Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Francia: Amargas eleccións para Sarkozy

miércoles, 31 de marzo de 2010
a) Introdución
Os comicios rexionais realizados entre o 14 e 21 de marzo en Francia confirmaron a perda de popularidade do presidente Nicolás Sarkozy e do seu partido, a Unión por un Movemento Popular (UMP), en beneficio dun recuperado Partido Socialista (PS).
En paralelo, os comicios afortaleron á plataforma de esquerda integrada polo PS, os “verdes” de Europa Ecoloxía (EE) e a Fronte de Esquerda (FE), conformada trala primeira volta do 14 de marzo, acadando na segunda o 54,3% dos votos, gañando en 23 rexións. Pola súa banda, a UMP sumou un 36,1% dos sufraxios e pasará a controlar outros tres departamentos.
A xuizo de moitos observadores, estas eleccións permitiron pulsar o panorama político francés de cara ás eleccións presidenciais de 2012, onde se prevé un clima político polarizado entre o PS e a UMP.
Neste aspecto, o mapa político galo queda á expensas das alianzas políticas que poidan darse no inmediato futuro, tanto en función da capacidade de manobra de Sarkozy e a UMP, a viabilidade da plataforma de esquerda PS-EE-FE, e o sorprendente retorno da fortalecida ultradereita da Fronte Nacional (FN).
Cun liderado renovado, da man da súa secretaria xeral Martine Aubry, o PS obtivo unha porcentaxe de votación do 29,4% na primeira volta, quedando como o primeiro partido a nivel estatal. Castigada polo electorado, a UMP afrontará unha serie de dilemas e presións que poden significar posibles reacomodos no gabinete presidencial de Sarkozy e o seu primeiro ministro François Fillon.
Non obstante, o verdadeiro “triunfador” destes comicios foi a abstención, cifrada na primeira volta no 53% e no 48,1% na segunda. Velaí outra forma de protesta, un síntoma de desgaste da sociedade francesa cara a oferta política existente, factor que podería ser aínda máis determinante nas próximas citas electorais.

b) A “resurrección” do PS
Sen dúbida, o Partido Socialista (PS) converteuse no gran protagonista destes comicios. A nivel individual, o
PS aproximouse ao 30% dos votos, que se incrementou a nivel global nun 54,3% tras concretar unha alianza con outros partidos de esquerda na segunda volta.
Deste modo, o PS logrou reverter unha serie de fracasos electorais iniciados nos comicios presidenciais de 2007, onde foron amplamente derrotados polo actual presidente Nicolás Sarkozy e a UMP; e tamén nas eleccións parlamentarias europeas de 2009, onde só acadaron un irrelevante 16,4%.
No contexto de crise económica, cun desemprego do 10%, o PS beneficiouse tamén da impopularidade de Sarkozy e da UMP e a elevada abstención, sendo ambos datos interpretados como factores decisivos á hora de apuntalar o discurso electoral socialista de crítica ás políticas de Sarkozy.
Trala primeira volta do pasado 14 de marzo, o PS adiantou de inmediato un pacto político con Europa Ecoloxía (EE) e a Fronte de Esquerda (FE), que integra ao Partido Comunista Francés (PCF), para concorrer como plataforma unitaria na segunda volta celebrada o 21 de marzo. Tras obter un 54,3% dos sufraxios, e de consolidarse politicamente, esta “nova esquerda” configurada na alianza electoral PS-EE-FE definiríase como a principal alternativa para desaloxar a Sarkozy e a UMP do Elíseo en 2012.
Neste senso, é un dato clave a situación interna no PS. Na vitoria dos socialistas puido influír, como factor relevante, a renovación no seu liderado, realizada nun disputado congreso interno celebrado en novembro de
2008. Nese momento, destacou a figura da súa actual secretaria xeral, Martine Aubry, incluso por riba da súa rival e ex candidata presidencial, Segolène Royal.
En todo caso, os comicios de 2010 ampliaron as perspectivas dun marcado pulso interno no PS entre Aubry e Royal, un escenario que pode determinar as pezas fundamentais do que sucederá dentro do PS nos próximos meses, en especial de cara ás presidenciais.
Nas rexionais, Royal obtivo unha importante vitoria en Poitou-Charentes, cun 61,1% dos votos, un resultado que revitaliza enormemente a súa candidatura presidencial.
A falta de definir a consistencia da plataforma PS- EE-FE, e afondando o discurso de castigo contra as políticas gobernamentais de Sarkozy, cabe prever a apertura dunha etapa de pactos e negociacións políticas. Non obstante, o PS espera non repetir a experiencia das municipais de 2004, cando gañaron en 20 das 22 rexións continentais en disputa, confirmándose como a forza principal para, posteriormente, perder as eleccións presidenciais de 2007 ante Sarkozy e a UMP.

c) Cambio de rumbo en Córsica
Unha das derrotas máis significativas para Sarkozy e a UMP foi a perda de Córsica, tradicional bastión da dereita, que pasará a mans dos socialistas e os seus socios nacionalistas e autonomistas.
Así, o partido autonomista Femu a Córsica (FaC), liderado por Gilles Siméoni (28,5% dos votos) e os independentistas de Córsica Libera, comandados por Jeay-Guy Talamoni (11,2%) alcanzaron un total do 39,7% dos votos, contra o 30,7% da lista Socialiste, Radical, Citoyen et Divers Gauche (SRC) de Paul Giacobbi, e o 29,4% da conservadora Camille de Rocca Serra (UMP).
Deste modo, os movementos nacionalistas e autonomistas ocuparán agora o centro de atención do novo mapa político corso, ao obter 15 escanos sobre os 51 existentes na Asemblea, sumando sete escanos máis con respecto ás pasadas eleccións. Para o vencedor Giacobbi, o apoio na asemblea dos movementos nacionalistas (coa probable preferencia por Femu a Córsica de Simèoni), será determinante para orientar o novo rumbo político corso.
Paralelamente, e noutros ámbitos rexionais, o Partido Occitano (PC) logrou un resoante avance, ao alcanzar cinco representantes territoriais, formando parte dunha lista electoral con Europa Ecolóxica (EE). Pola súa banda, en Bretaña, o abraiante triunfo socialista (50,7% dos votos) foi secundado polo lixeiro avance da Unión Democrática Bretoa (UDB), co 17,4% dos votos, en total catro representantes na asemblea territorial. Dende a perspectiva da política francesa, o avance dos movementos nacionalistas e autonomistas nestas eleccións rexionais podería contribuir a dar curso a unha discusión parlamentaria sobre a reforma constitucional estatal, cunha maior descentralización administrativa e o recoñecemento dos dereitos lingüísticos e culturais das consideradas “nacións sen Estado”, como son os casos corso, occitano e bretón.

d) Removendo o péndulo político
No que respecta aos demais partidos políticos, resaltan os resultados de Europa Ecoloxía (EE), liderado polo histórico Daniel Cohn Bendit e Cécile Duflot, e que sorprendeu ao situarse como terceira forza trala primeira volta, cun 12,5% dos votos.
Incluído a nivel estatal na plataforma electoral co PS e FE para a segunda volta, a lista electoral de EE logrou
impoñerse cunha candidatura propia na illa de París, obtendo o 56% dos votos.
Por contra, cabe destacar o duro revés electoral da Fronte de Esquerda (FE), que cun 6,1% espera consolidarse dentro da plataforma que conforma co PS e EE; e do Novo Partido Anticapitalista (NPA) de Olivier Besançenot, que só recibiu un 2%.
Cómpre observar tamén o rexurdimento da ultradereita da FN (8,9% dos votos), liderada por Marine Le Pen, filla do histórico líder e presidente do partido Jean-Marie Le Pen, quen aos seus 78 anos afronta a sucesión política. Presentando candidaturas en 17 rexións, a FN logrou bordear o 20% dos votos en Lorraine, Haute Normandie e Picardie. Tralas eleccións, Jean-Marie Le Pen falou do “final do sarkozysmo” e das pretensións de seguir avanzando nas próximas eleccións lexislativas e presidenciais.
Outro protagonista electoral foi Georges Frêche, un ex socialista electo cunha candidatura independente (Divers gauche, DVG) na rexión de Languedoc- Rousillon. Convencido da fortaleza dos liderados rexionalistas fronte ao que considera “o fracaso das elites e dos partidos tradicionais”, Frêche pode converterse nun abandeirado defensor das políticas de maior descentralización administrativa.

e) Horizonte 2012
O test electoral celebrado entre o pasado 14 e 21 de marzo determinará a evolución do panorama político francés de cara aos comicios presidenciais de 2012, onde o mandatario Sarkozy espera postularse para a reelección.
Os resultados confirmaron porqué Sarkozy debeu matizar a súa declaración preelectoral de que estes comicios “só terán consecuencias rexionais”. Como logros electorais, a UMP só puido conservar a súa hexemonía na rexión continental de Alsacia e as vitorias no departamento africano de La Réunion e na americana Guyane Francesa.
Ante a abraiante derrota electoral, Sarkozy deberá reformular o seu discurso e oferta política, a fin de gañar terreo entre o electorado francés. Non obstante, a UMP corre o risco de verse fragmentada nunha loita interna entre lobbies centristas, “sarkozystas” e “chiraquistas”, así como ante a posible reaparición de figuras políticas como o ex chanceler Dominique de Villepin, rival político de Sarkozy e persuadido a rachar coa UMP e formar un novo partido de centrodereita.
Paralelamente, o presidente galo deberá afrontar un cambio de discurso e de reformulación de determinados temas de debate a nivel estatal, a fin de tentar salvar o seu ambicioso programa de reformas.
Sarkozy vese politicamente debilitado para levar a cabo a súa proposta de alteración do sistema de pensións e de recorte do gasto público, temas que provocarán serios enfrontamentos cos sindicatos e unha vaga segura de folgas e mobilizacións.
Outro “abandono” pode darse en relación aos debates sobre seguridade, inmigración e identidade nacional francesa, que tanta polémica e polarización social provocaron nos últimos meses. Concibidos para tentar arrebatar a iniciativa á FN nestes temas sensibles, Sarkozy verase agora obrigado a aparcar brevemente estes asuntos, principalmente pola polarización xerada e o éxito electoral da Fronte Nacional (FN).
Cun FN en ascenso, a UMP tentará equilibrar un complicado panorama para a dereita francesa, a fin de recuperar terreo e evitar o posible reforzamento dos postulados “nacionalistas” e de carácter xenófobo da FN en determinados estratos populares e de clase media, descontentos coa crise económica e coa inmigración ilegal, especialmente a de carácter musulmán.
Paralelamente, a derrota electoral pode dar curso a toda unha serie de fendas dentro da UMP e no seu gabinete presidencial, tanto en relación ao futuro político do primeiro ministro Fillon como doutros oito ministros que concorreron como candidatos electorais. Sarkozy verase premido a alentar un audaz “cambio de temón” no seu gabinete e partido.
Albiscando escenarios a curto prazo, e ante a consolidación dunha alianza PS-EE-FE, queda por saber cales serán as manobras e futuras alianzas políticas de Sarkozy e da UMP, en especial ante o fracaso electoral dos partidos minoritarios centristas.
Este panorama incrementará os dilemas políticos de Sarkozy e da UMP á hora de concretar alianzas políticas de carácter preelectoral para contrarrestar as alianzas dende a esquerda. E tamén ante a perspectiva,
pouco edificante, de tender pontes cara a ascendente ultradereita da FN.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES