Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Día da Patria Galega

viernes, 23 de julio de 2010
Ou 'Día de Galicia', que tamén se denomina así esta xornada dedicada á exaltación dos nosos valores identitarios. Foron as Irmandades da Fala as que institucionalizaron ese día grande de Galicia, que chegou a ter moita forza nos anos da segunda república coa escenificación do mitin das arengas na praza da Quintana nas vésperas do 25 de xullo.

Lois Peña Novo, un dos articuladores máis vizosos do discurso galeguista definía o sentido daquela data: “O sentimento da patria debe ser un sentimento dinámico. Os pobos que consagran a súa historia como un dogma definitivo matan tódalas enerxías renovadoras. Por iso a veneración dos nosos antepasados, homes ou ideales ou dereitos que dormen nos fríos cemiterios ou nas bibliotecas enterradas baixo o pó dos séculos, ou nos incunables comestos, só nos deben servir de alento para superalos para preparar o camiño ao exército descoñecido dos nosos fillos”.

Unha reflexión moi atinada. Abofé que si. Porque unha cousa é lembrar o pasado, fundamental para coñecer as nosas orixes, e outra ben distinta, pensar no futuro cunha estratexía eficaz para incardinar a tódolos sectores da sociedade no proceso de regaleguización, fuxindo dos reiterativos rituais inzados de ineficaces ideoloxemas. Así non avanzaremos. A regaleguización do País implica unha actualización constante do discurso da nación, superando esquemas e comportamentos que só poden servir para consumo interno dalgunhas organizacións políticas. Nós representamos a continuidade entre o pasado que nos empuxa e o porvir que nos atrae.

Non abonda con perdírmoslles ás institucións públicas que protexan o noso patrimonio, e que incentiven e dinamicen políticas culturais. Teñen obriga legal de facelo. Pero hai decisións que corresponden ao ámbito de autonomía persoal dos cidadáns. De aí que os galegos, individualizadamente, deberiamos ter claras unha serie de medidas que aviven e revitalicen o espírito galeguista no ámbito das súas actuacións privadas. Vexamos algúns:

Primeiro.- Apoiar ás empresas que se identifican coa nosa cultura. Se somos coherentes coa defensa dos nosos sinais de identidade, debemos consumir produtos etiquetados en lingua galega. Velaí están os agroalimentarios e os viños. Sen patriotismo económico, dificilmente podemos avanzar na galeguización do País.

Segundo.- Intensificar a transmisión da lingua galega no ámbito familiar e nas nosas relacións sociais. Con pedagoxía e paciencia debemos galeguizar aos nosos. Para liberar un pobo, primeiro deberemos liberarnos nós.

Terceiro.- Sendo como somos un país de minifundios, de pequenos propietarios, témonos que esforzar por incorporar a lingua galega aos actos xurídicos documentados que recoñecen a propiedade (escrituras públicas) e a súa transmisión (testamentos) nas notarías.

Cuarto.-Proceder á rehabilitación da memoria lingüística dos nosos antepasados que están soterrados baixo lápidas redatadas en castelán. Reemprazalas por outras en galego, máis acordes coa lingua que usaron en vida os nosos defuntos. Un dato revelador: só unha de cada mil lápidas e un 2% das esquelas publicadas nos xornais están redactadas en lingua galega.

Quinto.- Establezamos o costume de agasallar libros en lingua galega.

O Día da Patria Galega é unha boa data para a remuda de hábitos culturais e de consumo. Despois da celebración das manifestacións e actos institucionais celebrémos o Día cun brinde, pero que sexa cun viño etiquetado en galego, por favor. Fagamos Patria.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES