Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Don Gabriel Pita da Veiga 'home de Deus'

miércoles, 10 de marzo de 2010
Con toda razón podemos poñerlle a Don Gabriel Pita da Veiga o título de “home de Deus” (1 Tim.6,11) porque en todo momento quixo vivir a súa humanidade con Deus e para Deus.

Nacido nunha coñecida familia ferrolana en 1903, entrou no Seminario de Mondoñedo aos 20 anos, e cursou alí os estudios eclesiásticos durante outros nove anos.
Ordenouse sacerdote en xuño de 1932, con 29 anos de idade e un especial desexo de servir a Igrexa con plena dedicación e espírito sumiso.

Os dous primeiros anos de ministerio pastoral pasounos en Mondoñedo como Secretario particular do Bispo, pero buscando sempre as súas “afeccións” máis queridas: a catequese e o contacto apostólico coa xuventude. Estas mesmas actividades foron tamén a súa teima permanente como Párroco en Guitiriz (1935-38), e en Vilalba (1938-47). Aquí deixou unha semente evanxelizadora da que aínda recollemos agora froitos abondosos.

Pero onde se extremou a súa entrega foi na atención ós pobres e enfermos, que o tiñan sempre á súa disposición. “O calificativo de “santo” era como un refrendo desa gloria que acompañou a D. Gabriel: os pobres enxalzárono e o pobo proclamouno. ¿Quén dá máis? (Chao Rego).

En 1947 Don Gabriel foi chamado a Mondoñedo como Director Espititual do Seminario. Foi unha breve experiencia, que lle abriu camiño para volver á súa terra ferrolana a partir de 1953, como Párroco de N.Sra. das Angustias (barrio de Esteiro), o logo da Concatedral de S. Xiao. Aquí pasou 15 anos practicando a súa pastoral máís comprometida, especialmente no mundo da pobreza e da conflictividade social, entón moi incisiva nas loitas obreiras daqueles tempos. El foi sempre un instrumento de paz, aínda que lle costase conseguila.

Tendo en conta a súa delicada saúde, polo que precisaba sair periodicamente a algún balneario ou casa rural para recuperarse, o Bispo Mons. Argaya trasladouno a Mondoñedo en 1968 como Cóengo da Catedral. Pero neste novo cargo -que en principio parecía máis levadeiro- viuse rapidamente sorprendido pola elección como Vicario Capitular, no período de “sede vacante” que deixou Mons. Argaya, trasladado a San Sebastián. Na súa carta de presentación dicía con toda razón Don Gabriel: “este cargo, aunque interino, ha de tener momentos difíciles, y mis modestas condiciones necesitan redobladas fuerzas, que sólo Dios me puede otorgar”.

E así foi en realidade durante os vinte meses que durou o seu Vicariato Capitular. Houbo procesamento de dous sacerdotes polos conflictos laborais de Ferrol. Houbo tamén outros problemas referidos ao goberno ordinario da Diocese e das obras que se levaron a cabo. Pero Don Gabriel trataba de poñer en todo o espírito de San Paulo, tal como recollía nunha das súas cartas circulares: “no te dejes vencer por el mal, sino vence el mal a fuerza de bien”.

Cando chegou o novo Bispo (Mons Araújo Iglesias), Don Gabriel foi designado Vicario Xeral (setembro 1970), e durante outros seis anos puido seguir salpicando a súa vida de servizos e de doenzas, xa que levaba no seu corpo -como S. Paulo-“os sinais de Xesús”. Así lle chegou a morte o 28 de marzo de 1976 en Mondoñedo, cando cumpría os 73 anos. Foi enterrado no claustro da Catedral, e alí recibe moitas veces unhas frores humildes e frescas, que lle sirven de compaña.. Con toda razón escribiu Mons Araújo esta loanza: “Se a caridade é o signo para discerni-la verdadeira santidade, un pensa que Don Gabriel foi un verdadeiro “santo”, dos que poden ter un posto nos retábulos das nosas igrexas”.
García Amor, Uxío
García Amor, Uxío


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES