Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Do Concello de Cospeito (Lugo)

jueves, 05 de agosto de 2010
Do Concello de Cospeito (Lugo) Nas primeiras olladas pode que a persoa viaxeira sinta a percepción dunha engañosa monotonía, que desaparece de inmediato para se converter nunha quietude mental e física, nun abraio; nun pasmo. E vén o degoro por abrangar coa mirada toda a beleza impresa na Terra Chá lucense e no Cospeito. A persoa viaxeira non comprende aínda como é posible que a plinície verde, ocre dunha primavera de abril, amarela intensa, e outros indefinidos que contempla, teña tan suxestivos e suxerentes matices. A persoa viaxeira, con rumbo ao Concello de Cospeito, quere chegar alí de contado, porque a súa meta é isa: admirar as terras de Cospeito e a Lagoa; o contar das lendas, da fada moura; a cultura castrexa; a Carballeira de San Paio e O Pazo, en Sistallo; os muíños, a Torre de Caldaloba (Camiño da Loba); soñar coa “Salaniana” mansión mítica do Imperio Romano, que o Padre Sarmiento e o dicir popular situan en Muimenta; a Forteza da Barreira, a Casa de Anllo; os cruceiros, como o de xunto á igrexa parroquial de Xermar; o pazo de Pumares, na parroquia de Arcillá; a Medorra da Rita, en Lamas; as Mámoas de San Román, en Rioaveso; as Medorras de Regavella, en Muimenta, e outros sen fins.

Cada parroquia contén o seu patrimonio artístico, natural e etnográfico.

Do Concello de Cospeito (Lugo)Cospeito, a Lagoa e a Terra Chá non son soños lendarios, son tanxibles; reales. Os seus ríos: Támoga, Anllo, Guisande e o Río Pequeno, entre outros, orlan de auga doce a dozura impredecible das terras de Cospeito. A este municipio lévoo por moitos anos atrás conmigo. Antes de terse inaugurada a Discoteca Hermo, en Muimenta; antes de celebrarse cada ano a Moexmu, antes da Feira do Cocho da Ceba e da Feira de Maquinaria Usada, na Feira do Monte: antes doutras cousas. Incluso antes do Cura e antes daquel lembrado Bispo de Mondoñedo.

A Moexmu, organizada pola Asociación Cultural Aquilino Iglesias Alvariño, e as feiras citadas da Feira do Monte naceron con impulso gracias ao tesón dos veciños das dúas vilas, das outras parroquias e co decidido apoio do Concello. Hai nomes e apelidos para honrar por estes feitos, pero terán lugar noutra narración máis achegada.
Viaxen a Cospeito, á Terra Chá lucense. Acaroense ó moito que están a perder: a un vagar excepcional, por unha terra especial na cal a historia, a lenda e o cantar engarzan nunha espiga.

Por calquera parte que se acheguen (que moitas entradas hai para ir a Cospeito, case tantas coma caprichos) un esquécese ata da procedencia e o único que desexa é estar no pleno das vinte parroquias, para andalas unha por unha se fora posible. Máis, para elo, teranse que facer varias viaxes. A primeira, que suxiro, e ir directamente á Feira do Monte, á Lagoa, oir a campá da igrexa asolagada da ignota Valverde e responder con criterio, que na Terra Chá, no Concello de Cospeito, existe a maxia inesquecible, senlleira, propia, persoal e infinda.

A carón da Lagoa de Cospeito, a persoa viaxeira dáse conta de que hai que vagar despacio, que os sentidos piden andar remansadamente. Sentindo o que se vive; vivindo o que se sinte.
Afortunadamente hai casas de turismo rural, de lecer, familiares, amigas e de bo coidado. Gastronomía extraordinaria. E vecindade de boa natureza.

As distancias, aproximadas: Lugo, a 30 quilómetros; 90 de A Coruña; 123, de Ourense; 185 de Pontevedra; 130 de Santiago, 120 de Ourense, 70 de O Ferrol, e 210 desde Vigo.
O nome de Cospeito ambranga todo o territorio municipal; a capitalidade administrativa e a Casa do Concello están situadas na vila de Feira do Monte, pertecente á parroquia de Sistallo.
Non fai falta buscar guía, pero non está por demais. Convén proverse de folletos que informen. Eu, que intento provocarlles a idea de que non pasen un vagar sen ir a Cospeito. Eu, que a pesares da miña afinidade por tan galana terra, tiven que buscar nun estado concreto desta narración, un dato, un nome; unha palabra. Tiven un guía telefónico cordialísimo na voz de Ovidio, o Alcalde Pedaneo da parroquia de Goá, a quen lle dou as gracias.
Amables, afectuosas, xenerosas e amigables son todas as persoas habitantes do concello, das que eu teño razón. Ou seña, que preguntando vaise á Lagoa, á carballeira de San Paio, ós muiños, ós castros, ás medorras, ás igrexas e a calquera otro lugar que se demande. E se atopan a un funcionario municipal ou ó alcalde, Armando Castosa Alvariño, daranlles acollida, información e bo parecer, que tamén nestes casos non hai dúbida.

E si se quere ir coa alma máis aberta, o poemario “Terra Chᔠdo inolvidable Manuel María e unha guía descritiva, acendida e primorosa, da única e mellor clase. Manuel María define a Terrá Chá dun modo tan xenial, que ata pode que vostedes vexan medrar a herba, raiar as pedras, loitar a un irmandiño e sentir como se ondea o manto de Santa María, e o dengue da fada da Lagoa nun baile sensual, solemne e virtuoso.

Lembren ir a Cospeito coa compañía do “Terra Chᔠde Manuel María. É necesario, de obriga, para entender o deixe e ollar mellor a vida de Cospeito.

E para gozar de xeito máis preciso e proveitoso, falar coa xente, escoitar moito e abrir os ollos para recoller os regalos ofrecidos, que son de balde (gratis). O comer e a pousada están a prezo. Falando de comida, sen facer de menos ás da Limia, nin a outras de Galicia, as patacas de Cospeito, da Terra Chá, teñen o sabor da excelencia da raza ben nacida, ben tratada e ben coidada. E roscóns e filloas, que por algo teñen a súa exaltación na “Festa da Filloa” en Muimenta o primeiro de maio de cada ano.

Son famosos os ebanistas e carpinteiros, Cadenas, en Muimenta e os da Feira do Monte; en canto a Venancio, da parroquia da Graña, xa no Concello de Abadín, está xubilado, traballa a pasatempo, de vez en cando.

Estaría moi ben ir a mirar os muíños de Bao e cruzar o Río Támoga pola Ponte Felín. Un lugar telúrico no que o río baixa o lombo misteriosamente. Alí, prestando atención, pode que se escoite o romanciño.

Romanciño da Ponte Felín

O dengue da fada moura
tremolou na flor da rama,
para que pasara eu
sen mollar unha palabra.
No alento de dous suspiros
a fada coseu a auga,
para que pasara eu
dunha orela á outra banda.

Os muíños de Bao cantaron,
cadaún co seu rebozo,
tiven un tempo de neno,
soños dun falar de mozo.
Se queres Bestar, Bestar.
Se queres Roás, Roás.
Pensa ben, meu afillado,
e decide a onde vas.

Estou que non poido máis
miña señora, querida.
Escoller por escoller
¡elixe por min, madriña!.
Iremos por Celeirote,
a bailar pola Franqueira.
Escoitar na de Guisande
e alalar na Golpilleira.

Esta vida de Cospeito
e fuso en voltas que fía,
unha estrela nesta Chá,
terra de Santa María.
Esta vida de Cospeito
naceu do mellor fermento,
unha xema nesta Chá,
estrela dun firmamento

Carballeira, carballeira,
de San Paio de Sistallo,
quero cantar no miolo,
debaixo dun gran carballo.
Quero, se podo querer,
andar pola de Gornai.
estar por Vilaguisada,
ó arrolo dun alalai.

No louro do sol que nace
troula na Ponte Felín,
este romanciño feito
alalá do mes de abril.


Non se han esquecer as vinte parroquias que conforman o municipio: Arcillá, Bestar, Cospeito, parroquia que foi primeira sé da Casa do Concello; Goá, Lamas, Momán, Muimenta, Bexán (coñecida, tamén, por Rubiños), Pino, Rioaveso, Roás, Santa Cristina, Seixas, Sisoi, Sistallo, Támoga, Vilapena, Vilar, Xermar e Xustás.

Neste momento, neste contar sobre Cospeito, lembro á fada moura da Lagoa, o tinxir da campá morta, innundada, o aire da Chá, a música do Río Guisande, as historias, as lendas e os dicires. Cospeito, a Terra Chá, é un bo diccionario oral. Tamén por isto vén, a pelgos, un cantar:

A Cantiga de Valverde

Deu o nome cabal e as albricias:
Santa María de Cospeito, no pasado.
Son vinte en ramo aconcellado,
vinte aneis, aneladas sen malicias.

Todas, os seus castros, a súa cobiza,
cartográfico, complexo, debuxado,
en Castro de Rei un pé calzado,
outro, descalzo, no da Pastoriza

Támoga, a Begonte vai mirando,
a de Pino, olladas a Vilalba;
Rioaveso e Goá, no centro, cimentadas.

Seixas e Sisoi, da espalda alba,
Santa Cristina e Xermar, arrebuxadas;
Lamas e Bestar mirando á calma.

Vilar, en saínte acouselado,
Roás e Momán, nervos e razón.
Vilapene e Sistallo, o corazón;
Bexán, coa santa, afervoado.

Xustás, en sobrepé amusculado;
Muimenta do andar, punta e tacón,
Arcillá, a solaina dun balcón.
Co cantar o mapa está trazado.

Nos teares da fada foi tecido,
a riscos na ignota de Valverde.
En cantigas de fada concebido.
No berce da Lagoa está durmido,
entre lodo, lama e limo verde,
entre soños, no fondal averdecido.

O Anllo, sinuoso, coaligado,
soberbio invernal, incha de peito,
renega das costuras do seu leito
e anega por Goá, afirvorado.

O Támoga, de grande coroado,
mitígalle a sede por dereito
á Lagoa e ás terras de Cospeito
deixando o seu celme regalado.


O Río Anllo, farto de auga no inverno, bótase fóra anegando as aldeas de Belide e A Faladoira, da parroquia de Goá. ¡Que barbaridade!. Non sei que lle dirá Amorín, de Castro de Rei, cando por alí descolga ao Miño. Non o sei, pero seguro que non serán boas palabras.

A figura do mapa do Concello de Cospeito, nun xiro en círculo ao norte, semella o corpo dunha persoa, de cintura ancha, con pernas, pés, cabeza e toro.

O Río Guisande, pequeno, honrado e deleitoso, que nace nos derradeiros termos da parroquia de Goá, posiblemente tamén con outras fontes nos lindes do Concello de Abadín, é como creo, o más bondadoso, o máis cumprido e o de máis regular caudal. Por iso me fai cantar, por terceira vez, sen pretendelo:

No Pozo das Estremas

Guisande, reguiño ben amado,
zume de salgueiro e de carballo,
a Cospeito por nación avencellado,
cantando co fragor de namorado.

Aveas sen ferir e sen malfado,
a cariños pequenos e mollados,
a laíñas de orballo nos tellados,
serenatas no seixo alborozado.

Vés de Goá, pequeno, ¡rego grande!,
en trinco divertido, ben airoso,
abrevando á Lagoa e ós pradais.

Non hai outro que pase, ¡meu Guisande!
tan fino, xusto, leal e xeneroso,
que avirte gracias tan fundamentais.

Non hai outro, non, Guisande, amigo;
tan sabio, delicado e primoroso,
que entre polas quenllas ardencioso
sen chicar a Cospeito, o teu abrigo.

Ata os pícaros, Guisande, ¡ben dos ceos!,
nos veráns de paxaros e de nenos,
batuxan a treu espidos e morenos
no bercel do teu leito sen receos

Guisande, honrado rego, ¡eres grande!
Por alma e corazón, honesto e claro.
¡Eres, de amor, río xigante!,
razonable, recatado e pudoroso,
digno de Cospeito e venerado.
Segue, río, segue andando coa tua milenaria flema
decantando e dividindo auga serena,
en Goá, no Pozo das Estremas.


Xa me dirán, se me din algo.

Se é que non me contan, dareime por enterado de que o pasmo de vostedes foi tan grande, que os seus pensamentos están embargados polas terras de Cospeito. E que esta verdade, que tratei de explicar, é exacta e verdadeira, tan como por persoas amigas a vostedes eu teño e por amigo de vostedes me vexo. Chegar lendo ata aquí pode ser a proba de afecto e de paciencia.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES