Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

San Miguel de Sarandón: Viño do Ulla

lunes, 12 de julio de 2010
San Miguel de Sarandn: Vio do Ulla San Miguel de Sarandn: Vio do Ulla Non sei se entramos por Cimadevila ou por Casansula. Sei que o Pico Sacro nos foi indicando. Sei que souben que estabamos en San Miguel de Sarandón moito antes de entrar no rebumbio da festa do Viño do Ulla. Debeu ser polo río, debeu ser polo aire; creo que foi por Nita, da Casa do Xistro, de Couso, que ía debullando o rezo ao San Campio: “Meu San Campio, meu San Campio, botalle fóra o meijhallo, tamén o jhandre diaño, que o ten, Señor San Campio, na súa cabeza afrechado”. Nita segue co xeito de xotear, de falar á xeada, porque lle peta e lle da a jhana. Fai ben.
Pregunteille a Nita, se estabamos perto de Sarandón. Díxome que andabamos ao pé, que un chisco máis adiante “ollaranse as botas coljhando dos carballos coma demos tentadores, en dito de miña avoa”. Nita, engadiu: “Ten razón a miña avoa, ajhora que me fixo, ti segues a ter, talmente, a face do San Campio”. Tal apreciación nin a compartin daquela, nin a comparto agora, que escribo o relato viaxeiro: nada teño de soldado romano e moito menos de santo. Non repriquei naquel momento, nin lle quito a razón agora, ó pór o relato en escrita. Ao fin e ao cabo a todos nos gusta que nos miren mellor de como somos, ou do que pensamos que somos.
O ires subindo ao campo achegábansenos os sons das requintas do Ulla, o balbor da festa, os arrecendos das filloas, dos chourizos, do polbo e das tartas de Lestedo, entre outros ulidos espertadores. O recinto da celebración estaba ateigado de persoal de perto e do máis lonxano de Galicia. E do cabo do mundo. Os chineses e os xaponeses facíanlles fotos ás pedras. E está ben escrito isto porque chamaban moitísimo a atención as pedras redondas nas que se facían as redondas e grandísimas filloas, que logo entregaban (previo pagamento) envolvidas cun chourizo asado no medio: ou seña, filloas enroladas sobre un eixe chouriceiro. Estaba ben a mesturanza.
Grupos de mozas e mozos, vestían camisetas alusivas á festa. Algunhas eran boi bonitas de ver (as camisetas e as mozas que as lucían, todo hai que dicilo). O viño, nas botas xigantes pendurando dos carballos, era gratis. O dos pipotes do palco redondo, tamén. Pero todo o demais estaba a uns prezos de estraperlo. Dúas racións de polbo, dous cachos de pan e dúas tazas de viño tinto, tipo Barrantes, sen máis, vinteoito euros. Imaxínense como queda un. Requerín á polbeira da Polbería Guerra, nomeada polbeira maior de Galicia. Sí, pregunteille:
“Señora miña, ¿canto é de polbo, de viño e de pan, e canto pola nomeación titulada?”. Tanto persoal había que, se cadra, nin me escoitou, seguiu ó seu, a tronzar rabos.
Polo demais a festa da exaltación do Viño do Ulla, en San Miguel de Sarandón foi divertidísima.
Ese día, 11 de abril, quentaba o sol coma se fose agosto. A xornada, pois, prestábase. O recinto da festa, tamén: dous palcos, carballos, un cruceiro, bancadas de cemento, a igrexa e a casa reitoral do século XV.
As pedras redondas, que deseñan os artesán de San Miguel e de San Pedro de Sarandón, o mesmo serven para facer filloas, que para asar carne ou pescado. É dicir, teñen utilidades varias.
Quixen ir á Casa de Carbia, da aldea de Cubelas, en San Pedro de Sarandón, para falar co señor García, artesán de longa tradición, pero dixéronme que xa non se adicaba ó mester. Houberame achegado de todas maneiras para que me contase como lle poñían as troitas no cebo ao Excelentísimo Señor Dictador cando ía pescar ao Couto de Ximonde, pero desistín porque a festa embargoume de tal maneira, que o tempo foi pasando extraordinario e cando me chegou a acordanza xa non estaba a tarde para facer ningunha visita con certa formalidade. E que o Viño do Ulla, denominación de orixen Rías Baixas, deixase beber con alegría e se un non ten tino e bo tempero pasa o que pasa.
Así que, Nita mais eu, a ganchete xuizoso, fómonos a buscar unha sombra con aire corrido. Unha sombra que se poidera contar en xeneralidade, que tampouco hai que miudar con todo detalle. O caso é que pasamos o tempo da sombra milagrosamente. A contos monologados.
A sombra dos carballos, a música da banda Xuvenil de Santa Cruz de Ribadulla, o dormiñar entrevelado e as historias de Nita que, sendo Encarna bautismada, foise a Encarnita, para ficar, definitivamente, en Nita. Pois, iso, as historias de Nita sobre o Concello de Vedra, de San Miguel de Sarandón e do San Campio fixeron que fuxiran os últimos efluvios.
Despois do episodio foi cando lembrei o ollar das nenas bonitas da Banda de Santa Cruz, a muiñeira do gaiteiro da gaita do fol de cabra; ó rosquilleiro Xabier López, de Guimarei, A Estrada, e ás artesáns do barro, Celsa Martínez e Charo Bouzón, que me venderan, a oito euros unidade, dúas xarriñas moi atractivas co lema: “XXX Exaltación viño da Ulla” e o nome da persoa compradora. Pensei en darlles o deica a outras persoas coas que falei, antes do viño, claro, pero rexeitei a idea inmediatamente.
A Odón Camilo Cobas García, alcalde de Vedra, e a Victor Manuel Vázquez Portomeñe, non os cumprimentei porque, antes da sombra dos carballos, non estaba eu para saúdos correctos.
Nita faloume, engaiolada, das aldeas de San Miguel de Sarandón. Díxome (entre outras cousas) que estabamos emprazados para outro día, sen viño, e que, sen viño, repetía ela, sería tempo de ir a ollalas todas, mirar o que conteñen, e andar de vagar polo concello de Vedra ao completo. Sí, houberame gustado ir a Canicova, A Pedreira, Sarandón, Ximonde, a Silva de Arriva e a Silda de Abaixo, Casanova, Caxaraville, Casansula, Dozar, e Cimadevila. E tamen polas doce parroquias de Vedra: San Xián de Sales, San Fins de Sales, Illobre, Santa Baia de Vedra, Trobe, San Pedro de Sarandón; estar un día máis en San Miguel de Sarandón; ir por Merín, Vilanova, San Mamede de Ribadulla, Santa Cruz de Ribadulla e por Ponte Ulla. Pero todo isto queda para outro día.
Nita díxome, cargando graciosamente en xeada: “Verás, home, miña avoa sempre me conta que o San Campio, de San Mijhel de Sarandón, e moito máis avojhoso ca o de lonxe, de Fijheiró, en Tomiño, e aínda moitísimo máis ca o de Outes. De xeito que, os vajheares da cabeza, se vés con fe rexa ao San Campio de Sarandón, marchan nun pai noso e nunha oración, que quero mentar pero que agora non me vén”. Contesteille, que non matinara no asunto, que xa lle sairía en canto menos o pensara.
Recordo que Nita cavilaba na oración aprendida da súa avoa. Eu recordo iso, tamén. E recordo; recordo. Recordo, si, que se alguén quere mercar unha pedra redonda, con denominación de orixe de Sarandón, que chame a Manolo ao teléfono 669 822 582, que Manolo lles dará conta de quen ou quenes poden facer pedras á medida dos desexos do mercador. Un destes artesáns chámase David. Pero bueno, se queren unha pedra redonda, chamen a Manolo, que el lles dirá máis exacto. Escrito isto quedo aliviado. Creo que non deixo ningunha promesa por cumplir.
Cando a sombra dos carballos deixou marchar o que marchou. Cando, como escribo, os últimos efectos do viño do Ulla fuxiron, oin como Nita recitaba as oracións ao San Campio: “San Campio, que fuches bo e xeneroso, saca deste corpo pai, este mal tan tenebroso. Sácallo a (nome da persoa), santo San Campio; sácallo santo avojhoso”.
Dixenlle a Nita que me razoara a conta de que é de máis amparo o San Campio de San Miguel de Sarandón ca o de “Lonxe”, de Figueiró, en Tomiño, ou o de San Ourente de Entíns, do concello de Outes. Que non entendo isto, sendo como son, os tres, iconos representadores do mesmo persoaxe. Ademais, engadín, seica entre San Ourente de Entíns e Figueiró, están repartidos os restos do soldado santo. Nita entroume nunhas explicacións esotéricas, dispostas e intelixentes, que non estaban ao traer da miña tarde. E insistiu en que o San Campio, de San Miguel de Sarandón, é o propio, especialmente, para os que sofren do ramo cautivo. “Dio a miña avoa, e a miña avoa sabe moito diso, que é unha persoa de ciencia nacida. ¡Váleche!”.
Si, claro que sí; as avoas solen ter razón case sempre.
“E senón, dáselle - concluiu Nita – que eu á miña avoa teñoa coma nun altar, pasa dos 94 anos e quero disfrutar con ela e apredender as cousas que me conta e que me canta”.
Deixamos as teoloxías; recollemos, e preguiceiramente, fómonos, coa proposta de parar na tortilla de Cacheiras.
Pillounos a noite indo cara a Santiago. Polos Tilos estaríamos cando Nita, reollándome, nun mirar volteriano e divertido, voltou con outra rezada ladaíña:
“Se tes malfado, libérame domine; se eres tocado de xente diversa, libérame dómine; se eres tocado por Satanás réquiem en paz; se queres coller razón San Miguel de Sarandón, e se che jholpea o corazón kyrieleisón. Kyrieleisón; kyrieleisón. ¡Satanás, Satanás! Sanarás, sanarás se ó San Campio de Sarandón vas”.
Eu marabíllome de que, despois da sombra do viño, entre sombras relatada, lembre eu, ademais de a Nita, os pormenores dese día once de abril, do presente ano; dese domingo da festa do Viño do Ulla, en Sarandón. Tivo que ser único. Aínda así; sí, marabíllome.

Datos de situación: San Miguel de Sarandón, do Concello de Vedra, provindia de A Coruña, está a uns 18 quilómetros de Santiago; 88 de A Coruña, 72 de Pontevedra, 97 de Vigo, a 112 de Lugo e a 90 de Ourense. O Concello de Vedra testa ao norte co de Santiago de Compostela e de Boqueixón; ao sur e polo leste, co de A Estrada, e ao ponente, co de Teo. O seu río grande é o Ulla. O seu estar: auga, pazos, pedra, viño, tartas, música e arte; exuberancia infinda para disfrutar en plenitude.

Datos para achegarse: Dende Santiago, N-525, dirección Ourense; pola auto-estrada AP-53, Santiago-Ourense, primeira saída, quilómetro 14, pola comarcal que leva a Ribadulla-Ponte Ulla-Pontevedea. Desde Lugo, por Lalín, coller a autoestrada de Ourense-Santiago, saída Ponte Ulla. Non hai perda, que o caso e perderse por esas sorprendentes xeografías. Só, ou en compañía.
Gzlez.Vigo, Marcial
Gzlez.Vigo, Marcial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES