Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Os Pepes de Vilalba

jueves, 18 de marzo de 2010
San Xosé pode ser o 19 de marzo, pero Vilalba xa o celebrou o pasado sábado cando perto de cento cincuenta comensais se xuntaron na celebración número 50 da “Festa dos Pepes”.
       
O acto central da celebración, ademáis da misa e tradicional ofrenda, foi pola tarde no Auditorio, amenizado pola Banda de Vilalba, no que os presidentes destas cincuenta celebracións recibiron cadansúa medalla de prata, que premia a súa colaboración para chegar ata este momento histórico.

A organización convidoume, a pesar de non ser Pepe, a falarlle ós pepes nesta especial celebración. E eu agradecín esta distinción, porque levo medio século langreando porque -ó non ser Pepe- nunca puiden participar na organización nin ser oferente nela.
       
Cando eu era pequeño, en Vilalba falábase de “Poñerse coma un Pepe” para significar que a comida que un disfrutara era das mellores do mundo. Ó mellor resulta que era predestinación gastronómica vencellada a un nome que ía facer historia. E en 1961, hai 49 anos, Pepe Apénela inventa a festa dos Pepes.

O promotor da idea, ó ser eu un rapaz novo, daquela parecíame un home maior. Supoño que era máis novo que hoxe os meus fillos. Medio século despois, comprobo que xa case estamos igualados e Apenela non é maior agora que o era en 1961, e mirade que leva feitas cousas por Vilalba, levando bandeiras de temas colectivos vilalbeses e de interese xeral, destacando o do noso entrañable Hospital-Asilo, moito máis ca unha institución; e o dos Pepes. Consecuencia desto, Apénela é fillo predilecto do Concello de Vilalba, e unha rúa vilalbesa chámase Rúa dos Pepes.

Eu seguía desde lonxe a anual celebración, e teño que recoñecer que sentía un certa envexa por non chamarme Pepe, pero non había nada que facerlle, co que me gustaría ser oferente, xa non digamos presidente. Oficiar misa non, que para eso non estou habilitado por agora.

Os meus anceios víronse cumpridos, non só por falar no nome de todos os Pepes, senón porque despois de entregarlle cadansúa medalla ós presidentes destes cincuenta anos, e outra ó concello de Vilalba que recibiu o Alcalde, recibín unha medalla de Pepe, co que saín da festa plenamente orgulloso de ser un Pepe vilalbés -aínda que o meu carnet diga outra cousa- con medalla incluída.

Houbo unha lembranza especial para os Presidentes que xa non están connosco, tendo xa desaparecido: Jose María Jato Canal, presidente en 1967; José Ramón Lorenzo-Oseira no 1969; José Guntín Currás, meu profesor de música, no 1971; José Pena Trinquete, no 1974; José Mouriño Agras, no 1975; José Manuel Orosa Cendán no 1976; José Alvarez Braña, no 1978; José Insua Barreiro, no 1984; e José Luis Cal Lodeiro en 1992.
E mención fixen tamén á única presidenta que ata agora tiveron os pepes, María Xosé Lamas, e tres oferentes: Maria José Ramudo, María Xosé Rodríguez,  e María José Carrasco Rouco, a deste ano, suxerindo e así agardo que se faga, que se incorporen máis mulleres ós postos posibles -presidentas e oferentes- que se as mulleres moven o mundo e están gañando cada día postos máis relevantes nel, seguro que a Vilalba dos pepes e pepas estará magníficamente representada con traballo e voz de muller.
Un vai cumprindo, co paso dos anos, determinados anceios ou esperanzas, ás veces impensados. A min pasoume este sábado en Vilalba... Convertinme en Pepe exercente, oficiando na celebración dos pepes e recibindo a súa medalla. Máis, non se pode pedir.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES