Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

-¡Sentinela, alerta! -¡Alerta está!

martes, 23 de febrero de 2010
A don Hermenegildo alporizábano as caretas de Carnaval, do medo que lles tiña aos acarapuchados, e non era sen motivo, pois, ¡non as fagas, non as temas! Nestes tempos, críticos, máis que de crise, pois as crises son puntos de inflexión, e por tanto, curtos, pero o que nos trouxo este XXI, que ten as raiceiras na soberbia do XX, é un estado crítico, enorme, que xa se parece ás sequoias…, ¡por aquilo de sempervirens! O temible son as caretas coresmais, esas dos falsos penitentes.
 
Non estou falando en metáforas, pero como non hai unha casuística concreta senón un estado de putrefacción xeneralizada, é inevitable xeneralizar, e cada quen que poña os seus cinco sentidos para cheirar por onde corren os ventos. Facíannos falta seis, un máis, o da percepción extrasensorial, para ir localizando eses tiradores que nos teñen, que nos poñen, no seu punto de mira.
 
Nestes últimos anos da pura especulación, como xa estabamos afeitos á mesma, non era difícil cheira-las añagazas, pero hoxe, con tantos disfraces de bos e de arrepentidos, nesta Coresma do XXI, que tódalas lebres se acazapan e disfrazan, de arriba para abaixo e de abaixo para arriba, pois dá igual baixar desde o poder, pola escaleira dos caciques-conseguidores, para rematar no sufrido votante - contribuínte, como comezar por este último, e alza-los ollos ao poder…, en súplica de mercés!
 
Miserias e necesidades sempre as tivemos, exactamente desde a perda daquel Paraíso Terreal, que de aí vén a adoración do carneiro de ouro, do intermediario, do conseguidor. Máis adiante, cando lle deu ao noso paisano, a don Cristovo, por ir en busca de especias ao Cipango, navegando tras do sol, un bo día / un mal día, ¡desgraciado el, arroubado que foi, pois nin o seu nome lle deron ao seu Novo Mundo!, atopouse /descubriu…, ¡un mundo de caciques! Precisamente viñeron / trouxeron, naquela Pinta do pinta Pinzón, na que arribou a Baiona, uns cantos caciques “taínos”, en pelota picada, sen máscara nin disfraces, para que a raíña Isabel apreciase os seus atributos, e…, ¡inzaron, particularmente, maiormente, neste clima dos finisterrae!
 
Bromas á parte, no noso caciquismo non todo foi negativo pois os nosos paisaniños sen aquel tipo de “conseguidores” mal acadarían certas cousas que lles eran vitais. Hoxe, no noso nivel cultural, para conseguir cousas e causas xustas o que temos que facer é petar con enerxía, nós mesmos, sen xamóns nin outros cazos, simplemente coa razón do razoable, nas ventás correspondentes, para esperta-los funcionarios…, ¡e que funcionen! Isto de cara arriba, pero tamén cómpre vixia-los amañadores das crebas fraudulentas, que xa proliferaron no último terzo do XX, e de presente hai indicios de que volven a renacer; ¡resucitan, coma as ortigas, e precisamente, maiormente, na mellor das terras, nas inocentes!
 
Habería moito que dicir desta epidemia de corvos á calaza dos malos tempos, pero, se tocamos a campá, aínda que non entremos na igrexa, coido que xa é axudar á Misa!
 
¡Sentinela, alerta, pois as crises son o mellor dos abeiros para o tentador, para o inimigo malo!
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES