Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vocación de rexurdimento

lunes, 19 de julio de 2010
Galicia fornécese, medra, nas súas derrotas. ¡Sempre foi así! Hai algo atávico, ancestral, perdurable, que se nutre do propio zume, de tanto que ten esta terra, ¡meiga, que non das meigas! Somos o que somos, tal e como somos, precisamente por obra e por graza das nosas derrotas. ¡Si, en efecto! Nesta fisterrae témo-la arte de rexurdir das propias cinsas, fénix que somos, e se cadra con máis ímpeto, ¡con máis!, mal que lles pese aos agoireiros que nos teñan por tímidos e por reconcentrados; ¡case que por trísceles!
 
De saír vitoriosos ¿que? ¡Oh, qui lo sa! Os futuribles, en Historia, non son Historia. O certo, o real, é que somos celtas, ou máis ben, pre-celtas; quere dicirse, incombustibles!
           
Faláranlle de nós ao procónsul Décimo Xunio Bruto, fose na propia Roma ou xa na Lusitania, informándoo de que os nosos minerais..., ¡os minerais e mailos viños, dixestivos, curtentes, tanino puro!, estaban ao Norte, máis ao Norte, naquela estrema dos Galaici, dos Oestrimnios, dos Saefes... En definitiva, no país dunha xente de pelo no peito, ¡os nosos devanceiros, e deles, nós!, así que ousou, ¡ou lle mandaron!, cruza-lo Douro, cargándose, de paso, no seu paso, aos 50.000 galeguiños da nosa vangarda! Ou era brutísimo aquel Bruto, ou é que nesa cifra esaxera Paulo Orosio, un chisco. Feita aquela desfeita, foille doado chegar ao Lethes, ao Lima, ou Limia, onde se afoutaron aqueles latinos ao comprobar que non perdían a memoria no noso río “do olvido”, do esquecemento . ¡Non che digo nada cando comprobaron, per se, que naquela ruta había ouro, e mazás, e galeguiñas, trigo do Flammoso e viño de Amandi..., así que, con iso á vista, Ave César!
 
Coa derradeira, coa do Medullius, o que é vencer, venceu Roma, pero colléronos un respecto, que ben que uparon as murallas do seu Lucus, do noso Lugh…, para defende-lo tesouro arroubado, adega incluída!
 
Cos suevos, aquilo do foedus, terras ao terzo; ¡tan grato lles foi que, do 409 ao 411, todos aquí, e todos instalados, definitivamente! Labreguiños e suaves, ¡coma nós!, non houbo derrota, ¡ningunha!, senón axuste, mestizaxe, ou do que non, ¿de onde saíron tantos roibos, tantos alemáns, tantas cacholas cadradas, filósofos a feito, todos, que por iso en Galicia non descolan, non houbo, non hai, que non pode haber, primus inter pares, xente comedida, servizal, exemplar, acatadora dos seus führes, mentres non nos inchen as nafres, que daquela..., ¡daquela quéroche un conto!
 
Nos tempos de Reckiario, mellor dito, co pánico que nos entrou seguidamente da súa derrota, da súa morte aleivosa (ás mans do Teodorico II, no Portum Cale, Oporto, Decembro do ano 456), fixémo-la cobra, ¡que algo de saefes nos quedara!, e daquela metémonos no covo, de novo, no cosco ecléctico, gris, do arianismo, para sobrevivir, ¡que é lei de vida! Tan ben fixeron aquel rol, medio a medio da escaleira, ¡que de algo nos vén ese dito!, que de alí a nada gañamos o respecto dos visigodos, recuperámolo, altivos eles, que incluso chegamos a abraialos xa que tiveron que admitirnos a El Rei Teodomiro, propio, suevo, calvo e católico. (Concilio de Braga, a.D. 561). E así, deste xeito, caracoleando pola Historia adiante, chegamos ao visigodo Leovigildo, que se nos impuxo, política e militarmente, pero aqueles fisterráns, aqueles galaico-suevos, ¡tan galaicos e tan suevos!, fixéronlle acatar, asimilou, os cánones da rectitude, perfeccionados polos nosos Reckiario, Teodomiro, Mirón...; e con iso, outro triunfo, emanado, tamén, ¡coma sempre!, dunha ou de varias derrotas, todas elas transcendentes!
 
En canto aos mouros, que tamén nos visitaron... Aquí en Galicia foron simples turistas, pois con eles, salvo aquel roubo das campás, ¡e para iso, recuperámolas!, non tivemos derrota..., ¡nin llela infrinximos! Nada daquilo do bolo e mailo año, aquel suposto farol co que os espantamos das murallas de Lugo. Os mouros, aquí, derrotáronse eles mesmos, sos: venceunos a lama das nosas corredoiras, que se lles achantaron as babuchas!
 
Pouco a pouco, os de Pelaio, ¿fillo daquel Conde de Flammoso?, medráronse coas catro vitorias cántabras, ¡máis da neve que deles mesmos, que se lles engarabullaron os dedos aos nómades, e por ese motivo as súas cimitarras só lles serviron, aos de Alá, para abri-las trochas dunha nova éxida! O rei Silo, por aqueles tempos, ¡mala premonición!, temeroso de que se lle escorresen os galaicos occidentais, montou en cólera a pretexto duns tributos litixiosos: repasou a Fonsagrada, e deuse o pracer, sempre malsán, de regar co sangue galaico unha toponimia que o deixou definitivamente desacreditado: Campos da Matanza (na Valeira), Fonte de Matahomes e Rego dos Ósos (no Monte Cubeiro). Como a nosa Galicia, esta do Norte, non tivo por entón un Afonso Henriques, así nos quedamos, de tributarios, de foreiros, pero..., ¡coa mellor das leiras!
 
Ben que lles axudamos aos godo-casteláns, en todo tempo, desde Covadonga a Granada, con homes e bastimentos, con levas e con gabelas, mais, fóra desas quintadas, de nós, ao longo da Reconquista, pouco caso ficieron. Mellor, que así criámonos con máis iniciativa, máis..., ¡máis curtidos! Pero non, que nin con esas nos deixaron vexetar en paz, verdes neste curruncho verde, pois daquela, pacíficos e pacificados, podiamos chegar a grandes, e darlles faterna..., tal que o Conde de Lemus, un novo perigo, ao que lle fixeron liscar, de Vilafranca e do resto do Bierzo; coma quen di, da nosa quinta provincia, que tal era, que de facto estábao sendo por leis naturais e históricas!
 
Para pecha-lo tema, como agoa se di, que isto é un mero artigo, e por ende, unha síntese, pechemos en Toro, que, se nos caía lonxe no espazo, preto estaba nas consecuencias, batalla perdida directamente polos portugueses, e indirectamente polas esperanzas da maioría galaica, ocasión dual na que Galicia perdeu a súa enésima ocasión de ter Lisboa por Capital atlántica, ¡embigo do mundo, do entón descuberto e do que estaba xerándose!, así que houbo que resignarse á castra e á doma, (se é que o cronista J. Zurita transcribiu correctamente as vontades da súa Raíña), precisamente polos propios, polos propios descendentes dunha xente nosa, aqueles de Tras do Támara! ¿Castrar Galicia, domar Galicia? ¡Iso si que non, que este é un pobo, unha raza enteira, de xente enteira, en calquera das posicións, tanto se a polinizan de arriba para abaixo coma se o fan de abaixo para arriba! Aquí hai, aquí haberá, sempre, unha proxenie rufa, rexa e rufa, que está agromando, por enésima vez, agora, nesta soleira do século XXI.
 
As nosas Españas séntense pesarosas, frustradas, aínda, a un século daquel infausto 1898, no que se perderon as últimas colonias transoceánicas, esvaecidas por cen enfermidades simultáneas, que non toda a culpa foi da Mariña, pois, cando vén unha, nunca vén soa!, pero o que é Galicia, esta España fisterrán, non, ¡en absoluto!, que por aquí soubemos face-las Américas, reconquistalas, precisamente despois da derrota. ¡Fénix, en definitiva!
 
O gran problema sociolóxico sempre foi arrexuntarnos, asociarnos, conxuntar vontades, que por iso, e só por iso, venceron aos castrexos aquelas cohortes romanas, que actuaban en axes de formación cerrada, pretas as fileiras! Mais, de presente, cunha Xunta por bandeira, por atume, ¿quen lles teme ás crises do XXI, por universais que sexan? Eu, modestamente, ollo, observo, moitísimo, desde a altura da miña experiencia, para estas xuventudes que están saíndo das nosas aulas, ¡aulas en tódalas corredoiras!, e véxoas tan compactas, tan unidos e tan espelidos, que ata os creo capaces de inventa-lo traballo, de industrializarse definitivamente, cousa que, por moito que digan, nesta España do Noroeste aínda está inédita, ¡e iso foi porque puxémo-lo carro diante dos bois, que nos pasaron da Primaria á Terciaria, aos Servizos, sen case transición, esquecéndose, ou ignorando, que esa fase, a dos viños, é a derradeira, sempre, nun proceso lóxico de consolidación económico-cultural.
 
Galicia é abondosa en auga e noutras materias primas de gran futuro, vacas á parte. Pois ben, niso está a argamasa construtiva do noso futuro, da nosa prosperidade! Aquí, nesta Jacobuslandia, o único que nos faltaba era outra derrota, outro recocido, e tivémolo..., ¡no paro! Afinade a orella, ouh devotos de Maestricht, que xa se escoita, nesta pradería, no vestíbulo das nosas aulas, o noso ¡Esperta ferro! convidándonos a tomar efectividade de cara ao porvir, ao amencer que nos espera despois desta noite socio-económica. ¿Saímos fortalecidos, encoraxados, da “noite de pedra”, non si? ¡A presente é un mero eclipse comparada coa outra!
 
¡Galicia, esperta, que témo-lo sol na porta e a auga na horta! E logo que estamos simplemente no punto de inflexión dun novo ciclo; nesta ocasión, neste apagón, a xente clarividente, esforzada e austera, non se detén na escaleira, que as subimos así sexa gateando! O problema, o gran perigo, a gran tentación, sería caer nunha situación de preguiza externa, contaxiada. ¡Diso, libera nos Dómine!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES