Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O 'modelo Sarkozy': Europa ante a inmigración ilegal

miércoles, 15 de septiembre de 2010
a) Introdución
A aprobación o pasado 28 de xullo dun paquete de “medidas de seguridade contra a criminalidade” por parte do presidente francés Nicolás Sarkozy, que levaron á expulsión de 916 ciganos da etnia roma a Romanía, Bulgaria e Serbia e ao desmantelamento de 128 campamentos ilegais de ciganos, está provocando unha forte polémica en Francia e Europa no relativo ás políticas sobre a inmigración ilegal e a discriminación
racial e relixiosa.

O “modelo Sarkozy”, que coincide cun contexto igualmente marcado pola polémica aprobación da Lei SB1070 contra a inmigración ilegal no estado de Arizona (EEUU), abre unha serie de preocupantes perspectivas que poderían ampliarse en Europa cara países como Italia, Dinamarca, Holanda, Bélxica, Austria, Suíza ou Suecia. Estas medidas estarían dirixidas cara a posible aplicación de políticas de expulsión, exclusión e control draconiano do fluxo de inmigrantes ilegais de orixe musulmana, africana, de Europa do Leste, asiática e latinoamericana.

A pesar de que as medidas de Sarkozy contan cun considerable respaldo popular en Francia, paralelamente esta política de seguridade provoca unha forte irritación pública en diversos sectores intelectuais, movementos civís de dereitos humanos, a Igrexa católica, partidos de esquerdas, unha inédita “rebelión” no gabinete e partido presidencial e incluso unha condena moral por parte da ONU.

Mentres Francia vese sacudida por esta polémica, a UE outorgará prioridade ao debate sobre a inmigración ilegal e o control policial, toda vez que Sarkozy está marcando con estas medidas a pauta política de cara a súa posible reelección nos comicios presidenciais de 2012.

b) A “cruzada” de Sarkozy
Coas medidas de seguridade aplicadas desde xullo pasado que levaron á expulsión do territorio francés de decenas de ciganos da etnia roma cara Bulgaria, Romanía e Serbia, o presidente Nicolás Sarkozy destapou un delicado asunto relativo á integración social en Europa do diverso mosaico racial, cultural e relixioso, un aspecto que cobra relevancia ante o problema da inmigración ilegal e da crise económica actual.

Paralelamente, estas expulsións e o desmantelamento de máis dunha centena de campamentos ilegais colocaron á “cuestión cigana” no centro de discusión europea, especialmente sensible en países como Francia, Italia, Alemaña, Austria, República Checa, Hungría, Romanía, Bulgaria e Eslovaquia, que contan cunha notable presenza de comunidades inmigrantes ciganas que, nalgúns casos, provocan fortes problemas de exclusión social e xenofobia.

Sarkozy prometeu publicamente afrontar con dureza o problema da inseguridade cidadá en Francia, apuntando directamente á inmigración ilegal. Segundo Brice Hortefeux, ministro de Interior do goberno de Sarkozy, desde 2009 a criminalidade e delincuencia nese país aumentou un 138%.

O ministro francés de Inmigración, Eric Bresson, anunciou que o goberno francés disponse a reformar a lei para expulsar legalmente do país a todos os estranxeiros que “ameacen a orde pública en actos reiterados de roubo ou mendicidade agresiva”, unha declaración que apunta directamente a colectivos de ciganos rómanos e búlgaros inmigrantes, así como ás comunidades inmigrantes magrebís. Bresson tamén anunciou que, no que vai de 2010, un total de 8.100 ciganos rómanos e búlgaros foron expulsados de Francia, sendo esa cifra de 11.000 expulsados no 2009.

Estas medidas, que segundo varias enquisas contan co respaldo dunha media de 70-80% da poboación francesa, en especial no relativo á expulsión de ciganos e inmigrantes ilegais presuntamente acusados de fomentar a delincuencia e a mendicidade, están igualmente provocando un forte debate público sobre os valores de convivencia e integración en Francia, que xa comezara en 2009 cando o propio Sarkozy impulsou un polémico debate sobre os valores tradicionais da identidade francesa.
Un 89% das persoas preguntadas deron a súa aprobación a impoñer aos delincuentes reincidentes a obriga de portar un “brazalete electrónico” durante varios anos despois de cumprir as penas de cárcere. Case un 80% apoia os plans de retirada da nacionalidade francesa aos cidadáns de orixe estranxeira que practiquen a poligamia e promovan a circuncisión, mentres un 70% está a favor da mesma pena para os inmigrantes acusados de matar a un policía.

A oposición ás medidas de Sarkozy está mobilizando a sindicatos, movementos civís, partidos de esquerda e a Igrexa católica, mentres o repudio internacional está liderado polas declaracións do Vaticano, do Comité da ONU para a Eliminación da Discriminación Racial (CEDR) e da Comisión Europea. O pasado 4 de setembro, decenas de miles de persoas manifestáronse en máis de 200 cidades de países da Unión Europea en contra da expulsión de ciganos e inmigrantes ilegais.

Os críticos sinalan que Sarkozy está levando a cabo “políticas populistas e xenófobas” mentres en diversos medios franceses resáltase a contradición que supón o feito de que o propio presidente francés aplique estas medidas cando el é precisamente descendente dun emigrante húngaro.

O propio Sarkozy explota politicamente ao seu favor esta condición de descendente de inmigrante, a fin de resaltar o seu compromiso cos valores tradicionais da identidade francesa. Para evadir as críticas, lembra igualmente que, tras Canadá e EEUU, Francia é o terceiro país a nivel mundial en outorgar o dereito ao asilo, con 170.000 solicitudes acollidas e aprobadas cada ano.

Paralelamente, e tal e como salientou recentemente o gran rabino francés Gilles Bernheim, os críticos contra estas medidas efectúan comparanzas coa política realizada polo réxime colaboracionista de Vichy na Francia ocupada polos nazis alemáns (1940-1944), en especial no relativo á expulsión da poboación xudía.

c) En clave electoral
A pesar da simpatía que poden amosar as enquisas cara esta política de seguridade, Sarkozy afronta tamén unha inédita disensión por parte de varios deputados do seu propio partido conservador, a Unión polo Movemento Popular (UMP), así como dentro do seu propio gabinete.

Deste modo, Bernard Kouchner, ministro de Asuntos Exteriores e ex dirixente socialista; Herve Morin, ministro de Defensa; e Fadela Amara, secretaria de Estado das Políticas Urbanas e filla de inmigrantes, lideran unha rebelión interna contra as expulsións de ciganos sen residencia legal en Francia. Estes ministros maniféstanse contrarios ás expulsións masivas de familias ciganas, moitos deles nacidos en Francia, así como contra medidas represivas como a retirada da nacionalidade para os mozos acusados de delinquir e penas de cárcere de dous anos para os pais dos menores delincuentes.
Pero o escenario actual en Francia non pode eludir a conxuntura política marcada polas eleccións presidenciais de 2012. Sarkozy espera mobilizar o seu apoio electoral para a reelección presidencial, amparado na popularidade cidadá das súas medidas de seguridade e identificando á inmigración ilegal como o verdadeiro problema que condiciona a recuperación económica francesa.

Neste sentido, e se ben a esquerda francesa prognostica unha especie de “efecto boomerang” electoral contra Sarkozy en 2012 a raíz destas medidas, o certo é que a dereita pro-Sarkozy conta con sacar réditos electorais da aparente incapacidade política da esquerda para conciliar unha política de seguridade efectiva coa súa tradicional visión humanitaria da inmigración.

d) Un modelo para Europa?
Cabe destacar en qué medida a política de seguridade de Sarkozy atopará eco político, legal e social noutros países pertencentes á Unión Europea, nun momento en que a crise económica provoca tensións sociais mentres se analiza a concreción dunha lexislación comunitaria, marcadamente máis restritiva cara a inmigración ilegal, e que non se limite a casos particulares da lexislación de cada Estado.

O único apoio firme para Sarkozy proveniente do exterior provén do goberno conservador de Silvio Berlusconi en Italia. O ministro italiano de Interior, Roberto Maroni, representante da “Liga Norte”, anunciou recentemente a disposición do goberno italiano para formular ante a Unión Europea a expulsión dos cidadáns estranxeiros incapaces de garantir a súa vivenda e mantemento económico, por consideralos un gasto oneroso para a Seguridade Social italiana.

Desde maio de 2009 funciona en Italia a Lei de Seguridade Interior e Inmigración na que se criminaliza a inmigración ilegal, considerada como a máis restritiva de toda Europa. Entre outras medidas, esta lei obriga aos cidadáns italianos a denunciar ante a Xustiza aos inmigrantes clandestinos, dando paso á creación das temibles “patrullas” e “roldas de cidadáns” na caza de inmigrantes ilegais; así como á aplicación de multas de 5.000 e 10.000 euros aos inmigrantes ilegais; a posibilidade de expulsión do país; e penas de cárcere para os cidadáns que aluguen vivenda aos inmigrantes sen papeis.
No marco dos debates no Parlamento Europeo sobre a legalidade das expulsións de ciganos en Francia, realizados a partir do 7 de setembro, Francia liderou unha iniciativa para realizar unha reunión dos ministros de Interior da UE sobre políticas de coordinación contra a inmigración ilegal, na que se incluirá a Canadá debido a que a maioría dos ciganos de Hungría e República Checa acaban pedindo asilo nese país.
Igualmente, están previstas reunións interministeriais o 13-14 de setembro en Bruxelas e 21-22 de setembro en París, na que se reunirán os Xefes dos Servizos de Policía de Alemaña, Francia, Italia, España, Polonia e Inglaterra, baixo a proposta francesa de crear unhas Forzas Especiais Euroatlánticas de Loita contra a Inmigración Ilegal.
Actualmente, o “modelo” de Sarkozy semella atopar eco en países como Holanda, Dinamarca, Austria e Suecia, os cales propoñen adoptar unhas leis de estranxeiría máis severas destinadas a expulsar aos inmigrantes sen papeis. Neste sentido, Alemaña propón a repatriación a Cosova de 12.000 ciganos albaneses e cosovares chegados trala guerra de 1999, dos cales a maioría dos menores de idade só falan alemán.
Pola súa banda, a alcaldía de Copenhague e o goberno belga anunciaron a posibilidade de aprobar políticas de expulsión de centenares de ciganos procedentes de Europa do Leste. Trala desintegración do socialismo real a partir de 1990, en países como Eslovaquia, República Checa e Hungría, con forte concentración de poboación cigana, comezouse a aprobar unha serie de medidas restritivas e excluíntes contra as comunidades de ciganos, mentes medraban politicamente os partidos e movementos xenófobos e de extrema dereita, dirixindo os seus ataques contra as poboacións ciganas. No Estado español, o caso máis significativo foi o do concello catalán de Vic, de gran concentración inmigrante, principalmente africana e musulmana. En xaneiro de 2010, o partido Plataforma per Catalunya (PpC), a segunda forza política máis votada en Vic, de tendencia de extrema dereita e liderada polo concelleiro Josep Anglada, premeu legalmente ao concello para non empadroar aos inmigrantes ilegais. Finalmente, a oficina da Avogacía do Estado ordenou manter a orde de empadroar aos inmigrantes sen permiso de residencia.

e) Inmigración e poboación cigana en Galicia
Segundo datos do Instituto Galego de Estatística (IGE), en xaneiro de 2010 estaban empadroados en Galicia un total de 106.637 inmigrantes, dos que 85.818 contan con tarxeta de residente en vigor. En total, 21.000 estranxeiros en Galicia están sen permiso de residencia aínda que están empadroados, polo que teñen acceso a servizos básicos como a sanidade e a educación.

A maior parte dos inmigrantes en Galicia residen na provincia de Pontevedra, con 39.485 estranxeiros, dos que 9.595 atópanse ilegalmente sen papeis. Vigo é a cidade galega líder en termos absolutos e relativos de inmigración, con 17.108 persoas. Segue a provincia da Coruña, con 32.150 inmigrantes dos que 5.800 están en situación ilegal. Este mesmo índice é de 2.700 na provincia de Ourense e 2.800 na de Lugo. Brasil é o país de orixe máis común dos inmigrantes que recalan en Galicia (14.230 desde 1998), seguido de Colombia (11.560) e Arxentina (10.582) Tamén existen numerosas colectividades de uruguaios, peruanos e bolivianos, mentres medra o número de inmigrantes de Romanía, Marrocos e China. Desde 2002, un total de 292.968 persoas establecéronse en Galicia, principalmente galegos emigrantes retornados e os seus descendentes provenientes de Suíza, Venezuela e Arxentina. A colonia portuguesa é especialmente importante ((12.656).

A pesar de non atoparse casos concretos de xenofobia, o Foro Galego de Inmigración (FGI) ven denunciando nos últimos meses unha política de “acoso e persecución” tanto en Galicia como no resto do Estado contra a poboación inmigrante en situación irregular, un aspecto que moi probablemente se incrementa ante as secuelas da crise económica en materia de desemprego. No caso da poboación cigana na nosa Comunidade, segundo a Asociación Pueblo Gitano de Galicia, habitan aproximadamente 20.000 ciganos, dos que un 75% viven no limiar da pobreza. Nalgúns casos preséntanse preocupantes problemas de integración social, sen excluir actitudes xenófobas, como son os casos de O Vao (Pontevedra) e Penamoa (A Coruña), con fortes concentracións de comunidades ciganas.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES