Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Datos e pensamentos acerca da nosa emigración, fose interior ou exterior

viernes, 14 de mayo de 2010
Datos e pensamentos acerca da nosa emigracin, fose interior ou exterior O despoboamento do medio rural, ou o que é igual, a permuta de homes por eucaliptos, para min é, debera ter sido, o contrario do que se ten dito nalgunha literatura oficialista dos últimos anos. Non foi o custe do desenrolo económico industrial senón, e máis ben, o custe dos erros das sucesivas planificacións, que as quixeron facer, que as fixeron, dándolle lume ao forno por arriba e coa soleira en frío. Non, non señor, que non se aprende todo nos libros de política económica, escritos xeralmente por eses teóricos de calefacción no despacho. Non se pode, non se debe, en ningunha circunstancia, pasar a salto de mata do sector primario ao terciario: cómpre instruír, para seguidamente producir; e producir para vender. Noutras verbas, fabricar, perfeccionar, engadirlles valor ás cousas. Máis insumos e menos consumos, máis exportación e menos importación.

¡Levar á feira, para traer dela o menos posible, e nunca, ou por excepción, o superfluo!

O primeiro de todo, en particular para Galicia, daquela da posguerra, era facer estudios de campo, fondos, por pequenas bisbarras, acoutando zonas segundo as súas particularidades; e unha vez analizada obxectivamente a súa particularidade e maila súa capacidade produtiva, crea-la infraestrutura ad hoc, con pragmatismo e sen farois imperialistas, xeneralizados. Non tódalas terras eran, son, boas para pasteiros, que tamén as temos óptimas para hortalizas, froiteiras, madeira..., así que merecían aplicacións técnicas evolucionadas, pero flexibles, que tampouco cabe o dirixismo económico hermético, axeitadas e axustadas ás sucesivas e progresivas esixencias do mercado potencial en cada época. Como mínimo, isto debeuse facer polos sesenta, se non antes, fomentando de paso unha concentración parcelaria privada, urxente, en paralelo ás posibilidades emerxentes da mecanización agrícola. Iso si, asistida tecnicamente, oficialmente, co cal teríamos unha loxística básica para o paso seguinte, para a industrialización xeneralizada.


¿Que gañou este país cos seus transvases prematuros, incorporando, de súpeto, man de obra non cualificada, que ían de soprarlle ao lume das lareiras? Aquela improvisación foi cuarteleira. ¡Claro, España estaba dirixida desde os cuarteis! Así ocorreu que, con malos principios, e por engado, poucos medios, a nosa evolución foi de tartaruga. ¿Que facía falta un mecanógrafo que soubese redactar oficios, ou un chofer de coche oficial? ¡A ver, quinto, ti, o dos ollos azuis, suave e suevo, submiso, que te conformas co terzo baldío e que fuches sancristán na túa parroquia...!


Unha vez evolucionado o sector primario, alcanzadas as posibles cotas do seu desenrolo potencial, era o momento de que os fillos, paulatina e cientificamente preparados, se incorporasen aos restantes sectores da actividade económica, pero transitando de realidades a realidades, e non de realidades a utopías. Deste xeito:

. Iríanse do campo os excedentes, por suposto, pero faríano por pura vocación, ou por imantación urbana. Desprazaríanse os realmente excedentes, aqueles que non tivesen, ou non puidesen, ou non quixesen labra-las terras, coida-lo gando, planta-las árbores.

En definitiva, con vocación e competencia; ¡nunca por autoodio!

. O campo houbese chegado ao cume da súa produtividade sen abandonos prematuros; sen traumas nin retardos.

. A industria nacería, evolucionaría, con diversidade e con capacidade de produción e de xestión. En consecuencia, arraigarían as industrias capaces de competir en mercados abertos, globalizados. A especulación quedaría limitada aos malabaristas do xogo.

. A propia evolución natural do campesiñado xeraría unha industria transformadora local asentada nun cooperativismo ou nun accionariado solventes, que lle houbese evitado ao país esas especulacións dos axentes financeiros, alleos á tradición agro-gandeira, á vez que se asentaban no país as remesas dos emigrantes.


Esta análise sucinta, superficial, coloquial, trata de algo irrecuperable, ¡como dicía o xitano, "Desde que a burra vai no pó, xó, burra, xó"!, pero explica, pretende explicar, a loita estéril, o esforzo baldío, contra vento e marea, dos nosos labregos, xoguetes daqueles experimentos pseudo desenrolistas de salón, de cómodo sitial, que vimos de padecer. Aqueles erros, aquelas superficialidades, aquelas incompetencias, ¡zapateiro aos teus zapatos!, e non se tome en mal sentido, leváronos a un monocultivo tardío e xeneralizado que, como ben sabe o lector, sexa este da urbe ou do campo, chegou á súa mocidade castrado polos acordos duns erurócratas poderosos, e por tanto unidos, pero fronte ao débil, ao incompetente.


Tampouco podemos ignorar, ¡ao César o que é de César!, ese gran esforzo de adaptación dos técnicos agrícolas, moitos deles foráneos. Algún andaluz coñecín que pasou directamente das olivas aos castiñeiros. ¡Meu pobre!


Non me estraña que esteamos cansos de traballar para o vento mareado. Só unhas anotacións, para non causar fatiga: Tense recoñecido pouco, e para iso tardío, o soporte loxístico de Galicia, non só nos tres anos de guerra senón na súa interminable post. As colleitas do 36 mantiveron a fronte de Asturias, e máis aló tamén; pero entre o desacougo de moitos e maila ausencia dos primeiros chamamentos a filas, e a pesares das axudas e colaboracións inter veciñais, naquel outono, pero tamén nos seguintes, quedaron as terras a folgado, e moitas pataqueiras sen a subseguinte semente de cereais. O gando non se podía sacar á feira porque o requisaban, a prezos arbitrarios, irrisorios, aqueles tratantes mal falados e mal chamados "Abastecedores do Exército".


Chegou a primavera do 37 e as cavas do monte, imprescindibles naquel tipo de explotación que gravitaba máis sobre a semente que sobre a gandería, quedaron, seguiron, a toxos, coa consecuencia de que, ao non rozar, tampouco se fixo o esterco de costume, imprescindible en terras ácidas, e carentes de abonos minerais. As mulleres e mailos vellos botaron man do arado, incluso do de ferro, que xa abundaban daquela, por riba das súas forzas, e así, mal que ben, a pataqueira foise conservando, ¡ata o punto de engadirlles patacas cocidas ás bolas!


Con iso tamén viñeron os incendios da post: En parte para facer decruables, cavables, os montes ao irse licenciando aqueles que non pasaran á escala da "cuchara", ou non ingresaran de gardas, ou non emigraran á División Azul, a única emigración posible pois América tivémola pechada, e algúns países, tal que México, por largo tempo. Outros incultos arderon por medo, en virtude do chisqueiro de certos veciños aos que aterrorizaba que se encovasen neles aqueles fuxidos... Iso amén de catro vinganzas persoais, pois naquelas circunstancias odios e motivos sobraban.


Ídesme permitir unha cita de Castelao, algo que escribiu en 1935, desterrado daquela en Badajoz: "A miña terra é un país de minifundios, poboado por xente algo rica e por xente bastante pobre, ou pobres de todo. Os ricos comen e beben dabondo para morreren de apoplexía. Os pobres comen o que teñen e do que teñen". Faltoulle precisar: ¡Comen todo o que teñen! Non o dixo así, pero sobreenténdese. Significa isto que sen excedentes mal se podía progresar.


Pasando polo cribo:

. A dieta alimenticia nesta parte do país era basta antes da guerra, e escasa despois dela.

. É difícil atopar na Historia unha sociedade que satisfixese aos mozos. Daquela os nosos, tan pronto puideron, e carecendo de comprensión e de canles evolutivos no propio país, tan pronto lles deixaron..., emigraron!


. Entroulles un desacougo con respecto ás limitacións de seus pais. O Cid, e tamén Hamlet, sen buscar outros, en vez de vingarse deles, vingáronos. Pero aquí o terror franquista foi superior, puido, coa insatisfacción social das novas xeracións, así que non cristalizaron en movementos revolucionarios como ten ocorrido noutras terras e noutros tempos. Saint Just era un adolescente, e ningún dos seus compañeiros tiña máis de 30 anos. As revolucións de 1830, de 1848, e de 1871, en Francia; a rusa, de 1917; o outubro polaco; a revolución húngara de 1956; o Maio francés; a caída do muro de Berlín, etcétera, foron cousa de rapaces insatisfeitos. Os nosos tiveran abondo coa Guerra Incivil, incivilizada, ¡se é que hai algunha que sexa civil, civilizada!, así que, provistos dunha maletiña de madeira, a mesma ou parecida á que levaran seus pais ao cuartel, emigraron!


Ata o desastre de 1898, Coruña e Vigo foron as cidades preferidas polos indianos para o seu asentamento definitivo; o deles, e con eles, o do seu peto, canalizándose así o fluxo monetario, as economías, nuns casos cara ao Papel do Estado, e noutros, cara ás cidades ou zonas de despegue industrial. A partires de entón xa non viñeron grandes fortunas senón grandes economizadores do pouco, que se radicaron no propio rueiro ou nas vilas de cabeceira, dedicándose preferentemente a promove-la construción, en particular os que estiveran en Venezuela, servíndolles de testaferro aos estraperlistas da etapa anterior. Os asentados no interior convertéronse, de sempre, en filántropos, pero non sempre por pura xenerosidade, senón, en moitos casos, por vinganza persoal, tal e como pasou cos seus "haigas", dándolles así, pretendendo darlles, un galletazo moral ao cacique, ao usureiro que lles arruinara a casa, á noiva que optara por un Garda, ou por un morgado. Sei dun retornado que o primeiro que fixo ao volver de Cuba foi matarlle os cans a un veciño xactancioso, precisamente ao dono da Casa Grande, que os tiña de "Garda de Corps"! Aqueles ¿indianos? distinguíanse, ademais dos falares e das afectacións asimiladas, pola súa leontina de ouro para o reloxo de ídem, o sombreiro "Panamá", e bastón de cana, a man no chaleco, etc...


A prensa de América e maila Sociedade de Fillos de Tal Parte formaron un embigo espiritual, pero ao seu retorno poucos lograron asociarse, fose cós de aquí ou cos colegas. Sementaron este país, iso si, de cruceiros, de locais para escolas, feixes de libros que lían pero non entendían, a nova campá, o cemiterio, os candeeiros de prata para a súa devoción preferida, o manto da Virxe... Boas intencións e bo exemplo, pero cunha semente que non caeu en terra fértil. Porén, a súa influencia resultou integradora, reformista, estimulante, pero as circunstancias locais eran superiores á súa preparación, á súa organización, e á súa fortaleza ou ascendente local.


A emigración europea discorreu dun xeito moi diferente: Non se fixo para encher, senón para transportar, estuda-los fillos, chegar ao piso, ao tractor, aos "establos", ao coche..., e sempre coa intención de volver canto antes!


A todo isto, a muller do rural, como ben expuxo Manuel Cordero Pérez cando insistiu en pedir o voto para elas, secundando a Clara Campoamor, nas Constituíntes de 1931: "Hay una tierra -¡que bella es!-, Galicia, en donde la mujer rinde a la familia y a la sociedad más esfuerzo que el hombre...". A muller do rural, digo eu tamén, viviu polo traballo e para o traballo, insaciable del. Faenas agrícolas, ama de casa, cociñeira sen medios, educadora, enfermeira, parteira... Case non saía da casa, agás para ir á horta e demais faenas agrícolas. Misiña, rosario, novena, feira... Os seus parladoiros eran as fontes e mailos lavadoiros comunitarios; na pía tiña a súa radio, o seu televexo, a revista dos chismes, o casino..., ¡e incluso a esculca, o "casting"! Por engado, limitadas no Código Civil e agravadas no Penal, en mil maneiras; unha vergoña para o Réxime, ¡se a tivese!

Volvendo ao rego: Os xiros de América, aquelas "letras", foron o gota a gota dun país que estivo cen anos na UCI, particularmente co agoiro da redención dos foros. Un retornado de Cuba, Waldo A. Insua, na Voz de Galicia do 24-1-1900, alertaba aos seus paisanos acerca do risco que lles tiña emigrar para aló no entanto, "...no se efectue sino en condiciones ventajosas para los llamados a realizarla, de modo que al abandonar su patria tengan una relativa seguridad de hallar en el que ya para ellos es un país extranjero un poco de respeto para sus menguadas vidas y la debida retribución a la árdua, penosa y casi siempre mortal labor que tendrán que desempeñar". Pésimas foron as circunstancias despois da nosa derrota fronte aos Estados Unidos, iso é certo, pero, como dixo o Cordobés en certa ocasión, "más cornás dá el hambre", así que os nosos paisanos, entre que non lían periódicos, e aínda que os lesen, peor era o ruxir das súas tripas, cadora se foron máis a face-las Américas, aquelas expectativas que lles abrira, co seu descubrimento, aquel, suposto, fillo do bispo de Mondoñedo... ¡A facelas, desde que outros as desfixeran!


O Profesor Bustelo calculou que no século XIX emigraron, entre legais e clandestinos, uns 900.000 galegos. Isto trouxo, entre outras consecuencias, que, a comezos do século XX, segundo estudos de Vicenti, ampliados por Villares Paz, entraban en Galicia, remesadas polos emigrantes de América, uns 50 millóns de pesetas, ¡das de daquela!, ao ano. Esta cantidade era suficiente para redimi-los nosos foros, todiños, en 3 anos, pero, esfumados, emigrados, aqueles cartos, de mil maneiras que sería longo analizar, tardouse niso, na redención... ¡30 anos!


Como ve o lector, doutras saímos, así que en tempos de crise, ¡economía e produtividade, que imos cara ao verán, e no verán adoitan vir as colleitas! ¿Onde quedou aquilo dun, "…mañana, que nos promete paz, justicia y pan"? Ben-Cho-Shey, ben, que diría José Ramón e Fernández-Oxea. ¡Foi por culpa da "pertinaz sequía", pero... a nosa "sequía" foino de cerebros reitores!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES