Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Brasil: a difícil sucesión de Lula

lunes, 08 de marzo de 2010
a) Introdución

Brasil irá a eleccións presidenciais o próximo 3 de outubro, rematando así o período de goberno de Luis Inácio Lula da Silva (2002-2010), que se atopa imposibilitado constitucionalmente para unha segunda reelección. Así, o IV Congreso do gobernante Partido dos Traballadores (PT), celebrado a mediados de febreiro, confirmou a Dilma Rousseff, xefa da Casa Civil (Xefatura do Gabinete) como a súa candidata.
Non obstante, e a pesar da elevada popularidade de Lula e dos seus evidentes logros gobernamentais, a candidata Rousseff non acaba de conectar completamente co seu electorado, o cal activa as opcións do centrodereita de volver ao poder co seu candidato José Serra, do Partido da Social Democracia Brasileira (PSDB). A pesar de subir nas enquisas unha vez se confirmou a súa candidatura, Rousseff dedicará a maior parte do seu tempo a gañar a confianza do seu electorado e das outras doce formacións políticas que, ata agora, prestan ao seu apoio ao labor gobernamental do PT.
A grandes trazos, o momento semella politicamente importante para calibrar a era “post-Lula” e os retos que se presentan a esta potencia emerxente que celebrará no 2014 e 2016 sendos acontecementos de carácter internacional como o Mundial de Fútbol e os Xogos Olímpicos. No plano interno, a importancia destes comicios é inseparable da elección de 27 gobernadores e 1.059 cargos municipais, así como da renovación dos 513 representantes da Cámara de Deputados e de dous terzos do Senado.
A heterodoxia económica, a estabilidade política e a redución da pobreza son os baluartes da candidatura do PT, igualmente salpicado por disensións internas, unha forte atomización dentro da esquerda e escándalos de corrupción. Cabe igualmente observar cal será o impacto exterior en caso dun cambio de goberno en Brasilia.

b) Unha ex guerrilleira torturada ao poder?
O pasado 20 de febreiro, os 1.350 delegados que asistiron ao IV Congreso do PT celebrado en Brasilia, confirmaron a Dilma Rousseff (62 anos) como a candidata deste partido para as eleccións presidenciais do próximo 3 de outubro. A súa candidatura oficializarase en marzo.
Deste modo, Roussef postúlase para suceder ao presidente Lula da Silva, quen remata unha etapa política de grandes progresos para a democracia, o desenvolvemento socioeconómico e as relacións exteriores de Brasil. Tras ser reelixido en 2006, Lula atópase imposibilitado constitucionalmente para outro período presidencial, polo que este congreso do PT certificou que, por vez primeira desde 1989, o actual presidente brasileiro non se presentaría como candidato electoral.
Polo tanto, a elección de Rousseff como candidata do PT practicamente selaba un fait accompli da política brasileira dos últimos meses. Vinculada aos grupos de esquerda opostos á ditadura brasileira (1964-1985), con pasado guerrilleiro e torturada tras tres anos no cárcere, Roussef tenta conciliar a súa experiencia e militancia revolucionaria como credencial política e electoral dentro da esquerda.
Unha perspectiva que se amplía ante a súa experiencia gobernamental: Rousseff foi responsable de Facenda, Enerxía, Minas e Comunicacións no estado de Río Grande do Sul (1991-1995); ministra de Enerxía e Minas (2003); e ministra da Casa Civil desde 2005. De ser electa, marcaría un momento histórico ao ser a primeira muller en ocupar a presidencia de Brasil.
Non obstante, Rousseff loita contra as enquisas, que seguen a favorecer ao seu rival José Serra (PSDB), tamén gobernador do estado de São Paulo. A comezos de decembro de 2009, o candidato do PSDB lideraba comodamente os principais avances demoscópicos, cun 38% da intención de voto, mentres Rousseff só se achegaba ao 17%. Tras oficializarse a súa candidatura, e aproveitando a conxuntura política de apoio gobernamental, as últimas enquisas estiman que candidata do PT alcanza o 25% de intención de voto, contra un 36% do seu rival.
Deste modo, Rousseff deberá impulsar unha estratexia de seducción e convencemento cara os demais doce partidos que apoian actualmente ao PT no poder, así como tamén cara a diversos sectores de indecisos que, finalmente, poden inclinar a balanza electoral. Por outra banda, o presidente Lula tentará traspasar a súa elevada popularidade cara a candidatura de Rousseff implicándose a fondo na campaña electoral, aínda que con resultados seriamente incertos para as posibilidades do PT.
Un factor de última hora que pode complicar o panorama político brasileiro relaciónase co ingreso en prisión por escándalos de corrupción do gobernador de Brasilia, José Roberto Arruda, membro do dereitista Partido da Fronte Liberal (PFL), e a posterior renuncia do seu vicepresidente, un suceso que ensombrece a próxima celebración en abril do 50o aniversario de Brasilia. Este asunto pode apuntar directamente a círculos de poder gobernamental, e mesmo influir poderosamente na evolución das eleccións rexionais igualmente previstas para o próximo 3 de outubro.

c) Cuestión de confianza
A fin de apuntalar a súa candidatura, o presidente Lula tentará convencer ao electorado de que Rousseff significa a alternativa clave para garantir a continuidade dos progresos socioeconómicos alcanzados durante a súa xestión que, entre outros avances, permitiu a 20 millóns de brasileiros saír da pobreza a través dos programas sociais; manter un estable crecemento económico a pesar da crise financeira mundial; e consolidar a Brasil como un referente emerxente na política global.
Non obstante, poden aparecer complicacións no panorama económico nos próximos meses. Segundo unha investigación da Fundación Getúlio Vargas realizada a mediados de febreiro, o Índice de Confianza do Consumidor (ICC), que mide o nivel de satisfacción económica, descendeu levemente dun 19,8% a un 16,9%.
En todo caso, as perspectivas dos principais sectores económicos e industriais brasileiros seguen a amosar un nivel de confianza, orientado a conservar un nivel de crecemento económico calculado nun 5% para 2010, cun nivel de desemprego do 6,8% e taxas de inflación controlables, arredor do 4,9%.
Coa finalidade de atraer aos sectores económicos e financeiros, Rousseff leva adiante desde 2007 o Programa de Aceleración Económica (PAC), cun sólido nivel de investimentos estranxeiros valorados en US$ 35.000 millóns. Segundo o Banco Central do Brasil, as previsións de Investimentos Estranxeiros Directos (IED) en 2010, estímanse en 33.000 millóns de euros, considerado como un índice histórico para o país.
Para o período 2010-2014, o PAC prevé igualmente ofrecer 29.200 millóns de euros en oportunidades de negocio para capital foráneo, en especial en materia ferroviaria de alta velocidade, ampliación portuaria, autopistas e sector eléctrico. No congreso do PT, Rousseff avogou por apostar pola tecnoloxía do coñecemento e un maior nivel de excelencia na educación pública.
O factor investimentos e a saudable economía brasileira son as principais bazas electorais coa que contan Lula e Rousseff a fin de tentar garantir un novo período gobernamental para o PT. Segundo un estudo elaborado pola consultora AT Kearney, baseado nas estimacións das grandes compañías mundiais, Brasil é o cuarto país con maiores facilidades para investir, tras China, EEUU e a India. Brasilia contempla tamén grandes fortes investimentos públicos e privados ante a celebración do Mundial de Fútbol (2014) e os Xogos Olímpicos (2016).

d) Os desafíos 2010-2014
Non obstante, Rousseff deberá lidar con diversos sectores dentro do PT e da coalición gobernamental, escépticos sobre a súa idoneidade e fortaleza como candidata. Estes sectores cuestionan o seu presunto carácter autoritario e perfil tecnócrata, a súa orientación predominantemente estatista no económico, un pasado académico que causa polémica, así como problemas de saúde tras diagnosticárselle o ano pasado un cancro linfático.
Paralelamente, apréciase unha aguda atomización da esquerda brasileira, con tres mulleres candidatas, todas elas curiosamente provenientes do PT: a propia Rousseff; a ecoloxista Marina Silva, disidente do PT e actual abandeirada do Partido Verde (PV); e Heloísa Helena, crítica disidente expulsada do PT en 2003 e actual candidata polo Partido Socialismo e Liberdade (PASOL) e da Fronte de Esquerdas (FE). Esta atomización complica as opcións do PT fronte a Serra e o PSDB.
Independentemente de quen resulte trunfante, a próxima presidencia en Brasilia afrontará igualmente serios desafíos por parte dos movementos sociais, en especial o Movementos dos Sen Terra (MST) e Vía Campesiña, en aspectos sensibles como a reforma agraria, os dereitos humanos e o combate á pobreza e ás desigualdades.
Do mesmo xeito, os próximos comicios poden amosar unha fragmentación política e xeográfica no país, especialmente entre o Sur e Sueste máis rico e o Norte e Nordeste máis pobre, que xere un posible caudal de conflitividade entre os 27 estados que conforman o federalismo brasileiro. Esta división, que pode dar curso a unha dura batalla lexislativa no próximo período en materia de descentralización, reflíctese no pulso das candidaturas de Rousseff, dunha esquerda política e electoralmente fragmentada, e o propio Serra, este último abandeirado dos sectores economicamente máis poderosos afincados no Sur do país.

e) Impulsando a potencia emerxente
O recente cumio do Grupo de Río celebrado en Cancún (México), coa proposta de crear a Comunidade de Estados de América Latina e o Caribe (CEALC), en substitución da OEA e sen a participación de EEUU e Canadá, constitúe un factor adicional que sitúa a Brasil no epicentro do escenario como potencia emerxente no plano internacional.
Brasil vén amosando un lugar preponderante como actor político e diplomático ante diversas crises e escenarios conflitivos no hemisferio occidental (Haití, Colombia-Venezuela, Cuba, Bolivia, etc) e acredítase como eixe central da Unión de Nacións do Sur (UNASUR) e do MERCOSUR. A nivel global, como partícipe do BRIC (Brasil, Rusia, India e China) e do IBSA (India, Brasil e Sudáfrica), Brasilia conforma unha alternativa de desenvolvemento dende o Sur.
Polo tanto, todas estas expectativas de potencialidade emerxente planean na elección presidencial de outubro próximo, xa se resolva en primeira ou en segunda volta, prevista para o 31 de outubro. En gran medida, non se esperan maiores cambios políticos nin económicos para o período 2010-2014, incluso no caso de que o centrodereita socialdemócrata de Serra recuperara o poder, se ben as estratexias exteriores poden variar substancialmente.
Cun maior prestixio e protagonismo a nivel mundial e sólidos avances en materia de progreso socioeconómico, o Brasil “post-Lula” abordará un período 2010-2014 de grandes retos e elevadas expectativas, independentemente de quen resulte vencedor nos próximos comicios presidenciais.

IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES