levou a protestas dende a Xunta de Galicia, o Eixo Atlántico, a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), a súa homóloga Asociación de Empresarios do Norte de Portugal, e boa parte dos alcaldes do Norte portugués, aos que pouco a pouco se van sumando os de outras rexións.

Con anterioridade, entre xullo e agosto pasado, a presión política e social en Portugal levou a que o goberno de Sócrates suspendera temporalmente a posta en marcha das peaxes. Posteriormente, o goberno portugués veuse apoiado pola Unión Europea, que validou a conversión a autovías de pago de todas aquelas autoestradas ata agora gratuítas subvencionadas con fondos europeos.

Mentres se aprecia certo nivel de confusión en Portugal sobre a posta de funcionamento deste dispositivo de cobro, a introdución destas peaxes completarase a partir do próximo 15 de abril de 2011 no resto das autovías SCUT do Centro e Sur de Portugal: Interior Norte, Beiras Litoral, Alta Beira Interior e Algarve. Todo isto enmarcado nun difícil contexto político, pautado polas dificultades para aprobar os Orzamentos Públicos 2011, que agravaron aínda máis os xa preocupantes efectos da crise financeira e económica internacional no país veciño, pola crecente impopularidade do goberno Sócrates, a imposibilidade de eleccións lexislativas debido á marcación de eleccións presidenciais para o 23 de xaneiro, e a previsión dunha folga xeral para o próximo 24 de novembro.

b) A oposición na eurorrexión
A introdución de portaxes nas SCUT do Norte a partir do próximo 15 de outubro supón un obstáculo no proceso de integración eurorrexional. As cobranzas serán aplicadas nas autovías A-27 (Ponte de Lima-Viana do Castelo); A-28 (Viana do Castelo-Porto); e ás A-41 e A-42, que unen Felgueiras, Guimaräes, Braga, Santo Tirso, Póvoa de Varzim e Vila do Conde con Porto.
Todas estas autovías son frecuentemente utilizadas por usuarios e transportistas dende Galicia. O percurso máis utilizado pola poboación eurorrexional, Viana do Castelo-Porto, pasará a custar 8,10€, ida e volta.

Os sistemas de pagamento previstos incrementan a confusión e complexidade. A entidade oficial Estradas de Portugal considera diversas opcións como a instalación dun dispositivo electrónico de matrícula ou “chip”, que pode ascender a 50 euros con garantía, e que se pode adquirir en estacións de servizo e de correos en Portugal; outra posibilidade son os aparatos Vía Verde, similares á Vía T que se utilizan nas autoestradas galegas; e, finalmente, a través dunha tarxeta prepago de recargo. Tamén existe a posibilidade de aluguer do “chip”, con custo de 50 euros para turismos e 100 euros para transportes.
As multas e sancións establecidas polas autoridades portuguesas no caso de non pagarse este incremento oscilarían entre 80 e 600 euros, que chegarían a 3.000 euros no caso de reincidentes, segundo o anunciado polo secretario de Obras Públicas, Paulo Campos.

Oficialmente, por “razóns técnicas” e a pesar de existir un pacto entre o PS e o PSD para aprobalo, a introdución das peaxes foi suspendida en dúas ocasións entre xuño e agosto na Asemblea da República portuguesa. Nese momento, o alcalde vigués Abel Caballero enviou unha carta a Sócrates pedindo que renunciara aos seus plans. Tras a súa aprobación o pasado 10 de setembro, días despois a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia enviou outra carta ao primeiro ministro portugués, na que amosaba a súa preocupación pola medida. Posteriormente, a Xunta recoñecía non ter recibido resposta algunha por parte do goberno portugués.

A comezos de setembro, o presidente dos alcaldes socialistas de Portugal e rexedor da localidade de Melgaço, Rui Solheiro, advertiu sobre como as peaxes afectarán ás poboacións do norte portugués, facendo así causa común coas demandas dos alcaldes socialistas de Montealegre, Viana do Castelo, Lousada e Leiría. Esta presión política foi acompañada pola empresarial: once organizacións de empresarios, representantes de máis de 3.000 empresas, reuníanse en Viana do Castelo o pasado 27 de setembro.

A esta reunión acudían representantes das Cámaras de Comercio de Vigo, Tui, Vilagarcía de Arousa e Pontevedra, da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), do Eixo Atlántico (que agrupa a 34 concellos galegos e portugueses) e da Associaçao Empresarial de Viana do Castelo. Nesta reunión, o presidente da Associaçao Portuguesa de Hostelería, Restauraçao e Turismo, Rodrigo Pinto Barros, alertou sobre a redución substancial do número de turistas galegos no Norte de Portugal, a raíz desta medida. Pola súa banda, o director xeral do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, criticou a “unilateralidade” de Sócrates á hora de aprobar esta medida. Paralelamente, a Asociación de Empresarios de Transportes Discrecionais de Mercancías de Pontevedra, que representa a 600 empresas galegas e constitúe un dos colectivos máis afectados pola entrada en vigor deste incremento, cifrou en 6.000 euros o custo para cada empresa do aumento desta peaxe, advertindo sobre a “perda de competividade económica” que carreará esta medida. Dentro deste marco de oposición, o presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP), José Manuel Fernández Alvariño, solicitou ante a Unión Europea unha aclaratoria sobre a validez desta medida, en especial en autovías financiadas con subvencións europeas, ao considerar que a mesma afectará enormemente o comercio e transporte entre España e Portugal, que pasa na súa maioría por Galicia. Non obstante, o Director Xeral de Política Rexional da UE, o austríaco Johannes Hahn, considerou en setembro válida a introdución das portaxes.

A CEP lanzou cifras sobre a importancia do comercio interrexional actual: máis de 100 empresas galegas están asentadas no Norte de Portugal e o 51% do comercio de mercancías entre España e Portugal en 2009 pasou por Galicia. Unha factoría da importancia de PSA Peugeot-Citroën, por exemplo, veríase afectada ao ter parte das súas empresas auxiliares en Portugal.

c) O Movimento pró-Partido do Norte
Creado no mes de maio cos primeiros anuncios da introdución das portaxes nas SCUT, inicialmente prevista só para as do Norte, o MpPN nace coa intención de conformar un partido que defenda os intereses da rexión do Norte e promova unha rexionalización que está prevista na constitución lusa, pero que ten fracasado no pasado. Aínda que as portaxes das SCUT foron o detonante, o MpPN está a desenvolver e divulgar con éxito un imaxinario que describe a rexión Norte como vítima de políticas fortemente centralistas e lesivas para os intereses rexionais. Non faltan, de feito, voces que vaian alén do rexionalismo e cheguen a ameazar cunha transición a posicións nacionalistas no caso de que as súas reivindicacións non cheguen a encontrar resposta en Lisboa.

O MpPN está a contar coa adhesión crecente de xente nova até agora non activa politicamente e mesmo de personalidades e militantes de base dos diversos partidos portugueses. O propio líder do MpPN, Pedro Baptista, ex-deputado do PS e aínda militante desta formación, anunciou xa que a deixará no momento de se legalizar a nova formación política. Isto implicará a irrupción dunha nova clivaxe no sistema de partidos portugués, a rexionalista, que repercutirá no actual sistema de partidos.
Para a conformación do futuro Partido do Norte, o MpPN terá que sortear o precepto constitucional que prohíbe expresamente os partidos de base rexional.

d) Orzamentos 2011 e crise política
A situación económica e financeira de Portugal, á par da presión internacional exercida desde a UE e os investidores estranxeiros están na base dun orzamento fortemente restritivo no gasto público e que vai aumentar a carga fiscal sobre as clases media e baixa. Isto determina un divorcio do PS en relación aos posibles aliados pola esquerda, Bloco de Esquerda e Partido Comunista. Pero, paradoxalmente, tamén ten conlevado ameazas de veto por parte do outro grande partido portugués do centro-dereita, o Partido Social Democrata (PSD); hipótese esta que de confirmarse colocaría o país ao borde do abismo, na medida en que o PS precisa de apoios externos para sacar adiante o orzamento, por carecer de maioría absoluta no Parlamento.

O orzamento recolle en boa medida o Plan de Austeridade anunciado por Sócrates, valorado en 5.100 millóns de euros nos que se estipulan, entre outras medidas, baixar o déficit público do actual 9,4% ao 4,6% para 2011. Tamén están estipulados neste plan unha redución de entre 3,5 e 10% nos salarios dos funcionarios públicos (cuxo custe total ocupa o 22% do gasto corrente estatal), así como un incremento de dous puntos porcentuais do Imposto ao Valor Engadido (IVE), ata alcanzar o 23%, a conxelación das pensións e recortes no gasto social.

Baixo este panorama, a conflitividade social está aumentando o nivel de tensión política. O secretario xeral do Partido Comunista Portugués (CPC), Jerónimo de Sousa, certificou o seu absoluto distanciamento político de Sócrates ao cualificar o seu plan de austeridade como un “golpe brutal” para a clase traballadora e media. Os principais sindicatos do país, CGTP e UGT, convocaron unha folga xeral para o 24 de novembro. En caso de non alcanzarse un acordo en relación ao orzamento, Portugal verase inmerso nunha difícil conxuntura política previa ás eleccións para a Presidencia da República previstas para o próximo 23 de xaneiro de 2011. O goberno ficaría sen unha ferramenta fundamental para o goberno e para espantar as pantasmas dos mercados financeiros internacionais, que observan con lupa o devir portugués nestes momentos. Ademais, unha tan importante derrota constituiría unha desautorización en toda regra do executivo do PS. Deste modo o ten entendido Sócrates, que xa anunciou que presentaría a súa renuncia, de ser o caso.

No improbable escenario de desacordo parlamentario en relación ao orzamento a outra opción posible sería un goberno alternativo saído dos actuais deputados do Parlamento, que tería que ser tamén do PS, por ter maioría relativa, pero que contaría cunha lexitimidade cuestionable e, por tanto, partiría dunha situación de debilidade flagrante nun momento de extrema delicadeza. A outra posibilidade teórica, a dunhas eleccións lexislativas anticipadas, non sería posible até 90 días despois da elección do Presidente da República, por estar marcado así na Constitución lusa, o que implica que non se poderían celebrar ata finais de abril ou, sendo máis realistas, maio. Nos últimos días multiplícanse os esforzos por convencer o líder do PSD, Pedro Passos Coelho, da necesidade de viabilizar o orzamento do Estado.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES