Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Crise en Ecuador

viernes, 08 de octubre de 2010
a) Introdución
A rebelión de diversos efectivos policiais e militares acaecida o pasado 30 de setembro en Ecuador contra o presidente Rafael Correa, cun saldo aproximado de dúas mortes e decenas de feridos, provocou unha confusa situación con claros visos de reproducir un escenario de Golpe de Estado similar ao ocorrido en xuño de 2009 en Honduras contra o ex presidente Manuel Zelaya ou, incluso, o presentado en abril de 2002 en Venezuela contra o presidente Hugo Chávez. Oficialmente, os efectivos policiais protestaban contra os recortes de beneficios salariais, desencadeando unha rebelión na que agrediron e acurralaron ao presidente Correa no Hospital Policial, sendo este posteriormente rescatado por forzas militares leais.
Este suceso incrementa os temores de retorno da inestabilidade institucional, política e militar en Ecuador, iniciada en 1997 con diversas rebelións populares, golpes de Estado e remoción de presidentes.
Paralelamente, a actual crise pon a proba a consistencia institucional e popular dos avances progresistas e da relativa estabilidade política presentada neste país andino desde a chegada de Correa á presidencia en 2007.
Correa responsabilizou inmediatamente ao ex presidente e ex militar Lucio Gutiérrez de estar detrás desta confusa trama con claros matices golpistas.
Partícipe no 2000 dun golpe de Estado contra o entón mandatario Jamil Mahuad, Gutiérrez foi electo presidente en 2003 para ser destituído dous anos despois polo poder xudicial, tras unha rebelión popular. Se ben resulta unha incógnita a súa implicación nos sucesos contra Correa, compre sinalar que no momento en que se desencadeaba a crise en Quito, Gutiérrez declarou dende Brasilia que “a tiranía de Correa está a punto de rematar en Ecuador”.
Se ben a práctica totalidade dos mandatarios latinoamericanos, así como de EEUU e España, manifestaron inmediatamente o seu apoio ao presidente Correa, non resulta casual que esta alarmante crise ocorra precisamente nun país membro da Alianza Bolivariana para as Américas (ALBA), dentro dun contexto abertamente polarizado.

b) Correa contén a rebelión
A crise ecuatoriana desencadeouse o pasado 30 de setembro, cando oficiais e subalternos da Policía Nacional subleváronse reclamando a derogación da Lei de Servizo Público enviada ao Parlamento en agosto e aprobada o pasado 29 de setembro na unicameral Asemblea Nacional, tras algúns vetos realizados polo presidente Correa. Entre outras disposicións, este lei recorta as condecoracións e algunhas bonificacións das forzas policiais, así como alarga os períodos para ascender na carreira profesional.
Mentres o presidente Correa tentou negociar cos efectivos policiais que posteriormente lle agrediron fisicamente, sublevouse o cuartel do Rexemento Quito, ao norte da capital, obrigando ao mandatario a refuxiarse no Hospital da Policía, sendo cercado durante once horas por policías rebeldes. Testemuñas afirmaron que altos mandos policiais arengaban aos sublevados considerando que “non lle deixamos saír e imos a cobrarlle ao presidente o que fixo coa policía”.
Milleiros de simpatizantes do presidente saíron as rúas a denunciar un golpe de Estado en marcha mentres o Ministro de Seguridade Interna, Miguel Carvajal, declaraba o Estado de Excepción. A Radio Pública ecuatoriana informou de saqueos en Guayaquil, a segunda cidade máis importante do país andino, e o canal público de televisión ECTV denunciou que os policías rebeldes tentaron cortar o seu sinal. A insubordinación policial tamén tomou posicións no aeroporto de Quito, confirmando así unha trama golpista previamente elaborada.
O caótico escenario de choques nas rúas entre manifestantes e forzas policiais deu paso á actuación dun comando de elite das Forzas Armadas que permitiu ao mandatario ecuatoriano regresar ao pazo presidencial de Carondelet. Correa entón dirixiuse aos seus simpatizantes dende o balcón presidencial para denunciar o intento de golpe, ao mesmo tempo que recibía o apoio unánime da comunidade internacional, en especial por parte dos gobernos de Arxentina, Chile, Bolivia, Brasil, Colombia (con quen Quito está restaurando unhas relacións rotas desde 2008), Paraguai, Perú, Uruguai, España e da sección hemisférica da Internacional Socialista.
Paralelamente, o Departamento de Estado dos EEUU e a secretaria de Estado, Hillary Clinton, emitían sendas declaracións de respaldo ao “presidente constitucional Correa”, preocupándose pola “anarquía interna”. O Consello Permanente da Organización de Estados Americanos (OEA) e a Unión de Nacións do Sur (UNASUR), da que Quito ocupa actualmente a súa secretaría xeral, convocaron reunións de urxencia en Bos Aires ante a gravidade da crise ecuatoriana.

c) Unha oposición reaccionaria
Esta confusa crise evidencia un posible pulso entre o presidente Correa e o ex mandatario e líder da oposición Lucio Gutiérrez, do Partido Sociedade Patriótica (PSP), quen acusa a Correa de gobernar “con prepotencia” e “tiranía”. Dende Brasilia, onde asistía como observador do proceso electoral brasileiro do 3 de outubro, o propio Gutiérrez desmentiu a súa implicación, aínda que fixo unha declaración reveladora ao asegurar que “a tiranía de Correa está a punto de rematar en Ecuador”.
Pero máis que as rivalidades políticas e os descontentos de determinados estamentos políticos, sociais ou policiais, as claves desta crise estarían relacionadas coa posibilidade de que a oposición a Correa, principalmente liderada por partidos de dereita como a Sociedade Patriótica e o Partido Renovador Institucional de Acción Nacional (PRIAN), véxanse desprazada do protagonismo político ante as vitorias electorais e a popularidade do mandatario ecuatoriano.
Paralelamente, a oposición mantén unha posición fortemente reaccionaria ante os cambios constitucionais propiciados por Correa desde 2007, en especial no relativo á ampliación da participación popular a través da “democracia participativa”, as reformas nos sectores de saúde e educación, o reforzamento do Estado na economía e nas finanzas e a defensa dun novo modelo de desenvolvemento, co énfase no social e no ambiental.
É mesmo posible que sectores da oposición ecuatoriana tentaran reproducir o “exemplo da oposición venezolana” contra Chávez durante o período 2001-2004, propiciando todo tipo de canais ilegais e irregulares para desestabilizar e acabar co mandato de Correa. A oposición acusa ao mandatario ecuatoriano de “autoritarismo” e de promover o “modelo bolivariano” de Chávez, a través da presenza de presuntos “militantes revolucionarios” en Ecuador, controlados por venezolanos e cubanos, como unha especie de “grupos de choque” en apoio de Correa.
Sectores de esquerda simpatizantes de Correa dentro e fóra de Ecuador argumentan que diversos estamentos da policía e das Forzas Armadas ecuatorianas estarían infiltrados por grupos financiados polas organizacións estadounidenses United States Agency for International Development (USAID) e da National Endowment for Democracy (NED), que premen por recrear escenarios de inestabilidade para pedir a renuncia do presidente ecuatoriano. A base destas afirmacións estaría nun informe interno do Ministerio de Defensa, no que se advirte de presuntas accións de “diplomáticos estadounidenses que corrompen a funcionarios policiais e militares ecuatorianos”.
Estas presuntas infiltracións da USAID e a NED tamén estarían centradas en organizacións progresistas, en principio simpatizantes con Correa pero que nos últimos tempos manteñen unha posición fortemente crítica contra a súa xestión gobernamental, así como outras abertamente opositoras. Menciónase así á poderosa Confederación de Nacionalidades Indíxenas de Ecuador (CONAIE), Participación Cidadá, Pro-Justicia, o Consello de Desenvolvemento das Nacionalidades e Pobos do Ecuador (CODENPE), a Corporación Empresarial Indíxena de Ecuador, e os movementos indixenistas Fundación Q ́ellkaj e Pachakutik. Esta última apoia oficialmente ao ex presidente Gutiérrez e pediu publicamente a renuncia de Correa no momento álxido da actual crise.
Diversos actores políticos ecuatorianos que denunciaron esta trama golpista contra Correa instando a defender a Constitución e a democracia, paralelamente consideraron que parte desta crise foi provocada, precisamente, pola presunta “prepotencia de Correa” á hora de tratar o tema dos recortes orzamentarios policiais. Igualmente, consideraron “imprudente” a súa presenza no cuartel policial.
Independentemente das actitudes adoptadas, Correa mobilizou os apoios populares de diversos grupos indíxenas e movementos sociais que marcharon cara a capital Quito para manifestar o seu respaldo. A pesar de que o alto mando militar declarou o seu apoio a Correa, non estivo totalmente clara a súa posición durante a evolución da crise, en especial nos momentos en que o presidente estaba cativo no Hospital policial.
Tras esta crise, os escenarios políticos inmediatos dependerán da actitude do presidente Correa. A depuración dos corpos policiais será unha realidade que puidera non excluir un diálogo condicionado, ou ben dar paso á asunción de poderes especiais, tendo en conta o Estado de Excepción a nivel nacional, incluso con posibilidade de disolución da Asemblea Nacional.
Compre aquí observar que a relación de Correa e os poderes civís co estamento militar e os altos mandos policiais será clave na resolución desta crise nos próximos días.

d) Golpeando o eixe da ALBA
A crise ecuatoriana debe igualmente avaliarse nun contexto xeopolítico rexional sumamente complexo, en especial ante o retorno electoral e político de partidos de dereita e centrodereita en América Latina, que alteran sensiblemente a orientación cara a esquerda experimentada na rexión na última década, en particular nos países que conforman a Alianza Bolivariana para os Pobos da Nosa América (ALBA). Desde marzo de 2009, Ecuador é membro pleno da ALBA.
O golpe en Honduras acaecido en xuño de 2009 contra o ex presidente Manuel Zelaya revelou unha tendencia basicamente dirixida a “pechar o círculo” de acoso cara países membros da ALBA. As posteriores tensións internas en Paraguai, país observador da ALBA que busca ingresar neste organismo, colocaron tamén ao seu presidente Fernando Lugo nunha situación sumamente delicada, con protestas populares con marcado acento desestabilizador e a aparición dunha inédita guerrilla nese país. Dentro deste marco, e a pesar da súa hexemonía política e electoral, o presidente boliviano Evo Morales, tamén membro activo da ALBA, vese constantemente premido por actores golpistas dentro e fóra do seu país, en especial nas rexións orientais bolivianas.
O reforzamento político e electoral da dereita en Colombia, coa vitoria en maio pasado de Juan Manuel Santos salvagardando o legado do “uribismo”, permitiu afirmar unha orientación política rexional cara a dereita, anteriormente manifestada nas eleccións presidenciais de Panamá e Chile. O caso colombiano é significativo porque Quito e Bogotá romperon relacións en marzo de 2008, tras o ataque militar colombiano contra o campamento da guerrilla colombiana das FARC en territorio ecuatoriano, que deu morte ao líder da guerrilla Raúl Reyes.
Acusado dende Bogotá de propiciar a actividade das FARC en territorio ecuatoriano, o presidente Correa e o mandatario colombiano Santos superaron recentemente esta crise cun compromiso de reinicio diplomático. Paralelamente, Santos defendeu a legalidade presidencial de Correa trala recente rebelión policial en Quito. Igualmente, Correa abriu canais de relación económica con EEUU, en especial trala recente visita de Hillary Clinton a Quito en xuño pasado.
Pero resta observar a evolución destas relacións trala recente morte a mans do exército colombiano do xefe militar das FARC, “Mono Jojoy”, especialmente ante a perspectiva de que as autoridades colombianas publiquen presuntas probas de implicación das FARC con Correa, tal e como ocorrera no caso de Reyes en 2008. Incluso medran as especulacións sobre cales serían os intereses políticos presentes trala inhabilitación por parte da Procuradoría Xeral de Bogotá, da senadora colombiana Piedad Córdoba, simpatizante de Chávez e do eixe da ALBA.
Este cerco cara a ALBA pode evidenciarse tamén ante o avance electoral da oposición a Chávez nos comicios lexislativos de Venezuela do pasado 26 de setembro, confirmando esa tendencia política e electoral de reforzamento de actores opositores ao modelo bolivariano e socialista, neste caso no mesmo centro do país propulsor da ALBA. Igualmente clave serán as eleccións presidenciais peruanas de 2011, onde Washington e Bogotá poden afianzar un aliado que permita cercar aínda máis o eixe da ALBA, conformado por Venezuela, Ecuador e Bolivia no ámbito sudamericano.
En conclusión as tensións internas en Ecuador supoñen unha dura proba para a consistencia do proceso de cambio impulsado por Correa e para a consolidación da ALBA e da UNASUR como actores de relevancia do proceso de integración sudamericana. Deste modo, o nivel de actuación dos actores do eixe xeopolítico favorable a Washington en América Latina, poderían estar indirectamente gravitando nos recentes sucesos acaecidos en Quito.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES