Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

México: O retorno do PRI e a 'Guerra do narco'

martes, 20 de julio de 2010
a) Introdución
As eleccións rexionais mexicanas realizadas o pasado domingo 4 de xullo supuxeron un importante test político para a democracia e a estabilidade institucional deste país, en especial ante o clima de violencia desatada pola actuación dos cárteis e mafias do narcotráfico. Paralelamente, estes comicios marcan o termómetro electoral de cara ás presidenciais de 2012.
A violencia política e o 'sicariato' fixeron presenza o pasado 28 de xuño, co asasinato do candidato do Partido Revolucionario Institucional (PRI) para a gobernación de Tamaulipas, Rodolfo Torre Cantú, cunha autoría que apunta aos cárteis da droga. Tralos asasinatos en 1994 do candidato presidencial Luís Donaldo Colosio e do secretario xeral José Francisco Ruíz Massieu, ambos do PRI, non acontecía en México un caso similar de crime político.
Pero o contexto actual amosa unha guerra polo control do poder entre diversos cárteis do narcotráfico e mafias políticas instaladas no tecido estatal mexicano. Unha guerra que, desde 2007, cobrou a vida a máis de 26.000 persoas.
Precisamente, o retorno do PRI como catalizador de triunfos electorais significa un novo escenario dentro do proceso de transición política iniciado en 2000 co triunfo do conservador Partido de Acción Nacional (PAN), do actual presidente Felipe Calderón Hinojosa. Segundo resultados oficiais preliminares e a falta de definir o total dos escrutinios, que comezaron o seu reconto o mércores 7, o PRI gañou ou levaba vantaxe en 9 das 12 gobernacións en xogo, perdendo os estratéxicos estados de Oaxaca,
Puebla e Sinaloa, onde gobernaba desde hai 80 anos, a mans dunha inédita coalición entre o PAN e o esquerdista Partido da Revolución Democrática (PRD).
Deste modo, a alianza PAN-PRD incrementa a súa presión para gañar en estados como Durango, onde o resultado aínda está en xogo tentando restar capacidade de manobra e fortaleza política ao PRI de cara ás súas pretensións de retornar ao poder en 2012.
Pero a consistencia desta alianza PAN-PRD esperta moitas incógnitas no escenario político mexicano.

b) O PRI de novo no poder?
Un total de 30 millóns de mexicanos estaban chamados ás urnas o pasado domingo 4 de xullo, para elixir 12 gobernadores e 1.500 alcaldes. A pesar das presións (medo e “terrorismo político”) exercidas polos cárteis da droga, a participación electoral foi masiva, reforzando así as bases democráticas da sociedade mexicana.
A falta do reconto total de votos nos estados de Durango e Chihuahua, e con resultados oficiais preliminares, o Partido Revolucionario Institucional (PRI) retivo o poder nas gobernacións de Veracruz, Tamaulipas, Quintana Roo e Hidalgo, gañando tres gobernacións máis (Aguascalientes, Tlaxcala e Zacatecas), ata agora gobernadas polo conservador Partido de Acción Nacional (PAN) e o esquerdista Partido da Revolución Democrática (PRD). En 2009, o PRI obtivo a maioría de votos nas eleccións lexislativas para a Cámara de Deputados, converténdose na principal forza política mexicana.
Non obstante, foi notoria a derrota do PRI en Oaxaca, Puebla e Sinaloa tras oito décadas de hexemonía, desta vez perdidas a mans dunha alianza PAN-PRD. Con este panorama, o PAN e o PRD esperan consolidar esta alianza de cara ás eleccións do estado de México de 2011, o máis poboado do país. Pero o mantemento desta coalición resulta unha incógnita de cara aos comicios presidenciais de 2012.
A perspectiva dun probable retorno presidencial do PRI resulta un escenario con elevadas probabilidades. Tras estes comicios rexionais, o PRI goberna en 19 dos 31 estados mexicanos e desde 2009 mantén a maioría no Congreso. Ante este panorama, o actual presidente Felipe Calderón (PAN) veuse na obriga de alcanzar acordos co PRD, o seu rival electoral en 2006, para conformar unha inédita alianza en cinco estados orientada a frear unha serie de vitorias do PRI que consolidaran as súas pretensións presidenciais de cara a 2012.
Pero esta alianza PAN-PRD atopouse coa dificultade de non poder apoiar candidatos propios en determinados estados. Velaí que a coalición, basicamente de carácter circunstancial, entronizou a candidatos provenientes das bases do PRI, como Gabino Cué, Rafael Moreno ou Mario López, descontentos cos dirixentes rexionais dese partido nos mencionados estados de Oaxaca, Puebla e Sinaloa.
Non obstante, “baróns” políticos do PRD como os ex candidatos presidenciais Cuauhtémoc Cárdenas e Andrés Manuel López Obrador (quen perdeu as eleccións de 2006, acusando a Calderón e o PAN de presunto fraude electoral) condenaron este
pacto de conveniencia PRD-PAN porque, segundo argumentan, “lexitimaban a presidencia fraudulenta de Calderón”.
Á espera de definir os resultados finais, a tentativa hexemónica do PRI en 9 dos 12 estados que foron a eleccións supón a súa principal baza política e electoral. Desde 2008, o PRI iniciou un proceso de reestruturación interna que permitiu “refrescarse” con liderados alternativos como súa actual presidenta Beatriz Paredes; e o carismático e actual gobernante do estado de México, Enrique Peña Nieto, quen parte con moitas posibilidades de ser o candidato presidencial do PRI en 2012.
En diversos medios e sectores políticos da opinión pública mexicana especúlase que o PRI verase fortalecido no 2012 coa candidatura de Peña Nieto, mentres o PRD baralla a posibilidade de elixir como candidato a Marcelo Ebrard, gobernador do Distrito Federal e considerado un dos políticos máis críticos co PRI. Deste modo, o PRD semella virado a promover unha candidatura propia que desarticule a súa circunstancial alianza co PAN.
Pero o período político e electoral 2011-2012 será o realmente decisivo para medir a potencialidade e aura de “invencibilidade” electoral conquistada polo PRI nos últimos anos. Pola súa banda, o PAN deberá dirimir unha serie de dilemas internos, en particular ante a súa alianza non sancta co PRD, que xa demostrou que pode outorgar determinados beneficios electorais.

c) O poder do narcotráfico
Ademais das “cábalas políticas” postelectorais, o enorme poder dos cárteis da droga mexicanos conforman importantes variables no panorama político.
Neste sentido, a comunmente denominada “guerra do narco” logra inserirse directamente nos cimentos da arquitectura institucional e estatal mexicana.
Os principais cárteis da droga mexicanos están divididos en: Cártel del Golfo, tamén coñecido como “Os Zetas”; Cártel de Tijuana, dirixido polo “capo” Arellano Félix; Cártel de Sinaloa, do “Chapo” Guzmán; a “Familia Michoacana”; o Cártel de Beltrán Leyva; e o Cártel de Juárez, dirixido por Carrillo Fuentes. O seu radio principal de acción localizase nos estados de Baixa California, Sinaloa, Sonora, Chihuahua, Tamaulipas, Coahuila, Nuevo León, Guerrero, Oaxaca, Jalisco, Hidalgo, San Luís de Potosía, Nayarit, Chiapas, Yucatán, Veracruz e Tabasco, todos eles fronteirizos con EEUU e nas costas do Océano Pacífico e do Golfo de México.
Esta configuración xeopolítica e territorial revela a presenza dun denominado “triángulo dourado” conformado polos estados de Sinaloa, Chihuahua e Durango, fronteirizos con EEUU, que conta con amplas plantacións de marihuana e amapola e onde se desenvolve o maior peso da “guerra do narco”.
Desde que en 2007 o presidente Calderón militarizou a guerra contra os cárteis da droga, colocando ao Exército como o principal rival dos “narcos”, máis de 26.000 persoas faleceron vítimas desa estratexia, sendo moitos deles non só simples narcotraficantes, militares ou forzas policiais senón activistas de dereitos humanos e líderes sindicais e sociais. Calcúlase en 30 mortos o parte diario da criminalidade a nivel estatal.
Sectores da opinión pública aseguran que o enorme custe humano da militarización desta guerra incremenou os niveis de descrédito político e de impopularidade de Calderón. Así mesmo, diversas ONGs e movementos políticos e sociais acusan ao presidente Calderón e a altos dirixentes estatais, de librar unha especie de “limpeza política” amparada nesta militarización dunha guerra que non dubidan en cualificar como “interna” dentro do Estado mexicano, dirixida por mafias políticas, policiais, militares e cárteis da droga, orientadas a controlar os resortes do Estado.
Paralelamente, a chantaxe política e a utilización do sicariato e do secuestro con carácter político son factores que alimentan a posibilidade dunha “colombianización” da guerra do narcotráfico en México, utilizando o medo como arma de persuasión política e electoral.
En diversos medios xa se denuncia a “narcocracia” mexicana instalada nos poderes do estado. A actuación policial e xudicial tampouco axuda a incrementar a confianza cidadá cara a estratexia gobernamental, ante a elevada impunidade dos crimes cometidos en México, estimada por diversas ONGs nun 95% dos casos.
Os dous meses de secuestro do senador Diego Fernández de Ceballos (PAN) e o asasinato do candidato a gobernador Torre Cantú son os máis recentes casos específicos que incrementan o poder de acción destes cárteis e a imbricación da “narcopolítica”. Precisamente, no estado de Tamaulipas onde foi asasinado Torre Cantú, un total de 12.000 observadores electorais negáronse a participar polo elevado nivel de asasinatos, secuestros e violacións.
O espectro da criminalidade dentro da política mexicana vese ampliado ante recentes casos como a detención de tres candidatos a gobernadores: Martín Orozco (PAN) en Aguascalientes; Gregorio Sánchez, dunha coalición esquerdista en Quintana Roo; e César Duarte (PRI) en Chihuahua, imputados por tráfico de influencias, relación co narcotráfico e a delincuencia organizada. Igualmente, unha ducia de dirixentes políticos ou familiares destes foron asasinados nos últimos dous meses nos estados de Sinaloa, Chihuahua e Tamaulipas.
Resta saber se a influencia da “guerra do narco”, estragando os cimentos do Estado e da sociedade a través do sicariato, a criminalidade e a corrupción, pode afectar seriamente á evolución dun novo ciclo político en México. Por iso, aumentan as incógnitas sobre o futuro político mexicano, actualmente centrado na posibilidade dun regreso do PRI ao poder en 2012.

IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES