Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Declaración

miércoles, 07 de julio de 2010
Academia Galega do Audiovisual: Declaración

A Academia Galega do Audiovisual quere amosar a súa preocupación pola actual situación do audiovisual galego. É un momento grave do que cómpre tomar conciencia.

Hai unha forte crise económica, que os profesionais deste sector padecemos.

Neste último ano, o descenso da produción trouxo consigo o risco na continuidade de moitas empresas, a perda de postos de traballo e unha precariedade laboral aínda máis acusada daquela á que estabamos afeitos.

Neste contexto cobra maior relevancia o papel que xogan as administracións e as súas políticas audiovisuais. As administracións deben ser conscientes do valor e importancia básica do audiovisual para a sociedade galega, alén do notable valor económico ou de xeración de emprego que leva demostrado.

O audiovisual galego experimentou un notable pulo, froito do esforzo e talento dos profesionais e dun decidido apoio institucional. Todos coñecemos exemplos de éxito nos diversos campos do audiovisual, que ultimamente veñen colleitando un recoñecemento fóra que aquí xa coñeciamos, e que agora corre o risco de perderse, de deterse, como adoita ocorrer cando a principal forza é a inercia. Levamos perdido un tempo precioso pola incapacidade, ou cando menos tardanza –da administración e das forzas políticas-, para definir un armazón institucional, unhas políticas claras, unha estratexia para afrontar o momento que vivimos. Non sabemos cara a onde camiñamos. E cómpre unha reacción.

É preciso, urxente, completar a definición da nosa paisaxe audiovisual, o que inclúe a reforma, constantemente adiada, da CRTVG (peza básica, coma televisión pública, para o sector audiovisual en calquera comunidade).

É igualmente preciso esgotar as posibilidades que a TDT, e as licencias outorgadas ao seu abeiro, ofrece en termos de comunicación, produción e postos de traballo.

É esixible a maior transparencia, rigor e igualdade de oportunidades na xestión dos recursos públicos, de xeito que non desbotemos tanto talento coma ten agromado.

Os tempos de crise son tamén tempos de oportunidade. Esta declaración é tamén un chamamento ao traballo, á intelixencia e ao entusiasmo para non botar a perder o conseguido. A Academia Galega do Audiovisual ten como principal función a defensa e coñecemento do audiovisual galego. En cumprimento desa función, queremos manifestar a completa disposición da Academia para contribuír a un mellor futuro mediante o diálogo entra a administración, os profesionais e a sociedade á que todos servimos.
A.G.A.
A.G.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES