Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eleccións Británicas 2010: Do bipartidismo ao bipartito?

martes, 11 de mayo de 2010
a) Introdución
O próximo 6 de maio, Gran Bretaña elixirá un novo goberno e Parlamento competindo como candidatos o actual primeiro ministro laborista Gordon Brown; o líder do Partido Conservador, David Cameron; e o abandeirado do Partido Liberal Demócratas, Neil Clegg, a gran sorpresa electoral. A aparición de Clegg supón un factor revulsivo do tradicional bipartidismo británico, definido en torno á hexemonía de laboristas e conservadores. A súa eficaz actuación nos debates electorais celebrados entre o 15 e 22 de abril permitiu perfilar a Clegg como a gran alternativa electoral, incrementando as posibilidades de que o próximo Parlamento conte con tres forzas significativas, sen maiorías absolutas. Así, afróntase a posibilidade de que os próximos comicios supoñan o eventual final da era hexemónica do laborismo, tras tres históricas vitorias consecutivas desde 1997. Trece anos de laborismo en Downing Street están pasando factura a Brown, cun desgaste político igualmente determinado polo legado do seu antecesor Tony Blair coas impopulares guerras en Afganistán e Iraq, a peor recesión económica da posguerra, e o descrédito do establishment político británico, ante os escándalos provocados polos elevados gastos dos parlamentarios. Se ben meses atrás practicamente dábase por feita a vitoria de Cameron, a aparición do “fenómeno Clegg” e as incertezas propias do proceso electoral máis disputado das últimas décadas definirá un volátil mapa político, supeditado ás constantes negociacións e alianzas parlamentarias que permitan forman goberno. Cómpre igualmente observar outros escenarios como Escocia e Gales, en particular para pulsar os avances do proceso de Devolution ou autogoberno parlamentario iniciado en 1999. Así, deberá observarse a evolución do voto nacionalista para o Partido Nacionalista Escocés (Scottish National Party, SNP) e o Plaid Cymru (O Partido de Gales) e as posibles alianzas cos grandes partidos británicos.

b) 2010: o final dunha era
O proceso electoral do próximo 6 de maio moi probablemente conducirá a unha profunda reorganización da política británica. Desde 1979, conservadores e laboristas consolidaron un sistema bipartidista que se verá agora sensiblemente modificado ante a perspectiva de ascenso electoral dun terceiro partido, o Liberal Demócrata, liderado por Neil Clegg (43 anos). O sistema electoral británico está conformado por 650 circunscricións de Inglaterra, Gales, Escocia e Irlanda do Norte que elixen a un representante ante a Cámara dos Comúns pero non directamente ao primeiro ministro, cuxa votación emana do partido que alcance a maioría absoluta no Parlamento. No contexto actual, é posible unha representación equitativa das tres forzas a partires dun eventual empate técnico entre os candidatos Gordon Brown, David Cameron e o propio Clegg. A escasos días das eleccións, a maioría das enquisas electorais consideran unha intención de voto para os tres candidatos estimado entre 27 e 32%, aínda que outras enquisas lle outorgan a Cameron un 36%, seis puntos máis co seu rival laborista. Velaí que a atención estará centrada en Clegg e os liberal demócratas, os cales poden converterse na chave política para formar o próximo goberno. Clegg defende imperiosamente a reforma do actual sistema electoral británico uninominal e dunha soa volta por outro de carácter proporcional, de xeito que a obtención de escanos parlamentarios derive do número de votos obtidos e non do número de circunscricións onde un partido obteña a maioría. Deste xeito, tendo en conta o peso que Clegg está tendo nesta campaña electoral, tanto Cameron como Brown vense na obriga de “coquetear” con posibles reformas no sistema electoral. No fondo, e a fin de atraer un eventual apoio dos liberal demócratas, tanto conservadores como laboristas temen que o “factor Clegg” atomice de tal modo o escenario político británico que sexa imposible conformar un goberno con maioría absoluta. Este escenario resulta igualmente temido por inversores e mercados financeiros, que prefiren un goberno forte con maioría clara que permita acelerar os previstos plans de axuste das finanzas públicas. De manterse a tendencia electoral, o próximo mapa político parlamentario definirá un escenario sen maiorías absolutas, con gobernos de coalición onde a volatilidade política podería ser o principal sinal de identidade, con amplas perspectivas de futuras caídas de goberno e adiantos electorais. Segundo varias sondaxes, un 50% dos británicos estarían dispostos a considerar un “voto de castigo” que dea paso a un inédito mapa político, reforzando así a perspectiva dun avance vertixinoso da alternativa personificada en Clegg.

c) O “factor Clegg”
Non obstante, o candidato liberal demócrata ven sendo obxecto dunha dura campaña de desprestixio por parte dos sectores conservadores e laboristas. Os primeiros céntranse no seu carácter “excesivamente europeísta”, así como no feito de ser presuntamente “pouco británico”: políglota, con esposa española, nai holandesa e pai con orixes rusas. Pola súa banda, os laboristas acusan a Clegg de presunta “inxenuidade” e falta de preparación política, argumentos absolutamente desbancados trala gran actuación de Clegg nos debates televisados. Aínda así, e ante o axustado da intención de voto, Cameron e Brown saben que moi probablemente terminarán dependendo do apoio de Clegg para formar goberno. En materia de hipotéticas alianzas, os conservadores esperan atraer a atención dos liberal demócratas para atacar a Brown pola xestión da crise económica e a recesión, a pesar de que a recuperación económica do 2009 fortaleceu levemente a posición dos laboristas. Pola súa banda, os laboristas poden necesitar de Clegg para illar a Cameron e a súa política euroescéptica, nun momento en que Londres pode necesitar da axuda financeira da UE. Finalmente, Cameron e Brown poderían axustar un goberno bipartito, illando a Clegg pola súa presunta inxenuidade en temas de seguridade como a ameaza nuclear iraniana e a inmigración.

d) Inmigración e política exterior
Outro referente do panorama político actual constitúe a opción do Partido Nacional Británico (British National Party, BNP), de tendencia ultradereita, antiinmigración e anti-UE. Exercitando un duro discurso antiinmigración enmarcado nunha conxuntura de recesión económica, o BNP espera entrar por primeira vez no Parlamento británico cun eventual triunfo na periferia de Londres, tradicional bastión laborista, onde a inmigración avanzou ata conformar un 35% da poboación. Nas eleccións parlamentarias europeas de 2009, o BNP alcanzou sorprendentemente dous escanos. Clegg defende a regularización da inmigración ilegal no caso de que estes inmigrantes dispoñan de contrato de traballo e leven anos de residencia no país. Cameron e Brown amósanse contrarios a un proceso acelerado de regularización, pero afástanse de postulados máis populistas. Igualmente, a política exterior ten repercusión, en especial ante a polarización existente co tema da UE. Clegg amósase plenamente convencido da súa posición europeísta mentres Brown peneira a dependencia británica do mercado europeo, así como as axudas financeiras. Só Cameron asume unha posición euroescéptica que será moi seguida en Bruxelas no caso de vitoria dos tories. Pola súa banda, Clegg e Cameron denuncian o custe humano e financeiro das impopulares guerras en Iraq e Afganistán, ante a vehemente defensa realizada por Brown.

e) O peso da crise económica
Ata a aparición do “factor Clegg” e a concentración da campaña electoral cara unha posible reforma do sistema político, a recesión e crise económica ocupaban o incuestionable centro de atención dos candidatos e da opinión pública. Tras observarse unha leve recuperación económica en 2009, cun crecemento do PIB en 0,4% que permitiu a Brown retomar certa dose de popularidade, o primeiro trimestre de 2010 anunciou malas novas para os laboristas: magro crecemento do PIB de 0,2% entre xaneiro e marzo; desemprego do 8,7%, a maior taxa de desocupación en 14 anos; alza da inflación en 0,6%, sendo de 3,5% a nivel interanual; unha caída de 2-6% da libra esterlina con respecto ao dólar e o euro; e un déficit público do 11,8% do PIB (187.000 millóns de euros), son factores que fortalecerían as opcións de Cameron e, posiblemente, de Clegg. Tanto laboristas como conservadores avogan por unha sensible redución do gasto público que permita equilibrar as finanzas. O plan financeiro de Brown para o período 2009-2012 estipula unha redución á metade dos investimentos públicos, mentres os conservadores defenden a conxelación dos salarios públicos para 2011, así como a redución de determinados subsidios estatais. Independentemente de quen sexa o gañador, Gran Bretaña precisa un consenso urxente á hora de acometer un plan de recuperación económica. As perspectivas electorais dun Parlamento máis diversificado, urxirá constantemente da persuasión e capacidade negociadora dos líderes políticos.

f) Os nacionalismos en Escocia e Gales
Finalmente, cómpre considerar o efecto que terán as eleccións británicas na concreción de modelos de autogoberno para Escocia, Gales e Irlanda do Norte, en especial ante o proceso denominado “Devolution” iniciado en 1999. Aquí se impoñen as demandas do Partido Nacionalista Escocés (Scottish National Party, SNP), actualmente gobernante en minoría en Glasgow; e do nacionalista galés Plaid Cymru. Nun contexto de recesión económica, o SNP e o Plaid Cymru, así como o partido nacionalista norirlandés Sinn Fein, observarán con atención se os resultados dos comicios británicos e as presións cara a reforma do sistema político, finalmente permitirán acelerar os mecanismos de autogoberno en Glasgow, Cardiff e Belfast. Aquí imponse a concreción do sistemas de alianzas ante as perspectivas de maior pluralismo político no Parlamento británico. Ante a posibilidade de non rexistrarse maiorías absolutas, os laboristas e liberal demócratas poderían concretar específicas alianzas en determinadas circunscricións cos partidos nacionalistas en Escocia, Gales e Irlanda do Norte, coa consecuente demanda de impulso ao autogoberno por parte destes partidos nacionalistas. Neste sentido, o SNP e Plaid Cymru, que conforman unha bancada única no Parlamento de Londres, poden converterse en auténticos árbitros electorais o próximo 6 de maio. O SNP ocupa 47 escanos parlamentarios en Glasgow (32,9%) mentres o Plaid Cymru ten 15 de 40 na asemblea en Cardiff. O líder do SNP, Alex Salmond, considerou que as eleccións do próximo 6 de maio poden “darlle un verdadeiro poder as nacións de Escocia e Gales”.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES