Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cosova: A independencia recoñecida

martes, 03 de agosto de 2010
a) Introdución
A decisión da Corte Internacional de Xustiza da Haia (CIX) do pasado 23 de xullo, sinalando que “a declaración realizada o 17 de febreiro de 2008 sobre a independencia para o Territorio de Cosova de Serbia non infrinxiu nin violou o Dereito Internacional xeral”, ten implicacións que, en gran medida, poderían modificar sensiblemente o tratamento legal e as demandas políticas dos territorios que buscan a súa independencia.

Este pronunciamento, que ten carácter consultivo e non vinculante, supón un claro “triunfo moral e político” para o primeiro ministro cosovar Hashim Thaci, quen se atopaba en Washington no momento da decisión da CIX. EEUU, no seu día promotor da independencia cosovar por razóns escasamente relacionadas coa defensa de arelas socialmente emancipadoras ou do propio dereito, apoiou inmediatamente esta decisión da CIX, instando aos países europeos a secundala. Pola súa banda, Serbia contestou o ditame. O seu presidente Boris Tadic advertiu que se a CIX recoñecía a independencia cosovar, provocaría unha desestabilización non só na rexión balcánica, debido a que alentaría con ela a creación de novos Estados. O ministro serbio de Exteriores, Vuk Jeremic, asegurou tras coñecer o fallo na Haia que Belgrado “nunca recoñecerᔠa independencia cosovar.

No seo da Unión Europea mantéñense as diverxencias. Cinco países dos 27 membros da UE (España, Eslovaquia, Romanía, Chipre e Grecia) non apoiaron a declaración unilateral de independencia de Cosova en 2008, recoñecida por 69 dos 192 países membros da ONU.

Bruxelas, que ten unha misión de pacificación en Cosova, a EULEX, vese actualmente premida por Washington para aceptar un territorio independente que, con toda seguridade, pedirá a curto prazo o seu ingreso en institucións e organismos internacionais, como a OTAN e a propia UE.

Pola súa banda, Rusia, que tampouco recoñece a independencia cosovar, podería aproveitar o fallo da CIX para afianzar as súas demandas de recoñecemento internacional da independencia das repúblicas de Osetia do Sur e Abxasia, ambas enclavadas en territorio de Xeorxia. Incluso, os ecos da decisión da Haia poderían repercutir sensiblemente noutros ámbitos territoriais que reclaman a súa independencia, tanto en Europa como en Asia, África ou América Latina.

b) Un punto de inflexión

Cosova volve a centrar a atención xeopolítica internacional tras coñecerse o fallo da CIX do pasado 23 de xullo, preceptuando que a súa declaración de independencia non violou o Dereito Internacional. O presidente da CIX, o xaponés Hisashi Owada, emitiu este fallo tras case dous anos de deliberacións, na que participaron 15 xuíces á orde da Asemblea Xeral da ONU, incluídos os membros permanentes do seu Consello de Seguridade: China e Rusia (por parte de Serbia), e Francia, Reino Unido e EEUU (por parte de Cosova). Finalmente, dez xuíces pronunciáronse a favor deste ditame.

A pesar de ter un carácter consultivo e non vinculante, o feito de que a decisión conte co aval da principal instancia xudicial da ONU significa un paso importante para o recoñecemento da independencia de diversos territorios sen Estado. Obviamente, esta decisión coloca de novo sobre a mesa o delicado asunto das nacións sen Estado, dando lugar a controversias de carácter xeopolítico que involucrará aos principais actores internacionais.

Tras emitirse este fallo na CIX, Serbia declarou inmediatamente que “nunca” recoñecería a independencia cosovar, sendo apoiada, entre outros, por Rusia, India e China, países que tampouco a recoñecen e que teñen problemas secesionistas internos. Belgrado instou á ONU en outubro de 2008 a que a CIX estudara a validez legal da declaración unilateral de independencia cosovar realizada en febreiro dese ano, polo que a recente decisión constitúe un duro revés para as súas pretensións.

Ata agora, Cosova foi recoñecida por 69 dos 192 países membros da ONU. No caso da Unión Europea, un total de 22 dos 27 países membros da UE recoñeceron en febreiro de 2008 a declaración unilateral de independencia de Cosova. Os cinco países restantes (España, Eslovaquia, Chipre, Grecia e Romanía) non a recoñecen. Madrid, que se resiste ao recoñecemento polas implicacións que poderían derivarse respecto aos diferentes contenciosos políticos internos de igual signo e as súas consecuencias para a integridade territorial, debátese sobre reconsiderar a súa posición tralo fallo.

Pero a decisión da CIX pode variar substancialmente os enfoques de diversos países dentro e fóra da UE. Se ben mantén unha posición practicamente inflexible ao seu recoñecemento, Moscova podería aproveitar o fallo da CIX para esixir un mesmo tratamento cara as independencias das repúblicas de Osetia do Sur e Abxasia, proclamadas independentes de Xeorxia trala breve guerra acaecida en agosto de 2008. Estas repúblicas son actualmente recoñecidas por Rusia, Venezuela, Nicaragua e Nauru, este último territorio localizado na Micronesia do Océano Pacífico.

Igualmente, a atención sobre este recoñecemento pode influír nas negociacións de Serbia para a súa admisión na Unión Europea, acelerando as mesmas a cambio de que Belgrado adopte unha posición máis pragmática con respecto a Cosova. Bruxelas vese constantemente premida por Washington a aceptar un recoñecemento formal de Cosova, o cal permitiría afianzar a presenza estadounidense e europea neste territorio a través da misión europea EULEX, a máis grande da UE no exterior, así como da OTAN nos Balcáns. En 2010, a EULEX espera despregar case 2.000 axentes policiais e xudiciais en Cosova.

Máis alá do recoñecemento internacional, a traxectoria independente de Cosova ven ondcionada pola persistencia de graves problemas como a corrupción, a impunidade xudicial e o crime rganizado, especialmente de narcotráfico, contrabando e tráfico humano. A semana pasada foi apresado o presidente do Banco Central de Cosova, Hashim Rexhepi, baixo sospeita de abuso de autoridade, evasión tributaria, aceptación de subornos e branqueo de diñeiro.

A UE e diversas organizacións internacionais consideran que Cosova ten un grave problema de altos índices de corrupción e impunidade que socavarían o seu tecido institucional e social. Aínda que rexeitada en diversos medios, a perspectiva de “Estado fracasado” planea constantemente sobre Cosova, aínda que tamén se considera que os baixos índices de criminalidade ou de violencia interétnica entre as comunidades albanesa, serbia, macedonia ou montenegrina dilúen esa perspectiva de fracaso estatal.

No caso de que a independencia cosovar sexa recoñecida por un centenar de países, as súas autoridades terán maiores facilidades para reclamaren a súa admisión non só na UE senón en organismos internacionais como a OTAN, abrindo paso a unha plena normalización en todo tipo de instancias multilaterais.

c) Os efectos a nivel mundial

Resta considera o impacto internacional que tería este ditame da CIX con respecto á posibilidade de que Cosova constitúase nun referente para a independencia doutros territorios ou nacións sen Estado.

O paso principal que certificaría o recoñecemento internacional da independencia cosovar sería o seu ingreso na ONU, un aspecto moito máis complexo tendo en conta que necesitaría dunha recomendación do seu Consello de Seguridade, onde Rusia e China poderían aplicar o seu veto. Non obstante, o ditame da CIX facilitaría a subscrición por parte de Cosova, de acordos bilaterais con outros países.

A curto prazo, resulta pouco probable que países europeos que non recoñecen a independencia cosovar, como España, Grecia ou Chipre, cambien de postura, tomando en conta que posúen problemas secesionistas internos. Pero igualmente a resolución favorable á independencia cosovar espallaría unha maior presión política pola concreción de novos estatutos de autogoberno, en casos probablemente máis avanzados desde a perspectiva política como son os casos de Flandres (Bélxica), Escocia e Gales (Gran Bretaña), Bretaña e Córsica (Francia) ou Cataluña, Galicia e Euskadi (España).

Dentro das fronteiras balcánicas, outros casos específicos poderían reactivarse, con complexas implicacións para varios países europeos, tal é o caso das demandas independentistas da República Srpska en Bosnia-Hercegovina, de maioría serbia e só recoñecida por Belgrado. Esta república oficialmente reclama a súa capital en Sarajevo, pero oficialmente forma parte da Federación de Bosnia e Hercegovina. En Europa Oriental, compre considerar as demandas de independencia da República Pridnestroviana de Transnistria, enclavada en territorio de Moldova, declarada independente en 1990 e que ata agora só é recoñecida por Osetia do Sur e Abxasia.

O exemplo cosovar tamén podería espallarse ao complexo labirinto étnico do Cáucaso Sur e da Transcaucasia. Ás xa mencionadas Osetia do Sur e Abxasia dentro do territorio xeorxiano podería engadirse o interminable conflito de Chechenia, Daguestán, Kabardino-Balkaria e Osetia do Norte contra Rusia, así como o da República do Alto Karabaj, de poboación armenia e enclavada no territorio de Acerbaixán, só recoñecida como independente por Armenia.

Tras coñecer o fallo da CIX sobre Cosova, o líder secesionista do Alto Karabaj, Bako Saakián, anunciou inmediatamente que “loitarán polo recoñecemento internacional da súa independencia”. En 1991 proclamouse a independencia da República de Nagorno Karabaj, igualmente recoñecida por Armenia e que reclama a súa autoridade sobre o Alto Karabaj. Desde 1992, o Grupo de Minsk dentro da Organización de Seguridade e Cooperación Europea (OSCE), tenta solucionar o conflito, coa participación de países como EEUU, Rusia e Francia.

Non se debe esquecer que noutras latitudes hai casos específicos de territorios con fortes ou notables movementos secesionistas que reclaman a súa independencia, e que poden incrementar as súas demandas e presións políticas tomando como referencia o caso cosovar. Ábrese así un novo tempo que suma poderosos argumentos ás reivindicacións de normalización político-territorial e autogoberno dos pobos oprimidos que obrigará aos actores implicados en conflitos desta naturaleza a buscar camiños para unha resolución pacífica das controversias.

Cabe citar aquí, todos eles con diferentes matices, os casos de Tíbet e Xinjiang con respecto a China; Curdistán (Turquía, Iraq, Irán e Siria); República Turca do Norte de Chipre (só recoñecida por Turquía e co aval da Organización da Conferencia Islámica); República Árabe Saharauí Democrática (RASD) ou Sáhara Occidental (recoñecida por 81 países); Caxemira (Paquistán e India); Illas Feröe e Grenlandia (Dinamarca); Crimea (Ucraína); Frisia (Alemaña e Holanda); Cornualles e Illa de Man (Gran Bretaña); Gagauzia (Ucraína e Moldavia); Laponia (Finlandia, Noruega, Suecia e Rusia); Occitania (Francia); Porto Rico (EEUU); Québec (Canadá); nacións aborixes e indíxenas en América Latina (aimaras, mapuches, quechuas, maias); Somalilandia (estado de facto en Somalia); Sudán do Sur (votará a súa independencia en referendo en 2011); ou o territorio do Val de Aosta (norte de Italia).

IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES