Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A doutrina nuclear de Obama

lunes, 26 de abril de 2010
a) Introdución
O tema nuclear volveu a ser noticia tras celebrarse dous acontecementos de importancia estratéxica: o Tratado subscrito entre Rusia e EEUU o pasado 8 de abril en Praga, definido en torno á redución e limitación das armas estratéxicas ofensivas; e a Conferencia de Seguridade Nuclear (CSN) celebrada o 12 e 13 de abril en Washington, que presentou a nova doutrina nuclear do presidente estadounidense Barack Obama.
Ambos cumios definen un novo escenario nuclear para o século XXI, remodelando potencialmente os postulados do Tratado de Non Proliferación Nuclear (TNP) subscrito en 1968, para adaptalos ás realidades da seguridade global dos novos tempos. En 2009, Obama prometeu unha drástica redución dos arsenais nucleares a nivel mundial pero os acordos recentemente subscritos semellan máis ben concibidos como “pactos tácticos” destinados a asegurar a preeminencia do exclusivo “club nuclear”.
Neste sentido, o cumio de Washington reafirmou a preocupación estadounidense polo terrorismo e a proliferación nuclear como principais ameazas para a seguridade global, así como os seus imperativos destinados a cercar a países como Irán e Corea do Norte.
Non obstante, coidouse de realizar advertencia algunha a países “nucleares” estratexicamente importantes para Washington, como son India, Paquistán e Israel, ningún deles subscritores do TNP.
Pola súa banda, o Tratado de Praga reafirmou unha apertura nas relacións entre Moscova e Washington, posuidores do 95% do arsenal nuclear, á espera de ser finalmente aprobado polo Parlamento ruso e o Senado estadounidense, onde pode presentarse unha dura batalla lexislativa pola súa aprobación. Nesta concreción dun novo mapa nuclear deben igualmente observarse as prioridades de países que ansían desenvolver un programa atómico con fins pacíficos, como son os casos de Brasil, Alemaña, Xapón ou Turquía, o cal podería influir na reforma e ampliación do Consello de Seguridade da ONU. Igualmente, deben acometerse os riscos e ameazas da carreira de armamentos en rexións como América Latina, sueste asiático, Oriente Próximo e Norte de África, onde diversos países desexan concretar un programa nuclear.

b) Modelando unha nova era nuclear
Á vista dos recentes pactos e acordos en materia de armamento atómico, resulta claro que o equilibrio nuclear imponse como unha prioridade estratéxica para as potencias mundiais e, en especial, para Washington. Neste sentido, a actual conxuntura indica o remate dunha era marcada pola preponderancia da confrontación nuclear bipolar entre EEUU e a ex URSS e da importancia estratéxica do Tratado de Non Proliferación Nuclear (TNP) subscrito en 1968. Dende entón, un total de 189 dos 193 países membros da ONU asinaron o TNP.
Definir un novo mapa nuclear para o século XXI obrigaba a concretar un escenario de achegamento entre EEUU e Rusia, as maiores potencias nucleares. En xullo de 2009, o cumio en Moscova entre Barack Obama e o presidente ruso Dmtri Medveded permitiu abrir unha nova etapa nas ata agora polarizadas relacións ruso- estadounidenses. Paulatinamente, o obxectivo común era acelerar un acordo de redución de oxivas nucleares, finalmente subscrito en Praga o pasado 8 de abril de 2010.
Tendo en conta a expiración o pasado 5 de decembro do Tratado de Redución de Armas Estratéxicas (START polas súas siglas en inglés) e ante a próxima realización entre o 3 e 28 de maio dunha Conferencia das Partes encargadas de examinar o TNP, Rusia e EEUU abordaron a necesidade de revitalizar o START baixo un novo acordo nuclear, a fin de reducir os temores dentro da comunidade internacional ante a inexistencia dun marco de equilibrio nuclear tras o remate do mesmo.
Deste modo, o Tratado de Praga definiu a diminución, nun prazo de sete anos, de 2.200 mísiles e oxivas nucleares a un máximo de 1.550, así como se reducirá a 800 a cantidade de mísiles despregados e de reserva. Esta significativa redución orientouse basicamente a persuadir a outras potencias nucleares non subscritoras do TNP (India, Paquistán e Israel) a unirse a este novo marco nuclear, servindo de advertencia cara países como Corea do Norte e Irán ante a posibilidade de recibir maiores accións punitivas.
Tras a reunión en Praga, tanto EEUU como Rusia amosaron a súa intención de lexitimar a nova doutrina nuclear de cara á Conferencia sobre Seguridade Nuclear (CSN) celebrada en Washington o 12-13 de abril, e que reuniu a 47 países no principal cumio celebrado en territorio estadounidense dende a creación da ONU en 1945.
Con esa conferencia, onde Ucraína e Canadá anunciaron a entrega dos seus respectivos programas nucleares, Obama plasmou a súa intención de pechar as feridas causadas pola irritación mundial ante a doutrina do seu antecesor George W. Bush de retirarse en 2002 do Tratado ABM de mísiles antibalísticos (subscrito en 1972 por EEUU e a ex URSS), dando paso ao despregue do polémico “escudo antimísiles” cara Europa Oriental e Rusia.
Dentro desta nova apertura de relacións con Moscova, Obama finalmente paralizou o escudo antimísiles en setembro de 2009, evitando o seu despregue en Polonia e República Checa, aínda que abriu a posibilidade de amplialo cara Bulgaria e Romanía, espertando así diversas suspicacias no Kremlin.

c) Incertezas parlamentarias
Pero a pesar da vontade de Obama e Medveded de acelerar esta redución nuclear, os escenarios a curto e mediano prazo orientados a asentar esta doutrina permanecen sumidos na incerteza, en especial á espera da súa respectiva aprobación parlamentaria. O Tratado de Praga debe ser aínda aprobado pola Duma ou Parlamento ruso, onde en principio a abafante maioría do gobernante partido Rusia Unida, con 315 deputados, non semella manifestar maiores dificultades para o presidente Medveded e o primeiro ministro Vladimir Putin.
Non obstante, poden observarse friccións por parte das forzas nacionalistas do Partido Liberal Democrático (extrema dereita) de Rusia (40 deputados), do Partido Comunista (57 deputados) e do partido Rusia Xusta (38 deputados), receosos ante unha sensible redución do arsenal nuclear ruso e, especialmente, ante o futuro do escudo antimísiles estadounidense, considerado por Moscova como unha clara ameaza a súa seguridade nacional.
Igual polarización pode presentarse no Senado estadounidense. Á espera do que poida ocorrer nas eleccións ao Congreso en novembro próximo no relativo á nivelación de forzas parlamentarias entre o gobernante Partido Demócrata e a oposición republicana, a discusión deste tratado no Senado pode lastrar a viabilidade do Tratado de Praga e da doutrina nuclear de Obama, tendo en conta que os republicanos moi probablemente amosarán o seu rexeite.
Para aprobar esta doutrina nuclear, Obama necesita do apoio, cando menos, de 67 dos 100 senadores, é dicir, dun mínimo de dez senadores republicanos.
Os demócratas posúen 57 senadores, mentres os 41 senadores republicanos xa amosaron a súa contrariedade a aprobar este tratado no caso de que Washington finalmente acepte as condicións rusas de non ampliar o escudo antimísiles. Paralelamente, existen fortes presións por parte dos lobbies no Senado para aprobar un incremento orzamentario destinado á modernización do arsenal nuclear remanente, para o cal Obama prometeu US$ 10.000 millóns para 2011.
Dende esta perspectiva, e tendo en conta o contexto actual de crise económica mundial, apreciaríase un elevado custe de mantemento e modernización dos arsenais acumulados, que ascendería a 70.000 millóns de euros, amosando unha difícil carga financeira para as potencias nucleares recoñecidas, sendo estas EEUU, Rusia, China, Francia, Gran Bretaña, India, Paquistán e Sudáfrica. Neste grupo de potencias nucleares deben incluíse a Corea do Norte, quen oficialmente anunciou a existencia do seu programa nuclear; e Israel, quen non o recoñeceu oficialmente.

c) Os desafíos e as ambigüidades
A falta de concretar o alcance real desta nova doutrina nuclear, a conferencia de Washington buscaba dous obxectivos estratéxicos claves para a diplomacia de Obama: o primeiro era definir un consenso mundial ante a posibilidade aberta de aplicar maiores sancións a Irán e Corea do Norte, tendo en conta o pulso nuclear existente coa Axencia Internacional de Enerxía Atómica (AIEA); e o segundo, considerar como unha ameaza global a posibilidade de que grupos terroristas de carácter internacional poidan beneficiarse da proliferación nuclear.
En ambos apartados, Obama afirmou estritamente os imperativos estratéxicos de seguridade herdados do seu antecesor Bush, especialmente deseñados contra Teherán e Pyongyang e ante os temores dunha proliferación nuclear por parte de redes terroristas como Al Qaeda. Os temores de Washington teñen que ver coa mellora de seguridade nas instalacións nucleares, á vista da precariedade existente ante situacións críticas como foi a manifestación, a partir de 2003, dunha rede internacional dirixida por Abdul Qadir Khan, considerado o pai da bomba atómica paquistaní, e que incluíu a países como Corea do Norte e Irán.
Pero aquí tamén se observan contradicións no apartado da proliferación e da seguridade nuclear.
Nas últimas décadas, os cinco países membros do Consello de Seguridade da ONU (EEUU, Rusia, China, Francia e Gran Bretaña), distribuíron un total de 20.000 quilos de uranio altamente enriquecido en preto de 50 países, moitos deles con reactores insuficientemente protexidos e vulnerables aos roubos e tráfico ilícito no mercado negro. Isto supón un serio reto ás pretensións de Obama, anunciadas na CSN, de que EEUU controlaría nos próximos catro anos todo o material nuclear considerado vulnerable a nivel mundial.
Excesivamente preocupado pola proliferación e o terrorismo nuclear, a conferencia de Washington non albiscou con seriedade a posibilidade de que outros países poidan desenvolver un programa nuclear con fins pacíficos.
Neste sentido, ocupan o centro da atención países como Brasil, Alemaña, Xapón, Arxentina, México ou Turquía, que demandan a concreción dos seus respectivos programas nucleares, así como o proceso de reforma e ampliación do Consello de Seguridade da ONU. Outros países como Taiwán, Alxeria, Exipto, Siria ou Libia, posúen material tecnolóxico e mineral suficiente para realizalo, aínda que non adoptaron unha decisión política ou ben non alcanzaron o estado operativo necesario para desenvolver un programa nuclear.
Tampouco existe consenso en materia de fortalecemento do TNP de cara ao cumio do próximo mes de maio. Na conferencia de Washington, Francia rexeitou a redución do seu arsenal nuclear mentres Brasil manifestou unha posición un tanto ambigua, ao mesmo tempo que acelera unha serie de proxectos con París para a construción de submarinos nucleares. Paralelamente, e a diferenza da preocupación pola proliferación nuclear por parte de EEUU e os seus aliados, un tratamento contrario obsérvase no apartado da comercialización global das armas convencionais. Os cincos maiores vendedores de armamentos a nivel mundial son potencias nucleares como EEUU (30%), Rusia (24%), Alemaña, Francia e Gran Bretaña, ocupando un 75% da exportación destes armamentos.
Segundo datos do Stockholm International Peace Research Institute (SIPRI), en rexións como América Latina, Oriente Próximo, Asia Oriental, o sueste asiático e o Norte de África rexistrouse un importante incremento de compras de armamentos desde 2005. Un dato que aumenta as incertezas e ambigüidades emanadas dos verdadeiros obxectivos existentes nos pactos e conferencias subscritos polas potencias militares e nucleares.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES