Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Colombia: A hora de Santos?

viernes, 11 de junio de 2010
a) Introdución
O próximo 20 de xuño celebrarase a segunda volta presidencial en Colombia entre os candidatos Juan Manuel Santos (Partido da U), ex ministro de Defensa e abandeirado do oficialismo; e Antanas Mockus (Partido Verde), actual alcalde de Bogotá e candidato das forzas políticas alternativas ao “uribismo”. Na primeira volta celebrada o pasado 30 de maio, Santos rozou a maioría absoluta cun 46,5% dos votos, un factor que eleva as súas expectativas de vitoria e de sucesión do actual presidente Álvaro Uribe Vélez. Aínda que Santos logrou capitalizar ao seu favor a popularidade de Uribe, liderando durante varios meses as enquisas, a elección do pasado 30 de maio incrementou as expectativas dun cambio político personificado no avance da candidatura de Mockus, polarizando así a campaña electoral colombiana. A contundente vitoria de Santos na primeira volta, con 25 puntos de diferenza e 3,5 millóns de votos máis que Mockus (quen alcanzou o 21,5%), confirma a súa condición de favorito de cara á segunda volta, desmontando así as especulacións de diversas enquisas que aseguraban un empate técnico entre ambos candidatos. A pesar de presentarse acusacións de fraude electoral, esta abraiante maioría de Santos pulsará tamén a orientación das alianzas postelectorais que tanto ansía Mockus para recortar esa vantaxe. Ademais do voto dos indecisos, están en xogo os sufraxios de 4 millóns de colombianos, un 25% do padrón electoral, que non votaron nin por Santos nin por Mockus. Así compre considerar a quen finalmente apoiarán candidatos como a conservadora Noemí Sanín, o esquerdista Gustavo Petro (Polo Democrático), o radical Germán Vargas Lleras e o liberal Rafael Pardo, cunha polarizada dispersión de apoios que culta a concreción de consensos.

b) Santos toma a iniciativa
Tendo en conta o clima de incerteza preelectoral existente antes do pasado 30 de maio, a vitoria cun 46,5% dos votos de Juan Manuel Santos, ex ministro de Defensa e candidato do gobernante Partido da U, non só supuxo un resultado inesperado pola súa contundencia senón que desarticulou unha serie de expectativas que aseguraban unha polarización electoral aínda moito maior de cara á celebración dunha segunda volta, prevista para o próximo 20 de xuño. Estas expectativas de polarización e incerteza traducíanse nunha hipotética mínima marxe de diferenza de cara á segunda volta entre Santos e o seu rival Antanas Mockus, alcalde de Bogotá e candidato do Partido Verde. Por tanto, e rozando unha maioría absoluta que eliminaría calquera posibilidade dunha segunda volta, a contundencia do triunfo de Santos supuxo un claro efecto psicolóxico de fortaleza electoral para o “uribismo”. Interpretando esta contundente votación como un claro respaldo á xestión do actual presidente Álvaro Uribe Vélez e da súa política de “seguridade democrática”, visualizada agora na figura do ex ministro de Defensa, Santos eríxese claramente como o sucesor do “uribismo” para o período 2010-2014. Por contra, xorden dúbidas en torno á capacidade de remontar esta vantaxe por parte do seu rival Mockus, quen probablemente non se esperaba unha diferenza de votos tan maioritaria a favor de Santos na primeira volta, calculando así que as expectativas preelectorais dun “empate técnico” lle beneficiarían de cara a unha segunda volta. O actual escenario político colombiano asiste a unha configuración de alianzas e apoios electorais tan complexos como incertos e salpicados polo escaso consenso. A abraiante diferenza de votos de Santos e Mockus con respecto aos seus rivais Noemí Sanín (Partido Conservador), Germán Vargas Lleras (Partido Liberal), Gustavo Petro (Polo Democrático) e Rafael Pardo (Partido Radical) abre as portas dun escenario atomizado, no que están en xogo un total de catro millóns de votantes (25% do censo electoral) que non se decantaron nin por Santos nin por Mockus. Non obstante, a vitoria de Santos pode clarificar determinados aspectos relativos aos apoios electorais de cara á segunda volta. En principio, podería esperarse un apoio dos conservadores de Sanín e dos radicais de Pardo á candidatura de Santos, reproducindo a relación de forzas políticas que no Congreso colombiano apoian ao “uribismo”. Similar perspectiva se concentraría no caso de que Mockus reciba o apoio dos liberais de Vargas Lleras e do esquerdista Polo Democrático de Petro, cuxa caída nestas eleccións déixano nunha difícil posición política. Pero o panorama complícase cando entran en escena as empatías políticas. Sanín e Santos enfrascáronse en duras criticas e acusacións mutuas durante a campaña electoral, un escenario que pode fragmentar o apoio dos conservadores a Santos. Paralelamente, as bases e os militantes destes partidos derrotados na primeira volta poden atomizar aínda máis o seus votos, desobedecendo as alianzas electorais que realicen os seus respectivos líderes e cúpulas do poder. Deste modo, a incerteza domina a evolución destas hipotéticas alianzas. Dentro do esquerdista Polo Democrático, existe un amplo sector persuadido a votar en branco, contrariados pola ambigüidade de Mockus ante determinados aspectos clave como as bases militares estadounidenses en Colombia ou o acordo humanitario coa guerrilla das FARC. Incluso, a semana posterior á primeira volta se evidenciaron síntomas de distanciamento entre Mockus e o Polo Democrático que practicamente dificultan a concreción dunha alianza. Paralelamente, en determinados momentos da campaña electoral, Sanín e Pardo amosaron empatías políticas e ideolóxicas cos postulados de Mockus, en clara contradición á posición de apoio a Santos por parte das cúpulas e das bancadas lexislativas conservadora e radical. Por tanto, a segunda volta evidenciará cómo a capacidade de influencia das maquinarias electorais destes partidos e, incluso, o poder dos seus respectivos “caciques”, dilúense na medida en que a contenda electoral se concentra agora entre Santos e Mockus, dando curso así a posibles trasvases de votos. Nalgúns casos, como o do liberal Vargas Lleras, deixaron absoluta liberdade de elección para os seus militantes. Paralelamente, nas últimas semanas obsérvanse unha serie de investigacións xudiciais contra altos funcionarios do goberno de Uribe no relativo á corrupción, clientelismo e abusos de poder que poden complicar as expectativas triunfais de Santos, en especial en sectores fatigados pola hexemonía do “uribismo”. A balanza pode así decantarse nas mans dese 25% do electorado que non votaron nin por Santos nin por Mockus, así como dun número aínda non determinado de indecisos. Un aspecto importante destas eleccións colombianas confirma o declive dos outrora hexemónicos partidos Conservador e Liberal, un proceso que vense manifestando desde a vitoria de Uribe en 2002, e que actualmente vense superados por candidaturas e movementos políticos alternativos dentro dun amplo abano político e ideolóxico, moitas veces personalizados en liderados carismáticos como Uribe ou Mockus. Igualmente, e a pesar dos atentados, estas eleccións resaltaron a perda de capacidade política por parte das FARC como actor perturbador e de influencia no acontecer electoral colombiano. Esta perspectiva igualmente reforzaría as opcións presidenciais de Santos, fortalecido pola súa eficaz estratexia de progresivo debilitamento das FARC sendo ministro de Defensa, aínda que non menos exenta de acusacións de violacións de dereitos humanos.

c) Un contexto rexional sen Uribe
O único resultado claro deste proceso electoral estriba en que a partir do próximo 20 de xuño, Álvaro Uribe Vélez deixará a presidencia colombiana, rematando así un período iniciado en 2002 e que transformou os cimentos da política colombiana e do escenario rexional. Velaí que a maioría das miradas dos veciños de Colombia estean centradas na política que podería seguir Santos unha vez se consuma a súa eventual vitoria na segunda volta. O caso máis específico de tensión estaría orientado cara as relacións con Venezuela. Durante a campaña electoral colombiana foi frecuente un informal careo entre Santos e o presidente venezolano Hugo Chávez, quen acusaba constantemente ao candidato oficialista de reproducir a mesma política “dereitista” do presidente Uribe. A implicación de Chávez no escenario electoral colombiano foi frecuente nos debates televisivos dos candidatos, aínda que foi diluíndose ao manifestarse un pacto tácito entre os mesmos para afastar a figura de Chávez do debate electoral. Non obstante, tanto Santos como Mockus amosaron a súa “confianza” en abrir un novo curso nas relacións colombo-venezolanas, menos marcada pola crispación e as tensións políticas. En todo caso, ambos candidatos manifestan unha posición favorable á instalación das sete bases militares estadounidenses en territorio colombiano, sendo Santos o seu principal propulsor. Sendo así, as tensións con Venezuela e Ecuador estarán á orde do día, a pesar de que nos últimos meses, Bogotá e Quito intensificaron o seu achegamento diplomático, parcialmente “conxelado” desde a crise suscitada en marzo de 2008, co asasinato en territorio ecuatoriano do entón líder das FARC, Raúl Reyes. Con Santos na presidencia, espérase unha reprodución basicamente invariable dos postulados da “seguridade democrática” de Uribe, agora mediatizadas pola presenza das bases militares estadounidenses en Colombia, que levarían a un reforzamento da relación con Washington. Este marco de actuación podería ampliarse cara aliados rexionais como Perú, Chile e Brasil. No caso brasileiro, considerase invariable a súa relación con Bogotá, á espera de observar quen será o próximo presidente en Brasilia nas eleccións previstas para outubro próximo. A incógnita sobre a evolución das relacións exteriores colombianas pesaría en caso de vitoria de Mockus. De darse este suposto, poderíase manifestar un afastamento do legado de Uribe, tendo en conta o discurso pacifista e relativamente progresista do candidato “verde”. Pero moitos observan a Mockus como un candidato con moitas ambigüidades na súa visión exterior, en especial na estratéxica relación con Venezuela e ante a posibilidade de dar curso a unha nova etapa con Washington, menos marcada pola preponderancia da estratexia antidrogas e antiguerrilla.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES