Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Maio Florido

lunes, 31 de mayo de 2010
O rei da primavera é o mes de maio, nome éste que procede de “Maia”, nai do deus Mercurio, e que por representar o trunfo da vexetación leva o nome de “mes das flores”. En maio remátase de sementa-lo millo, e cando se facía na última finca dunha casa poñíase no medio, cravada, unha gran rama de xesta en flor; era o que se chamaba “poñer o ramo ó maio”. O mes era tamen saudado pola galanura das súas flores: “velaí ven o maio cargado de flores; detrás ven San Xoan que as trae mellores”. Ó mes de maio refírense unha chea de refráns e algúns ditos, como aquel que se aplica a unha muller que vai para o traballo e entretense falando con outra persoa: “non fagas como a da grade”, dito que procede dunha rapaza que, nunha mañanciña de maio, cando se dirixía a gradar unha finca atopouse cun mozo e pasou o día enteiro falando con él. Ó anoitecer, cando volvía para a casa, exclamaba: “días de maio, días de amargura, inda ben non amañece xa é día escura”. Acontece neste tempo a apoteose florida da vida, algo a celebrar entre a paisaxe e a paisanaxe: escoitanse os últimos cantos do cuco e os primeiros do grilo, pregoeiros do “tempo claro”, como un reloxio que marca e fai relembrar o paso do tempo, por outra banda bó agoiro entre as xentes do rural; significa amor, fartura, bó tempo. Comenzan así as festas do ramo florido. A flor sempre como insignia de vida, porque no ciclo será froito e novamente semente.“Os maios” son unha das festas mais populares do ciclo anual. Aproveitando os froitos que nos da a natureza pódese aprecia-la creatividade das xentes nas súas composicións florais, ou nas coplas que acompañan ós maios, que son elementos fundamentais na escenificación da celebración, de orixe prehistórico. Os maios poden ser “humanos “ ou “figurados”. Nos primeiros un cativo é o “maio”. Aquí o neno ou mozo cúbrese con flores, fionllo, herbas e espadanas, imitando as vestimentas dos peregrinos; os “figurados” fórmaos unha figura cónica, piramidal, de cruceiro, de barco, un monumento. Van transportados sobre plataformas, cubertos con polas e adornados con todo tipo de flores e vexetación. Son singulares os maios artísticos de Ourense, onde se conservan mais fielmente, festa declarada de interese turístico.
Fernández, Suso
Fernández, Suso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES