Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eleccións lexislativas Venezuela 2010

lunes, 04 de octubre de 2010
a) Introdución
O próximo 26 de setembro se realizarán eleccións para a Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP) da República Bolivariana de Venezuela, onde se renovarán os seus 165 escanos, así como 12 representantes do Parlamento Latinoamericano e os seus respectivos suplentes para o período 2011-2016.
Un total de 110 deputados serán electos por votación nominal, postulados para unha determinada circunscrición electoral, mentres que 52 o farán por lista para un determinado estado ou rexión. Así mesmo, se elixirán 3 representantes indíxenas. Entre titulares e suplentes, postularanse un total de 1.548 aspirantes.
Segundo datos do Consello Nacional Electoral (CNE) referidos a xullo de 2010, están chamados a votar un total de 17.772.768 electores.
Enmarcadas dentro dunha tensa polarización social e política, estas eleccións son interpretadas unha vez mais como unha especie de plebiscito sobre a xestión do presidente Hugo Chávez. Aspectos como a alarmante inseguridade cidadá e a crise económica, en especial ante a certificación de problemas de abastecemento de produtos primarios, definen o panorama preelectoral.
Igualmente, estes comicios desenvólvense nun momento decisivo no pulso entre dous modelos de país abertamente confrontados. Por unha banda, porase a proba a consistencia do proxecto do “Socialismo do Século XXI” a través da consolidación política e electoral do Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV). Chávez ansía repetir a maioría absoluta para acelerar así as bases do proxecto socialista venezolano.
Por outra, e tras boicotear os anteriores comicios lexislativos de 2005, o mosaico de partidos e movementos opositores, reunidos nesta oportunidade na Mesa da Unidade (MUD), espera concretar unha alternativa política viable ao “chavismo”, a través dunha sólida presenza na Asemblea Nacional.
A medio e longo prazo, estes comicios lexislativos definirán o mapa político e electoral venezolano de cara aos comicios presidenciais previstos para decembro de 2012, onde Chávez volverá a optar á reelección.

b) O mapa electoral
Baixo o lema electoral “Operación Demolición”, a “Campaña Admirable” do “chavismo” céntrase nunha fórmula electoral unitaria formada polo PSUV-PCV, que agrupa ao Partido Socialista Unido de Venezuela (PSUV) e o Partido Comunista de Venezuela (PCV), ademais das candidaturas do Consello Nacional Indio de Venezuela (CONIVE) e determinados partidos e movementos minoritarios cos que conforma específicas alianzas a nivel rexional.
O programa electoral do PSUV-PCV se orienta a fortalecer os cimentos da construción do modelo do Socialismo do Século XXI, a través da obtención dunha maioría absoluta parlamentaria ou ben a consecución de 2/3 da Asemblea, que lle permita fortalecer este proxecto socialista pola vía lexislativa no período 2010-2015.
Para iso, as directrices estratéxicas do “chavismo” susténtanse na mobilización de 12.471 Unidades de Batalla Bolívar 200 (UBB 200), correspondentes a cada centro de votación a nivel nacional, así como as Patrullas Bolívar 200 e as recen xuramentadas “Gardiáns de Chávez”.
O decálogo das bases programáticas do PSUV-PCV para a Asemblea Nacional pode resumirse en:
- Preservación do modelo revolucionario “bolivariano”, a través da ampliación das misións sociais (MERCAL, Barrio Adentro, misións educativas, etc.) e aceleración da “construción do socialismo” a través do reforzamento dos consellos comunais como órganos de expresión do poder popular;
- Administración dos recursos naturais “en favor do pobo” e preservación dos recursos naturais e ambientais;
- Unidade política interna das forzas revolucionarias bolivarianas;
- Consolidación dos proxectos de integración latinoamericanos, como a ALBA, PETROCARIBE, TELESUR, Banco do Sur e Satélite Simón Bolívar.
Pola súa banda, a oposición conformou unha Mesa da Unidade (MUD) de variado cariz político e ideolóxico (varios deles disidentes do “chavismo”) e na que se integran diversos partidos e movementos políticos.
A MUD está conformada por Primero Justicia (PJ), Asociación Civil SÚMATE; Acción Democrática (AD), Partido Social Cristiá COPEI-Partido Popular, Alianza ao Bravo Pobo (ABV), La Causa R, Por la Democracia Social (PODEMOS), Partido Patria para Todos (PPT), Bandera Roja (BR), Unión Republicana Democrática (URD); Vangarda Popular (VP); MIN Unidade Venezuela, Proxecto Venezuela (PV), Movemento Republicano (MR), Un Novo Tempo (UNT), Comando Nacional da Resistencia (CNR) e Movemento ao Socialismo (MAS).
A mobilización electoral opositora está conformada por 11 unidades organizativas que divulgan o programa electoral da MUD. Compre observar a conformación, especialmente por parte de partidos como PODEMOS e Primero Justicia, de “redes de apoio popular e comunitario” nos barrios máis populares, con certa similitude aos órganos de mobilización do PSUV.
A grandes trazos, o programa electoral da opositora Mesa da Unidade (MUD) se concentra en aspectos moito máis específicos, como:
- Loita contra a corrupción administrativa e a inseguridade cidadá;
- Medidas contra a crise económica e o desabastecemento de produtos básicos;
- Fortalecemento do proceso de descentralización administrativa, da sociedade civil e da independencia dos poderes públicos;
- Defensa da propiedade privada ante a “aceleración do modelo comunista”, as expropiacións e o proceso de estatización impulsado desde 2007 polo goberno de Chávez.

c) Os prognósticos electorais
As principais empresas de opinión e enquisadoras venezolanas afrontan este proceso electoral 2010 cunha matriz analítica practicamente similar no relativo ao elevado caudal de incerteza política, así como ante a posibilidade de que o presidente Chávez non logre a maioría absoluta parlamentaria (2/3 da ANPP), obstaculizando así o soporte lexislativo necesario para consolidar o seu proxecto político.
No período comprendido entre agosto e a primeira quincena de setembro de 2010, reflectíronse determinadas enquisas de opinión, como a do pro-chavista Grupo de Investigación Social XXI (GIS XXI), que estima un 52,6% de votos para o PSUV e un 47,4% para a opositora MUD. O GIS XXI considera que o PSUV obterá unha maioría parlamentaria de entre 126 e 130 deputados, así como a vitoria en 20 estados do país. O “chavismo” insta na súa campaña electoral a superar os 110 deputados para obter a maioría parlamentaria.
Mesma consonancia rexistrou a enquisadora afecta á oposición como Datanálisis, que considerou un 52% de votos para o PSUV e un 48% para a MUD. Pola súa banda, Alfredo Keller & Asociados cifrou as intencións de voto en 32% para o PSUV e 46% para a MUD, mentres Hinterlaces considerou unha relación de 37% para o PSUV e 41% para a MUD.
Non obstante, o factor do voto dos indecisos volve a ser determinante para inclinar a balanza electoral. En xuño de 2010, estas enquisadoras (GIS XXI, Alfredo Keller, Hinterlaces e Datanálisis) estimaban este segmento entre un 25-35% do electorado venezolano.
Igualmente, existe paridade de criterios á hora de estimar que estas eleccións lexislativas mobilizarán un elevado nivel de participación electoral, que practicamente todas as enquisas sitúan nun 65-68%.

d) As eleccións de 2005
Determinadas polo boicot dos partidos da oposición, alegando presuntas irregularidades no censo electoral e de falta de garantías electorais por parte do Consello Nacional Electoral (CNE), o 4 de decembro de 2005 realizáronse os comicios para a elección dos 167 deputados da Asemblea Nacional, 12 escanos para o Parlamento Latinoamericano e 5 para o Parlamento Andino.
A abstención, segundo cifras do Consello Nacional Electoral (CNE), alcanzou o 74,4% (10.668.223 persoas) dun censo electoral conformado por 14.272.964 persoas. Tras estes resultados, a composición da Asemblea Nacional no período 2005-2010 foi a seguinte:

Eleccións lexislativas Venezuela 2010

O contexto político electoral 2007-2010
Pouco despois da contundente reelección presidencial de Chávez en decembro de 2006, comezaron a xurdir disensións internas dentro da plataforma “chavista”, unha vez se impulsara a creación do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV) a partir de abril de 2007. Deste modo, desapareceu o denominado Polo Patriótico, co Movemento V República (MVR) como principal partido.
Dentro dun intenso proceso de discusión coas súas respectivas bases, as direccións centrais dos partidos PODEMOS, Patria Para Todos (PPT) e nun principio o Partido Comunista de Venezuela (PCV), decidiron separarse formalmente da plataforma “chavista”.
Posteriormente, o PCV decidiu formalizar a súa alianza co PSUV.
Este proceso deu paso a un novo mapa político en Venezuela. A derrota do PSUV no referendo de reforma constitucional de decembro de 2007 significou a primeira vitoria electoral da oposición que, moderadamente, logrou reivindicar nos comicios municipais de novembro de 2008, logrando gañar en importantes estados como o Distrito Capital, Miranda, Carabobo e Zulia. Pola súa banda, o PSUV triunfou en 18 dos 23 estados do país.
Posteriormente, en febreiro de 2009, o presidente Chávez logrou outra vitoria electoral no referendo de emenda constitucional que permitirá a “reelección indefinida”, cun 54,6% dos votos, elemento clave para definir a candidatura do PSUV nos comicios presidenciais de 2012. Dende entón, e avanzando aceleradamente co seu proxecto, resulta imprescindible para Chávez a consolidación do PSUV como vehículo principal de fortalecemento do modelo socialista, proceso paralelo á constitución dos consellos comunais como entidades de organización social. Deste modo, o período lexislativo 2010-2015 resultará clave para este proceso.
Mentres, a oposición tenta articularse a través dunha incerta alternativa unitaria política e electoral que, polo de agora, só semella definirse en torno a unha radical oposición ao modelo “chavista”. Deste modo, afonda no seu programa electoral en aspectos sensibles para a sociedade como a elevada inseguridade cidadá, os escándalos sobre corrupción na importación de alimentos e a equiparación do modelo de Chávez co socialismo cubano.
Paralelamente, o clima de tensión e polarización pode apreciarse no recente cruce de acusacións entre goberno e oposición sobre as posibilidade dun fraude electoral ou eventuais situacións de violencia nos centros de votación.
Un aspecto que reforza o estratéxico valor deste proceso electoral para o futuro do país.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES