Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Guinea Bissau: Crise militar e narcotráfico

jueves, 15 de abril de 2010
a) Introdución
Guinea Bissau viviu unha confusa crise militar e política o pasado 1o de abril, tralo arresto por varias horas do seu primeiro ministro Carlos Gomes Junior, do xefe do Alto Mando Militar, almirante José Zamora Induta e doutros 40 oficiais por parte de militares insurrectos. Este suceso acrecentou as perspectivas dunha inestabilidade política e militar no país, que ameaza con desarticular a súa precaria transición democrática.
Ante o frontal e inmediato rexeite da comunidade internacional, os militares insurrectos liderados polo xeneral António Indjai amosaron o seu apoio ao ex contraalmirante José Américo Bubo Na Tchuto, quen tentara outra asonada militar en 2008, para posteriormente fuxir a Gambia. En marzo de 2009, outro intento de golpe militar acabou coa vida do entón presidente João Bernardo Vieira.
Non obstante, detrás da recente insurrección militar aparentemente controlada días despois, segundo asegurara o presidente Malam Bacai Sanhá, poden adiviñarse os síntomas dun pulso de poder entre diversos clans políticos e militares, co problema do narcotráfico como trasfondo.
Guinea Bissau é un dos países africanos con maior comercio e distribución de droga cara Europa, principalmente proveniente de América do Sur, escenario que da a entender a existencia de carteis do narcotráfico imbricados no seu sistema político, institucional e militar que poderían estar detrás dos recentes intentos golpistas.

b) A inestabilidade militar
Tras ser liberados o primeiro ministro Carlos Gomes Junior e o xefe do Alto Mando Militar, almirante José Zamora Induta, o presidente de Guinea Bissau, Malam Bacai Sanhá, iniciou entre o 4 e 6 de abril unha serie de reunións cos altos mandos militares (incluído o líder da asonada golpista António Indjai), líderes políticos e representantes da Unión Africana (UA), da Comunidade Económica dos Estados de África Occidental (CEDEAO), da Comunidade de Países de Lingua Portuguesa (CPLP) e da ONU, para asegurar unha marxe de estabilidade institucional tralos recentes intentos de golpe militar.
Parcialmente superadas as secuelas da breve guerra civil de 1998-1999, Guinea-Bissau viviu diversos episodios de insurrección militar que ameazaron a súa precaria transición democrática, iniciada en 2005.
Entre 2008 e 2009 presentáronse dúas tentativas de golpe militar, a última delas con dous asasinatos políticos. Estes asasinatos ocorreron en febreiro e marzo de 2009, sendo un deles o do entón xefe do Estado Maior, Batista Tagné Na Waie, acusado por diversos altos cargos militares de posible autor intelectual dun intento de golpe contra o entón presidente João Bernardo Vieira. Posteriormente, e dun xeito misterioso, Vieira foi asasinado na súa residencia presidencial, finalizando así con 23 anos de presidencia á fronte do país.
Durante a guerra civil de 1998-1999, Vieira foi desaloxado do poder por diversos sectores militares, restaurándose a democracia e o goberno civil en 2005, tras realizarse eleccións multipartidistas que retornaron a Vieira á presidencia. Non obstante, o presidente sufriu en 2008 outro intento de asasinato tras unha tentativa de golpe militar, a cargo do anteriormente mencionado contraalmirante Bubo Na Tchuto.
Baixo o manto de misterio por estes asasinatos e ante a posibilidade de xerarse unha crise política de maior calado, deuse paso a un goberno transitorio tutelado por unha xunta militar aínda que dirixido polo presidente da Asemblea Nacional Popular, Raimundo Pereira.
Este convocou a eleccións presidenciais o 28 de xuño de 2009, sendo gañadas por Malam Bacai Sanha, do Partido Africano para a Independência de Guiné e Cabo Verde (PAIGC), sendo oficialmente investido como presidente en setembro de 2009.
Dende entón, Guinea-Bissau iniciou a etapa política “post-Vieira” pero perpetuando a hexemonía política do gobernante PAIGC, partido que actualmente controla 67 dos 100 deputados na ANP, tralas eleccións lexislativas realizadas en 2008. Pero as tensións xeradas tralos asasinatos de 2009 e as tentativas golpistas conforman un delicado panorama nas relacións cívico-militares.
Guinea-Bissau posúe oficialmente un exército de 4.800 soldados que, segundo determinadas fontes vinculadas á ONU, poden alcanzar os 10.000 efectivos.
Considerase que existe unha saturación de oficiais e altos mandos, mentres a infraestrutura dos cuarteis militares é absolutamente precaria.
As desigualdades no tratamento dos rangos militares, en gran parte determinados por factores de nepotismo, corrupción e posibles rivalidades entre clans étnicos e de poder, complican a perspectiva de normalidade nas relacións cívico-militares.
Segundo datos de diplomáticos europeos en Bissau, aproximadamente uns 3.000 oficiais guineanos pasarán proximamente a retiro, o cal demandará a activación dun fondo de pensións por un período de cinco anos, proveniente da axuda internacional, a fin de manter a estabilidade financeira estatal ante o pago destes emolumentos.

c) O peso do narcotráfico
Igualmente, o papel do narcotráfico en Guinea-Bissau coloca no centro de atención aos militares e as precarias forzas policiais e de seguridade, debido a que dende diversos sectores son acusados de beneficiarse do tráfico de drogas. Unha fonte da ONU en Bissau declarou que trala recente asonada militar “está o problema do tráfico de drogas en Guinea Bissau, convertido nun narcoestado onde se enfrontan varias bandas que controlan a distintos grupos de militares”.
Diversas fontes dentro e fóra do país especulan coa posibilidade de que, detrás dos recentes intentos de golpe militar, existira un velado “putsch” entre grupos de poder dentro das Forzas Armadas, presuntamente implicados con bandas de narcotraficantes. Esta influencia do narcotráfico proveniente de América do Sur nas estruturas de poder en Guinea Bissau colocou a este país ante a posibilidade de ser considerado pola comunidade internacional como unha especie de “Estado-paria”. Segundo fontes diplomáticas occidentais en Bissau, o contraalmirante golpista Bubo Na Tchuto, curiosamente un estreito aliado tanto do xeneral António Indjai como do presidente Bacai Sanhá, estaría presuntamente involucrado no tráfico de cocaína, principalmente controlado por carteis da droga colombianos.
O problema do tráfico de drogas céntrase, principalmente, na incapacidade do Estado e das Forzas Armadas para controlar a actividade dos carteis da cocaína, especificamente nas 82 illas que conforman o arquipélago guineano de Bijagos, por onde pasa a maior parte do tráfico de drogas dende América do Sur cara Guinea Bissau, Europa e os demais países de África Occidental.
Considérase que os carteis colombianos e os seus aliados decidiron nos últimos anos abrir en África Occidental unha nova ruta da cocaína cara Europa e África, transitando este tráfico dende Colombia, Venezuela e Brasil. Para isto, benefíciánse do descontrol existente nas Forzas Armadas de Guinea Bissau e da precariedade e fraxilidade estatal, que propician a chantaxe, os subornos e a corrupción.
A tal punto é abraiante o efecto do narcotráfico en Guinea Bissau que os gobernos de Senegal e Cabo Verde, así como a ONU, realizaron en abril de 2009 na capital caboverdiana de Praia, un cumio internacional destinado a reducir o tráfico de drogas e garantir a supervivencia e a estabilidade estatal en Bissau.
Tralos asasinatos do xeneral Tagné Na Waié e do ex presidente Vieira, a ONU impulsou a reestruturación das Forzas Armadas de Guinea Bissau, cun custe de 100 millóns de euros. Pero as constantes pugnas entre grupos de poder militar involucrados no narcotráfico, que combaten entre si para asegurarse espazos de poder cos carteis impedindo ao mesmo tempo a investigación xudicial dos decomisos de droga, dificultan enormemente a misión da ONU. Non obstante, cabe sinalar importantes iniciativas gobernamentais destinadas a reducir o efecto do narcotráfico no Estado guineano. Entre decembro de 2009 e marzo de 2010, o goberno guineano asinou acordos coa ONU para profesionalizar aos servizos policiais no combate contra o tráfico de drogas. Estes acordos contan coa cooperación e tutela da Axencia da ONU contra o Narcotráfico e o Crime (UNODC) e da Misión de Paz da ONU para Guinea Bissau (UNIOGBIS), así como de asesores provenientes de Brasil, Angola e Portugal.
Igualmente, desde 2009 funciona unha Misión da UE para a Reforma do Sector da Seguridade, cuxa cooperación coas autoridades de Bissau permitiu que, entre 2008 e 2009, se decomisaran, aproximadamente, 1.200 quilogramos de cocaína. En novembro de 2009, a ONU elaborou un informe onde aseguraba unha caída do tráfico de drogas dende Guinea-Bissau e África Occidental cara Europa, aínda que diversos funcionarios e ONGs matizan estas conclusións, sinalando que máis cunha caída existe “un narcotráfico máis escondido”.

d) Dependencia exterior e crise socioeconómica
Alén do narcotráfico e das tensións militares, o goberno de Bacai Sanhá pode verse igualmente afectado por unha vaga de protestas sociais, en particular ante os problemas de pagos salariais no sector educativo, nun país onde o 75% dos seus 1,7 millóns de habitantes viven en situación de pobreza absoluta.
Diversas estatísticas consideran que as axudas internacionais conforman entre un 75 e un 90% do orzamento público de Guinea Bissau, incrementando a súa dependencia do exterior. No caso actual do conflito no sector da educación, o goberno vese imposibilitado de desembolsar os salarios de 130.000 educadores, o cal pode dar curso a fortes mobilizacións sindicais. En materia económica, Guinea-Bissau vense beneficiando moderadamente da pequena alza dos prezos internacionais de determinadas materias primas agrícolas, como as noces e anacardios, así como dun crédito do Banco Mundial por valor de US$ 5 millóns, para investimentos no sector agrario. Pola súa banda, o Fondo Monetario Internacional (FMI) acordou en xaneiro de 2010 un programa de reformas financeiras para o período 2010-2012, dirixido a rebaixar o déficit público, modernizar a administración pública, promocionar o emprego e mellorar os servizos públicos sociais.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES