Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tailandia: Dous países enfrontados

viernes, 04 de junio de 2010
a) Introdución
A cruenta represión militar en Bangkok o pasado 19 de maio contra un campamento do movemento rebelde denominado “camisas vermellas” que, durante semanas, levaron unha rebelión contra o primeiro ministro Abhisit Vejjajiva e as elites tradicionais, colocaron a este país asiático ao borde dunha prolongada confrontación civil.
Sen coñecerse con exactitude o número real de mortos e feridos (estímanse en 85 os mortos nos enfrontamentos), o goberno e os militares decretaron inmediatamente o “estado de sitio” na capital e 23 provincias do país, persuadidos ante a aparente rendición dos líderes dos “camisas vermellas”. Non obstante, e a pesar da delicada estabilidade, cabe a posibilidade dunha maior represión militar que incrementaría o risco de espallamento desta confrontación, tendo en conta que as elites e clases medias tradicionais, defensoras da monarquía e do establishment baixo o paraugas dos “camisas amarelas”, poden esixir represalias contra os rebeldes.
Se ben a crise tailandesa afonda as súas raíces en factores de índole socioeconómica, tamén revela un pulso político lanzado polo ex primeiro ministro Thaksin Shinawatra, deposto por un golpe militar en 2006, reivindicado polos “camisas vermellas” e actualmente exiliado en Montenegro. O goberno tailandés acusa a Shinawatra de “terrorismo”.
Outras claves desta crise denotan un claro conflito de clases que, incluso, se amplía dentro da perspectiva xeográfica interna. Os “camisas vermellas” son orixinarios das clases rurais marxinadas nas rexións subdesenvolvidas do norte e nordeste do país, identificados cos cambios progresistas do goberno de Thaksin (2001-2006). Pola súa banda, os denominados “camisas amarelas”, defensores do octoxenario monarca Bhumibol Adulyadej e das elites gobernantes, supoñen basicamente as clases altas e medias máis urbanizadas, beneficiadas do boom económico experimentado nas últimas décadas.
Alén desta perspectiva, o panorama actual revela os síntomas dunha erosión política e do inmobilismo das elites gobernantes ante as demandas de cambio impulsadas polo sectores sociais máis desfavorecidos.
A recente represión militar pode incrementar os xa se por si elevados niveis de polarización social, abrindo un período de violencia e inestabilidade neste país estratexicamente localizado no sueste asiático.

b) Dous países enfrontados
Un breve repaso á historia contemporánea de Tailandia salienta as contradicións internas emanadas dunha ríxida composición social e política. Tras unha revolución en 1932, o país pasou a ser gobernado por unha estreita alianza entre a monarquía e as elites militares e económicas, presentando así síntomas de escasa mobilidade social.
Este pacto das elites permitiu ao país outorgarlle un verniz de estabilidade que amortecía as enormes desigualdades socioeconómicas. Tras numerosos gobernos de xuntas militares, en 1990 estableceuse un sistema democrático pactado polas elites. En 1997, a crise financeira asiática golpeou fortemente o país, considerado en Occidente como un exemplo de “economía emerxente” e un dos denominados “tigres asiáticos”, á vista dos elevados índices de crecemento económico nas décadas de 1980 e 1990.
O símbolo da identidade e unidade nacional está asociado á figura do actual monarca Bhumibol Adulyadej (82 anos), quen estando no cargo desde 1946 constitúe o xefe de Estado con maior tempo no poder. O monarca posúe unha popularidade e veneración case incontestable, o cal permite completar a súa lexitimidade a través do poder concentrado nas elites militares, burocráticas e empresariais. Estas elites non dubidaron en intervir cada vez que viron ameazados os seus privilexios: nos últimos 30 anos, Tailandia experimentou dez golpes militares, o último en 2006 contra o entón primeiro ministro Thaksin Shinawatra, suceso que derivou na crise actual. Thaksin, un magnate das telecomunicacións con amplas conexións nos sectores empresariais e nos poderes establecidos, erixiuse como a figura política alternativa ao establishment tras resultar vencedor nas eleccións de 2001, cun programa progresista inmediatamente condenado polas elites como “populista e demagogo”. Thaksin reivindicou unha serie de dereitos para as clases máis desfavorecidas, en particular activando microcréditos e subsidios para o campo, investimentos en educación e a ampliación da asistencia sanitaria, factores que elevaron a súa popularidade entre os sectores máis pobres.
Non obstante, diversos sectores acusárono de reforzar as súas propias elites burocráticas e comerciais, dentro dun marco de certo nivel de nepotismo, autoritarismo e corrupción que incrementou a desconfianza dos sectores militares e das clases altas e medias.
Asentando a súa popularidade principalmente nos sectores rurais do norte e nordeste do país, Thaksin foi reelixido por maioría absoluta en 2005, logrando posteriormente o seu partido, Thai Rak Thai, un total de 375 dos 500 escanos nas eleccións lexislativas de abril de 2006. Pero ante a perspectiva dunha maioría absoluta para Thaksin, a oposición conservadora boicoteou estes comicios, dando paso á súa anulación pola Corte Suprema.
En setembro de 2006, atopándose Thaksin en Nova York, os militares deron un golpe de Estado, acusando ao ex primeiro ministro de corrupción e outros cargos criminais, sendo condenado a dous anos de prisión. Posteriormente, a xunta militar lexitimou en 2007, pola vía parlamentaria, ao actual primeiro ministro Abhisit Vejjajiva, do Partido Demócrata, nado en Gran Bretaña e orixinario da burguesía tailandesa.

c) Conflito social e incerta sucesión monárquica.
Con este panorama, Thaksin decidiu saír de Tailandia pero mantendo a súa base social de apoio que comezou a formalizarse a través dos “camisas vermellas” na plataforma “Unión pola Democracia e contra a Ditadura” (UDD), basicamente conformada por sectores rurais, campesiños e sindicatos, así como diversas capas profesionais das clases medias que demandan unha maior democratización e mobilidade social.
Paralelamente, os sectores opositores a Thaksin conformaron o movemento “Alianza Popular pola Democracia” (APD), comunmente denominados os “camisas amarelas”. Esta alianza inclúe a sectores da dereita nacionalista, das elites financeiras, grupos mediáticos e empresariais e sectores próximos á monarquía, receosos de ampliar os poderes do Parlamento a través dun elitesco e restritivo sistema de elección.
Dende o golpe militar de 2006, a confrontación política entre ambos movementos revela ás claras a plena vixencia dun conflito de clases en Tailandia, aínda que esta radiografía se complementa con outros factores de índole política. Entre eles cabe sinalar a sucesión do octoxenario monarca Bhumibol, un factor esencial para determinar a lexitimidade e o futuro da monarquía tailandesa, en especial ante a necesidade das elites de reforzar o poder establecido a través dun sucesor con garantías. Non obstante, o presumible sucesor do monarca, o príncipe Maha Vajiralongkorn, non posúe nin o carisma nin o afecto popular do actual rei, elemento que incrementa a desconfianza entre as elites.
Paralelamente, é notoria a ambigüidade do monarca Bhumibol á hora de decantarse politicamente na crise actual, un elemento que reforza a impresión de que a monarquía vese debilitada ante o poder da elite militar.
Ao factor socioeconómico debe engadirse a desestruturación do desenvolvemento rexional. O 41% da poboación tailandesa vive nas zonas rurais pero a agricultura só representa o 10% do PIB estatal. O boom económico das últimas décadas, principalmente derivado do turismo e dos investimentos estranxeiros, afirmaron unha serie de desigualdades socioeconómicas entre as elites urbanizadas de Bangkok con respecto ás zonas rurais do norte e nordeste do país, cuestionando a estabilidade do modelo de desenvolvemento tailandés.

d) Unha difícil reconciliación
A polarización produto dos desequilibrios rexionais, unha riqueza mal repartida e a crise política suscitada tralo golpe militar de 2006 activaron a polarización e os mecanismos de explosión social. Pero tamén revelaron unha complexa confrontación de clases nun país socialmente transformado nas últimas décadas, en especial ante o proceso de globalización económica.
Coa represión militar contra o campamento dos rebeldes “vermellos” e a súa aparente rendición, a crise tailandesa dista moito de terse resolto. A polarización segue latente e corre o risco de radicalizarse toda vez que a brutal represión militar podería dar curso a maiores represalias por parte dos sectores máis radicais en ambos bandos.
O pasado mércores 26 de maio, deputados do partido opositor Puea Tai, que controla 233 dos 480 escanos parlamentarios, esixiron a dimisión do goberno de Vejjajiva, acusándoo de ser responsable dos 85 mortos da represión militar.
Neste sentido, os líderes dos “camisas vermellas” fixeron inmediatos chamamentos aos seus simpatizantes para depoñer a loita armada. Pero os sectores máis radicais desobedeceron estes chamamentos, atacando estacións de TV e radio opositoras, edificios públicos, oficinas dos principais bancos e sectores financeiros e a Bolsa de Valores de Bangkok.
Á espera de coñecer ata qué punto as forzas armadas controlan a situación, a radicalización do conflito poder dar curso a un caótico enfrontamento entre os
sectores máis radicais dentro dos “camisas vermellas” e dos “camisas amarelas”, espoliados polo resentemento e os imperceptibles canais de reconciliación.
O estupor social ante a violencia descontrolada e a brutal represión militar poderían xerar tamén fendas na cohesión das elites gobernantes e nas propias Forzas Armadas, cun compoñente social que provén na súa maioría das zonas rurais subdesenvolvidas e dos sectores populares, base social dos “camisas vermellas”.
Iso explica que oficiais e suboficiais teñan familiares e coñecidos entre os grupos rebeldes.
En todo caso, a violenta crise de maio de 2010 pode significar un punto de inflexión aínda máis dramático e decisivo que o golpe militar de 2006. De non habilitárense mecanismos de diálogo e reconciliación, Tailandia podería sumirse nunha prolongada etapa de inestabilidade, a pesar do aparente control imposto pola represión militar. A polarización social e política incrementará aínda máis as demandas dunha maior democratización, cunha posible reforma constitucional que, incluso, podería afectar a lexitimidade monárquica.
Baixo o espectro da radicalización e a violencia, os líderes políticos e as elites gobernantes poderían verse na obriga de dar curso a un novo pacto orientado a reducir as tensións e satisfacer moitas das demandas dos rebeldes, un escenario complexo e incerto que hoxe semella remoto á vista da recente e cruenta represión militar.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES