Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Kirguizistán: Violencia étnica ou pulso político?

jueves, 24 de junio de 2010
a) Introdución
Cun balance hipotético de 180 mortos e máis de 1800 feridos, os mortais enfrontamentos rexistrados nas provincias de Osh e Jalalabad, ao sur de Kirguizistán, entre as comunidades kirguiza e uzbeca, ilustra un caótico panorama neste país centroasiático, desfeito por violentos conflitos interétnicos nos que están aparentemente implicados diversos actores con claros intereses políticos.
Considerados os peores enfrontamentos étnicos en 20 anos, esta situación revela igualmente as dificultades para consolidar unha estable transición na esfera centroasiática, seriamente afectada pola fraxilidade política e institucional, o complexo mosaico étnico e o pulso de intereses exteriores. No caso kirguizo, a actual crise comezou en abril pasado, coa caída do ex presidente Kurmanbek Bakíyev e a conformación dun goberno transitorio presidido por Rosa Otumbayeva que busca a súa lexitimación interna e externa.
Independentemente dos factores e intereses latentes detrás da violencia étnica, cunha manifestación que tamén daría conta de marcados intereses políticos, a situación en Kirguizistán corre o risco de reproducir un clima de “balcanización” na rexión de Asia Central, rememorando escenarios anteriormente críticos para a política internacional como foron os casos de Bosnia e Cosova.
Se ben no caso kirguizo non semella presentarse unha implicación internacional semellante á ocorrida anteriormente nos Balcáns, países como Rusia, China e EEUU moven sutilmente as súas pezas orientadas a garantir o equilibrio xeopolítico no país e na esfera centroasiática. Non obstante, a posibilidade dun espallamento do caos político e a violencia interétnica modificaría sensiblemente o complicado rompecabezas euroasiático, afectando aos intereses occidentais noutros escenarios como a veciña Afganistán.

b) Unha violencia provocada?
A complexidade da actual crise en Kirguizistán comezou a manifestarse en abril pasado, coa violenta caída do entón presidente Kurmanbek Bakíyev. Anteriormente, en 2005, unha revolta popular tamén defenestrou ao entón presidente Askar Akayev, quen fora o primeiro mandatario kirguizo trala independencia da ex URSS en 1991.
Trala caída de Bakíyev e co apoio de Rusia conformouse un incerto goberno transitorio baixo a presidencia de Rosa Otumbayeva que dende entón busca lexitimarse no contexto rexional e tenta garantir a súa autoridade para estabilizar ao país. Refuxiado en Bielorrusia, Bakíyev reclama a súa lexitimidade presidencial, probablemente movendo as súas pezas internas para deslexitimar a autoridade de Otumbayeva e do goberno transitorio.
Kirguizistán é un actor estratéxico para países como Rusia e EEUU, que posúen bases militares nese país.
Está previsto para o próximo 27 de xuño un referendo nacional para aprobar unha nova Constitución, cunhas bases que estipulan a conformación dunha democracia parlamentaria, contribuindo a lexitimar o proceso transitorio post-Bakíyev impulsado por Otumbáyeva.
Non obstante, os sectores opositores apelan á poboación para que se absteñan na consulta. Mentres a violencia interétnica explotaba en Kirguizistán, na veciña Uzbekistán celebrábase o cumio da Organización e Cooperación de Xangai, organismo que agrupa a Rusia, China e as demais repúblicas centroasiáticas. Este marco de integración rexional permitiría a Otumbayeva obter o necesario recoñecemento exterior que lexitimaría unha transición que se consolidaría coa celebración do próximo referendo constitucional. Non obstante, este proceso de transición veríase obstaculizado ante o espallamento dunha violencia política con matices interétnicos.
A presidenta kirguiza acusou directamente á oposición política de estar detrás dos enfrontamentos nas provincias sureñas de Osh e Jalalabad, onde habita unha importante comunidade uzbeca, que conforma aproximadamente o 15% da poboación do país. Ambas comunidades, a kirguiza e a uzbeca, posúen similares raíces relixiosas e culturais, debido a que profesan o islamismo sunnita e falan linguas de orixe túrquico, pero manifestan diferenzas de carácter socioeconómico: os kirguizos dedícanse principalmente ás actividades rurais mentres a comunidade uzbeca floreceu principalmente no comercio.
Non obstante, diversas fontes políticas e informativas especulan con outros intereses que provocarían intencionadamente a violencia interétnica. A comezos de xuño, o xeneral Ismail Isakov advertiu da conformación de grupos criminais en Osh e Jalalabad, consolidados nestas rexións desde 2005, a través dunha repartición de propiedades avaliadas polo ex presidente Bakíyev.
Os servizos de seguridade kirguizos consideran que o irmán do ex presidente, Ajmat Bakíyev, fíxose co control das actividades comerciais legais e ilegais desta zona, especialmente do tráfico de drogas, moi importante nestas rexións localizadas no estratéxico Val de Fergana, abundante en riquezas acuíferas.
A proliferación de mafias nesta zona converteron a Osh nun estratéxico punto de tráfico de drogas e contrabando. Dende Bischek, a capital kirguiza, diversos sectores acusaron a membros da comunidade uzbeca de liderar estas mafias e grupos criminais. Responsables dos servizos kirguizos de seguridade acusaron a Ajmat Bakíyev de controlar unha serie de redes de narcotráfico dende Kirguizistán e as veciñas Tadxikistán e Kazajstán cara Rusia e Europa. Estimase que un dos líderes destas mafias, Aibek Mirsidikov, podería ter provocado de forma intencionada os disturbios interétnicos en Jalalabad, ocorridos desde finais de maio. A pesar do matiz étnico do conflito, o mesmo pode revelar un pulso entre os seguidores do goberno transitorio dirixido por Otumbayeva contra os partidarios de Bakíyev.
Mirsidikov foi asasinado a comezos de xuño nunha vaga de disturbios que ameazaba con estenderse cara outras provincias. O gobernador da provincia de Jalalabad, Bektur Asanov, declarou que coa morte de Mirsidikov, “os partidarios de Bakíyev quedaron sen o seu protector criminal”. Pola súa banda, e con informacións aínda non confirmadas, Kuba Baibalov, responsable das tropas enviadas polo goberno quirguizo ao sur do país, responsabilizou a activistas da veciña Tadxikistán de actuar xunto aos grupos de Bakíyev para provocar a violencia.
Desde a caída de Bakíyev fixéronse diversos chamamentos para involucrar á Organización do Tratado de Seguridade Colectiva (OTSC) no desprazamento de tropas en Kirguizistán para solucionar o conflito. A OTSC foi creada en 1992 por Rusia, Armenia, Bielorrusia, Tadxikistán, Uzbekistán, Kazajstán e Kirguizistán. En 2009, en Moscova asinouse un documento no que se creaba unha Forza Colectiva de Reacción Rápida con atribucións específicas para combater o terrorismo, o crime organizado e o narcotráfico.
Non obstante, durante o cumio da Organización de Cooperación de Xangai (OCX) celebrado en Uzbekistán, os mandatarios de Rusia, Uzbekistán e Kazajstán rexeitaron a posibilidade de enviar tropas da OTSC a Kirguizistán, anunciando que si enviarían observadores electorais para o referendo constitucional do próximo 27 de xuño. Deste xeito, a efectos prácticos, a OCX lexitimaba oficialmente á presidenta Otumbayeva. Pero dentro da OTSC existen diverxencias con respecto á lexitimidade de Otumbayeva: o presidente bielorruso Aleksandar Lukashenko considera a Bakíyev como o “presidente lexítimo”.

c) A tensa cautela de Rusia, China e EEUU
Dentro desta crise, Rusia mantén unha actitude expectante. O presidente ruso Dmtri Medveded rexeitou dende o principio o envío de tropas para 'pacificar' o país centroasiático, para finalmente ordenar o envío de 150 efectivos para defender a base militar rusa en Osh así como xestionar a axuda humanitaria. Pola súa banda, China tamén mantén a mesma actitude de cautela e expectación, evacuando a case 1.300 dos seus nacionais dende Kirguizistán. EEUU só reaccionou anunciando o envío dun diplomático para pulsar a situación neste país, pero resulta claro que Washington tamén observa con interese os acontecementos, en particular para preservar a seguridade da súa estratéxica base militar en Osh, vital para abastecer as súas tropas en Afganistán.
Mentres, a Organización de Seguridade e Cooperación Europea (OSCE) denunciou unha posible “limpeza étnica” contra a minoría uzbeca. Uzbekistán anunciou o peche da súa fronteira, colapsada tras recibir a máis de 100.000 refuxiados, escenario que incrementaría os temores dunha posible crise humanitaria.
Co apoio tácito dos seus veciños, especialmente Rusia, Kazajstán e Uzbekistán, e cun estado de excepción a nivel nacional que permitiría reafirmar o seu poder pola vía militar, a presidenta Otumbayeva reitera a necesidade de celebrar o referendo constitucional nun delicado contexto nas rexións do sur do país. Aínda así, o goberno transitorio xa introduciu determinados retoques na consulta popular que permitiría cancelala en caso de maior violencia, recollendo as demandas de diversos líderes políticos que estiman imposible a súa realización.
O pantasma dun espallamento da violencia e a posibilidade dunha guerra civil en Kirguizistán involucraría inmediatamente a países veciños como Uzbekistán, Rusia e China na defensa dos seus intereses e das súas respectivas minorías étnicas, 'rexionalizando' así un conflito altamente 'balcanizado'. Diversos medios estranxeiros incluso falan dun posible 'Darfur' centroasiático mentres critican a incapacidade política da comunidade internacional para evitar un escenario de violencia étnica promovido por diversos sectores con evidentes intereses políticos.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES