Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Xavier Méndez Pérez, músico da nosa terra

miércoles, 30 de junio de 2010
A este sacerdote da nosa Diocese debemos presentalo tamén con esa segunda vocación: foi “músico da nosa terra”. Soubo descubrir a”alma de Galicia no seu canto”.

Xavier Méndez naceu en Neda o 5 abril de 1937, no seo dunha familia de grande afección musical, ben acreditada polo seu tío e mentor D. Manuel Pérez Fanego.

Realizou os estudios eclesiásticos en Mondoñedo e na Universidade de Comillas, onde foi discípulo do P. Prieto, músico de sona internacional.

Ordenado sacerdote en 1963, prestou os seus primeiros servizos nas Parroquias rurais de Cabanas (Viveiro). Volveu logo á súa cidade ferrolana, onde desenvolveu unha intensa actividade nas Parroquias de Nosa Sra. do Carme e San Xiao, tratando de aproveitar especialmente as súas capacidades na pastoral da catequese e da liturxia..

Froito dese tempo son os seus “Salmos pra nosa terra” (1971), que supuxeron unha notable promoción da lingua galega na liturxia, cun repertorio de salmos bíblicos que levan na letra e na música os aires da nosa terra. Foi tamén o autor do canto “Xurdirá”, que serviu como himno propio do Concilio Pastoral de Galicia, e da música composta para a “Misa do Pobo de Deus”, publicada e gravada por diversas editoriais..

En 1978 marchou a Madrid para completar os seus estudios musicais. Alí entrou en contacto co Secretariado Nacional de Liturgia, formando parte do seu equipo musical, e publicando novas cancións e partituras, que foron arriquecendo o seu xa nutrido repertorio.

Finalmente en 1982 volveu novamente a Galicia, e foi designado Mestre de Capela da Catedral Basílica de Santiago. Alí tratou de mellorar a Escolanía da Catedral e de compoñer un notable número de partituras para as diversas solemnidades que alí se celebraban. Destacou especialmente a súa actuación na Festa do Apóstolo Santiago en 1983, na que foi felicitado persoalmente polos Reis de España.

Pero a enfermidade e a morte chamaron prematuramente á súa porta, e acabou o seu camiño o 5 de decembro de 1983, aos 46 anos de vida, entrando agarimosamente na casa do Pai. O “Requiem galego” que Xavier compuxera en 1982 pode servirlle como epitafio na súa morte:
“Acollidos no fogar do Pai, louvaremos decote ó Señor;
cantarémoslle cantigas novas, envoltos na luz e no amor”.

A obra musical de Xavier é moi nutrida, tendo en conta os escasos anos da súa vida. E case toda ela ten caracter relixioso, aínda que lle gustara tamén figurar como autor do himno do Club de Futbol “Racing” de Ferrol.

Sen dúbida a súa obra máis difundida son os “Salmos pra nosa terra”, que foron gravados nunha edición discográfica de calidade, e que interpretamos moitas veces nas nosas celebracións. Tamén a “Misa do Pobo de Deus” e a colección de himnos do Breviario “In himnis et canticis” , publicados no “Cancionero Litúrgico Nacional”, lle serven de memoria agradecida, facendo que cantemos con el e coma el as loanzas do noso Deus.

Xavier dicía nunha entrevista: “No quiero que me llamen renovador, sino que me llamen trabajador”. Pero el foi as dúas cousas, condensando os aires da nosa terra co espírito da Biblia e da Liturxia. “As horas de traballo empregadas na realización destas obras quedarán amplamente compensadas pola satisfacción de ter prestado un bo servizo ao Pobo de Deus en Galicia”.
Uxío García Amor
García Amor, Uxío
García Amor, Uxío


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES