Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pasado glorioso, pasado romano…

viernes, 01 de octubre de 2010
Dende a pasada fin de semana a cidade bimilenaria de Lugo vive os seus grandes festexos, declarados de interese turístico galego e nacional: o San Froilán. Como lucense, vivo sempre estas datas con especial ilusión, dende que comezan a montar as tradicionais casetas para comer o polbo ata que vexo marchar, con nostalxia, as diferentes atraccións, fuxindo tamén a interculturalidade propia deses días. Os concertos máis esperados destas datas sitúan ao grupo Placebo á cabeza da lista, ao igual que o recital que ofrecerá Joaquín Sabina e o espectáculo co que Pignoise deleitará á mocidade. Eses son os tres grandes atractivos cos que o Concello nos obsequia este ano, engadindo que o concerto do cantautor é de pago, quizais excesivo en tempos de crise, xa que se falou da venda de localidades a prezos que van dos 25 ata os 35 euros.
A urbe romana sempre celebra as festas do 4 ao 12 de outubro, mais este ano anticipouse ensaiando os momentos de lecer coa Semana de cine de autor da que falei a pasada semana, onde se incluía unha sección especial adicada ás mellores películas sobre romanos, con especial significado neste ano 2010, cando se cumplen dez anos dende a declaración da muralla romana como Patrimonio da Humanidade pola Unesco. Lugo réndelle homenaxe ao seu grande tesouro a través dunha filmografía elixida polo grupo Fonmiñá co fin de achegar o glorioso pasado de Roma aos seus descendentes.
Abriuse o ciclo co filme titulado ‘Los últimos días de Pompeya’, seguíndolle ‘Rómulo y Remo’, ‘El coloso de Roma’ e ‘Hércules contra Roma’. Dentro das mellores películas sobre a historia dese imperio, outro dos filmes seleccionados foi ‘El triunfo de los diez gladiadores’, proxectado tamén na Biblioteca Provincial nun evento, a XXXII Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, que contou con corenta cintas coas que contentar a un público variopinto.

Ademais, na Biblioteca Nodal estará exposta durante o mes de outubro unha interesante mostra sobre esa materia: as mellores películas de temática romana, como un xeito de achegar o ciclo do xénero Peplum á cidadanía. Tamén alí se amosan réplicas de escudos, cascos, armaduras, lanzas e calzado da época, sen dúbida un xeito máis de deixar claro que a Lugo lle gusta reivindicar o seu pasado, o que queda ben reflectido coa celebración do Arde Lucus no mes de xuño. Ave Caesar!

Seguindo co pasado glorioso que marcou todo o decorrer da historia ata chegar aos nosos días, debo dicir que a pasada fin de semana desfrutei dunha mostra singular na miña urbe. Refírome á exposición que acolle ata o vindeiro 31 de outubro a Capela de Santa María. Baixo o nome de ‘Agora. O esplendor de Alexandría’ puiden ver in situ o vestiario feito para a última película de Alejandro Amenábar pola deseñadora Gabriella Pescucci, quen se ocupou do vestiario de filmes como ‘Charlie y la fábrica de chocolate’ ou ‘La edad de la inocencia’, coa que gañou un Óscar.

A mostra, que inclúe as roupas dos personaxes principais, como son a matemática neoplatónica Hipatia, Davos (o escravo cristián namorado da filósofa), o prefecto romano Orestes, etc... permite facer un percorrido pola vestimenta propia dos séculos III-IV d.C., momento no que tivo lugar a destrución da biblioteca de Alexandría, na súa época a máis grande do mundo. Os deseños de Pescucci chaman especialmente a atención para os que vimos a película histórica do director de Mar adentro, lembrando a través dos maniquíes nos que están expostos diferentes escenas da película. A deseñadora, ademais de reflectir a Alexandría romana, busca transmitir tamén os estados de ánimo e a evolución dos personaxes, de aí a importancia do emprego das distintas cores nos traxes elaborados para os distintos membros do reparto.

A inauguración desta mostra serviu tamén de prólogo á inauguración da XXXII Semana Internacional de Cine de autor, organizada polo grupo Fotocinematográfico Fonmiñá para a semana do 25 de setembro ao 2 de outubro, na que se proxectaon máis de 40 filmes, incluíndo, entre outros, un ciclo adicado á muller, outro de cine Xacobeo e a citada sección do 'Cine Peplum', servindo de homenaxe ao símbolo de identidade de Lugo: a muralla romana.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES