Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Verán, verán…

miércoles, 25 de agosto de 2010
Rematou xullo e con el o encontro coa familia máis afastada. Chegaron as despedidas ata o próximo verán. Pero queda aínda algo de agosto para desfrutar do mar, da compaña dos amigos e do albariño. Percorrido polo sur de Galicia, viaxe á fronteira portuguesa, contactos coa Castela máis próxima…, así se suceden as xornadas estivais, tras rexeitar a invitación para viaxar unha vez máis a Canarias.

Despois trasladámonos a Fisterra, un lugar do que, como di o anuncio publicitario, non sabe o estrés. Alí, nos confíns da terra, podemos respirar liberdade, o ben máis prezado para o ser humano, aínda que logo sexamos escravos do consumismo ou das novas tecnoloxías. Nese lugar reina a paz, a natureza fúndese co noso espírito, e por un intre somos máis materia. Alí, se cabe, somos máis galegos tamén. Seguindo co lema do Xacobeo, agora é cando, Galicia é onde!

Voan as noites longas do meu mes favorito, aquel no que viñen a este mundo para amar o sol con todo o seu brillo. Fuxen os sorrisos do atardecer, levados por unha brisa que arrefría o noso rostro desdebuxado polos calafríos dunha tarde na que desaparece Lourenzo antes do previsto. As noites nas que saimos a ver a Catalina son menos cálidas, pero non por iso menos fermosas. Pensemos en positivo e digamos que, malia á equivocación…, aínda queda todo o verán por diante. Cada día pode ser tan longo e marabilloso como nos propoñamos. De ilusións tamén se vive, non si?

Café con xeo. Cervexiña fría. Xeado de amorodo. Granizado de laranxa… calquera opción é boa para paliar os efectos dun sol abrasador que tardou en chegar este verán. Para algún dos que estean a ler estas liñas xa terá rematado o seu período estival, atoparanse de novo no seu posto de traballo, talvez na hora do café, volvendo á rutina que nos envolve a todos cando rematan as vacacións. Ánimos, pois, nesa volta á monotonía, e bos desexos para os que comezan agora o seu tempo de lecer.

Dende aquí, baixo a sombra dunha figueira, vai unha lembranza tamén para os que fan do verán unha oportunidade para os nenos saharauis que acolle Galicia durante xullo e agosto. Para eses rapaces chega a ocasión de vivir o que nunca soñaran, de gozar das pequenas cousas ás que nós non concedemos importancia polo acostumados que estamos a elas. Durante dous meses reciben unha alimentación completa, aprenden hábitos de hixiene e desfrutan dos xogos nun ambiente que nada ten que ver co seu día a día. É unha opción digna de alabanza para as familias de acollida.

A primeira parada da viaxe que precedeu ao destino marítimo deste verán levoume a Ponferrada, onde, ademais de desfrutarmos dunha noite de viños da D.O. do Bierzo e das tapas típicas polo casco histórico, puiden apreciar toda a beleza do Castelo dos templarios. Ese lugar garda o encanto especial dunha construcción que data da época medieval, dos séculos XI ao XV. Froito de sucesivas ampliacións, o Castelo, declarado Monumento Nacional Histórico Artístico en 1924, é hoxe a maior xoia coa que conta a cidade, xunto á Basílica da Encina e a Rúa do Reloxo.

Despois da esmorga pola zona nova, continuamos o picoteo na Pizzería La Competencia, a carón do Castelo, para rematar co café nun espazo emblemático. Logo de facer noite en Ponferrada, poñemos rumbo a León, onde transcurre a seguinte xornada. Visita á Catedral gótica de Santa María, construida sobre un templo románico e actualmente en obras, e de seguido camiño cara ao barrio húmido, o xerme do casco antigo medieval, que alberga unha transitada zona de bares e restaurantes. Vai moita calor. Logo de xantar no centro da capital e fotografarnos na praza onde se atopa a magnífica obra neoclásica do arquitecto Gaudí, a Casa de Botines, tomamos imaxes do Palacio dos Guzmanes, hoxé sé da Deputación, e camiñamos polo contorno.

Atrás quedan a praza de touros e as compras no centro de León.

Conducimos cara Astorga, onde desfrutamos dunhas pastas típicas e mercamos os tradicionais doces de hojaldre. A xornada remata desfrutrando da típica cecina de León cunha cervexa trapense, dos monxes cistercenses. Eliximos brindar con Chimay, vermella e azul, perfumes para beber que se elaboran dende o ano 1862. Na cámara fotográfica e na memoria fican gravadas as imaxes do Palacio episcopal ou Palacio Gaudí, do Concello e da Catedral. Queda pendente para a seguinte viaxe a visita ás Médulas e ao Museo do chocolate, inaugurado en 1994.

A chegada a Lugo síntese como un trasbordo diante da saída cara Pontevedra para desfrutar do mar no contorno da ría de Marín. É como facer escala na viaxe en avión que nos leva ao paraíso soñado, logo de desfrutar da vida que se respira na comunidade veciña, Castela e León, onde o sol brilla con máis forza, onde o calor nos roza con máis agresividade a pel.

Viaxamos agora ao outro destino pactado. As Rías Baixas fan das xornadas estivais un agasallo para os sentidos, polas súas praias e gastronomía, así como polo ocio que ofrecen aos vistantes e o amor co que acollen ao turista. Respiramos paz e cargamos as pilas que nos han de durar ata o vindeiro San Xoán, cando comece un novo verán.
Fernández, Ruth
Fernández, Ruth


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES