Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Afganistán: Está Obama perdendo a guerra?

martes, 06 de julio de 2010
a) Introdución
A remoción do xeneral Stanley McChrystal, comandante en xefe das forzas armadas
estadounidenses e da OTAN en Afganistán, decisión tomada polo presidente Barack Obama o pasado 23 de xuño, supón unha das máis graves crises política e militar dos últimos 50 anos en Washington, entorpecendo seriamente o intento de afianzar unha errática estratexia de estabilización no país centroasiático, antes de propiciar a anunciada retirada militar prevista para 2011.
Se ben con esta destitución Obama afianzou o peso da institucionalidade civil sobre o estamento militar, a razón da remoción de McChrystal derivouse de declaracións consideras ofensivas contra altos cargos da actual administración estadounidense, das que non só participou el mesmo senón asesores próximos.
En clave política, estas declaracións afirman a existencia de disparidade de criterios e discordias políticas sobre a estratexia defendida por Obama en Afganistán, un escenario vital que o presidente estadounidense non dubida en cualificar como unha “guerra de necesidade” para cortar de raíz as que considera bases do terrorismo global impulsado por Al Qaeda.
Esta primeira gran crise política e militar dentro da administración de Obama sobre a súa estratexia en Afganistán confirma o arriscado labirinto no que Washington está inmerso no taboleiro centroasiático.
O enorme peso político e militar de McChrystal era evidente, ao ser o verdadeiro deseñador da estratexia estadounidense en Afganistán, cun caudal de elevada reputación e popularidade dentro do estamento militar. Velaí que as súas críticas cara a política de Obama en Afganistán, así como ao papel do presidente afgano Hamid Karzai, establecen sinais preocupantes sobre o futuro deste país.
Estas polémicas declaracións acontecen nun momento particularmente delicado para Obama, igualmente acosado ante a caída de popularidade pola súa xestión fronte ao verquido petroleiro da British Petroleum no Golfo de México. Un informe do Congreso estadounidense publicado a mediados de xuño sinala que os US$ 2.000 millóns pedidos por Obama para financiar o esforzo militar en Afganistán están sendo utilizados para “pagar a protección de xefes mafiosos locais”, incluíndo aos talibáns, para permitir a viabilidade do subministro loxístico da OTAN.

b) O Vietnam de Obama
Afganistán estase convertendo na máis prolongada campaña bélica de EEUU. Nas últimas semanas, o incremento das baixas militares evidencia unha intensidade da violencia que comeza a abrir fendas nos países aliados de Washington sobre a necesidade de seguir mantendo tropas neste país.
Estatísticas da ONU e do goberno afgano recoñecen un aumento do 94% dos ataques das milicias talibán nos últimos meses, precisamente nunha conxuntura marcada pola decisión do presidente estadounidense Barack Obama, o pasado mes de febreiro, de ordenar unha “ofensiva total” contra as posicións destas milicias ao Sur do país. ONGs e centros de investigación estiman que, con 101 mortos, o mes de xuño de 2010 foi o máis violento en baixas para as tropas da OTAN desde que estas chegaran a Afganistán en 2001. No que vai de ano faleceron un total de 321 soldados.
Ante unha perspectiva lastrada pola intensificación e prolongación indefinida deste conflito, países como Alemaña, Holanda e Canadá comezaron a cuestionar e amosar o seu escepticismo sobre a factibilidade de pacificar e estabilizar Afganistán, incluso especulando cunha inmediata retirada militar. Neste sentido, Canadá e Holanda xa anunciaron a retirada de 4.500 efectivos a comezos de 2011.
Co relevo de Stanley McChrystal por David Petraeus, xefe do Comando Central do Exército de EEUU e Comandante das forzas estadounidense en Oriente Próximo e África, o presidente Obama tenta afianzar a súa iniciativa estratéxica en Afganistán, evitando calquera síntoma de debilidade ou desmoralización.
Obama afirmou que a remoción de McChrystal suporía un “cambio de persoal mais non de estratexia”.
Pero o contexto actual e o complicado taboleiro militar en Afganistán advirten da posibilidade de que EEUU e os seus aliados estean perdendo a guerra. Tralo seu antecesor, o xeneral David McKernan, McChrystal é o segundo alto mando estadounidense en ser destituído pola situación en Afganistán. A súa defenestración foi celebrada polos dirixentes talibáns como a “primeira derrota política estadounidense” nese país centroasiático.
Tras asumir o seu novo cargo, Petraeus advertiu publicamente sobre a enorme posibilidade dunha intensificación da guerra contra as milicias talibán.
Cun oneroso gasto financeiro e de esforzo militar para manter 130.000 efectivos dunha coalición de 46 países membros da OTAN (con posibilidades de aumentar a 150.000) e 200 bases militares nese territorio, a guerra de Afganistán estase convertendo para Obama nun labirinto sen visión de saída, complicando así as pretensións de Washington de retirarse militarmente dese país, na data fixada de 2011.
A inexistencia dun goberno central estable, cunha fráxil lexitimidade social, salpicado pola corrupción e a súa incapacidade de controlar o territorio a pesar da elevada axuda militar e financeira occidental desde 2001, son factores que igualmente colocan ao presidente Karzai nunha delicada posición, practicamente supeditado ás decisións de Washington e da OTAN.
Nas súas declaracións á publicación estadounidense Rolling Stone, McChrystal utilizou epítetos sumamente ofensivos contra Karzai, asegurando mesmo que “descoñecía” a autoridade do vicepresidente estadounidense Joseph Biden. Pero non todas as declaracións publicadas por esta revista correspondían directamente ao propio McChrystal, xa que algunhas foron realizadas por asesores próximos ao xeneral.
En todo caso, coas declaracións de McChrystal afirmando que “a guerra en Afganistán non ten sentido”, confírmase a enorme disparidade de criterios e opinións no estamento militar sobre a estratexia adoptada por Obama.

c) Petraeus e a “trampa afgana”
Retórica aparte, o nomeamento de Petraeus podería dar curso a un inmediato cambio de orientación na estratexia en Afganistán, pensando probablemente a longo prazo.
A experiencia de Petraeus como artífice do Manual de Contrainsurxencia (COIN) aplicado en Iraq, permitiu a Washington moderadamente estabilizar este país árabe, incluso manifestando un determinado nivel de apertura política ao permitir as negociacións entre o goberno provisional dirixido polo primeiro ministro Nourri al Maliki con líderes insurxentes das comunidades xiíta e antigos membros do Partido Ba ́ath e do goberno de Saddam Hussein.
Diversos medios en Washington estiman que Petraeus, indirecta e sutilmente, aplicaría esta mesma estratexia “iraquí” en Afganistán, aínda que precedida dun maior esforzo militar destinado a debilitar aos talibáns e outras milicias tribais opostas á autoridade de Karzai e da OTAN. Caso contrario, os plans de estabilización e retirada militar en 2011 complicaríanse enormemente para Obama, sumindo a Afganistán nunha incerta guerra civil entre diversas faccións, agravada polos intereses de países veciños como Paquistán, India, Rusia, China e Irán.
Outros medios especulan con que a decisión de colocar a Petraeus en Afganistán non só se mide por razóns de carácter militar senón incluso política e electoral. A popularidade de Petraeus nos predios políticos e militares en Washington daban incluso a especular cunha posible candidatura presidencial do xeneral estadounidense, un
evidente reto para a administración de Obama de cara a 2012. Confinado na “trampa afgana”, Petraeus estaría xogándose claramente o seu prestixio militar e político.
O epicentro da guerra segue concentrándose nas provincias de Kandahar e Helmand, ao Sur e Sudoeste de Afganistán, con amplas repercusións incluso nas provincias do Norte e Oeste. Pouco antes da destitución de McChrystal, Washington anunciou o envío de 30.000 soldados a Kandahar para combater aos grupos insurxentes. Con 172 mortos no que vai de 2010, a provincia de Helmand convertese así na máis violenta de todo o país.
Esta insurxencia está principalmente liderada polas milicias talibán e “señores da guerra” como Gulbuddin Hekmatyar e Jalaluddin Haqqani, ex comandantes da “yihad” contra a invasión soviética.
Estes grupos insurxentes practicamente gobernan as rexións fronteirizas coa provincia paquistaní de Baluchistán, igualmente controlada por grupos islamitas radicais, asociados na súa composición tribal e étnica á maioritaria comunidade pashtuna e aos talibáns.

d) Un maná mineral para un país pobre
A mediados de xuño, o diario The New York Times publicou unha información onde o goberno de EEUU confirmaba o descubrimento no subsolo de Afganistán de importantes reservas minerais de cobalto, litio, cobre, ferro e ouro, valorados en US$ 1.200 millóns. Destas reservas, as máis importantes semellan ser as de litio, vitais para a fabricación de telefonía móbil e ordenadores portátiles.
En agosto de 2009, o ministro de Economía afgano, Hazrat Omar Zakhilwal, xa advertiu da existencia destas riquezas, ao considerar que o seu país estaba “asentado sobre un tesouro”. Tras certificarse estes descubrimentos, o propio xeneral Petraeus considerou que os mesmos “teñen un potencial xigantesco”. O portavoz do goberno de Karzai, Waheed Omar, estimou que estes descubrimentos supoñen unha “gran oportunidade para unir ao pobo de Afganistán”. Esta perspectiva de riquezas minerais modificaría sensiblemente a estrutura socioeconómica de Afganistán, acrecentando ao mesmo tempo os dilemas sobre a súa estabilidade ante a posibilidade dunha explotación indiscriminada destes recursos por parte de multinacionais estranxeiras.
Considerado un dos países máis pobres do mundo, así como o principal produtor mundial de opio e sen un goberno central estable con capacidade para xestionar estes recursos, estímase a medio prazo a posibilidade dun boom de investimentos financeiros e tecnolóxicos por parte de multinacionais ansiosas de explotar estas reservas.
Igualmente, a perspectiva dunha maior implicación exterior na explotación destes recursos minerais por parte das multinacionais incrementaría a posibilidade de maiores ataques dos grupos insurxentes contra estes obxectivos, agora lexitimados ante a perspectiva de loitar contra os intereses exteriores por explotar os recursos afganos.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES