Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Venezuela: Horas baixas de Chávez

miércoles, 17 de febrero de 2010
a) Introdución
No seu onceavo ano na presidencia, o mandatario venezolano Hugo Chávez afronta un complexo panorama socioeconómico con implicacións claras de signo preelectoral. A renovación da conflitividade social e das protestas nas rúas, en gran medida determinadas polas últimas decisións gobernamentais en materia económica e informativa, neste último caso coa suspensión do sinal da canle RCTV Internacional, condicionan unha conxuntura de elevada tensión política coa vista posta nos comicios lexislativos do próximo 26 de setembro de 2010.
Se ben a oposición política segue sen consolidar unha estrutura e un liderado definidos, as súas cartas electorais céntranse en gañar réditos políticos ante o posible desgaste da popularidade de Chávez. O 2010 comezou coa aplicación dunha dura depreciación monetaria, maiores nacionalizacións de empresas e bancos, curtes e restricións en servizos básicos como a auga e a electricidade, renuncias no gabinete gobernamental e un maior clamor popular para solucionar o aparentemente incontrolable problema da inseguridade cidadá.
Dende a perspectiva política interna, Chávez tamén comeza a observar leves fisuras na consolidación do Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV).
Diversos sectores da base “chavista” comezan a recear das verdadeiras intencións de determinadas “elites políticas” instaladas no PSUV, así como dunha clase empresarial e burocrática (despectivamente denominada “boliburguesía”), predominante en diversas estruturas do poder e da administración pública.
Deste modo, tanto Chávez como a oposición orientan as súas cartas no pulso de poder previsto de cara ás eleccións para a Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP) de setembro próximo, que poden definir un novo mapa político para Venezuela, en especial de cara ás eleccións presidenciais de 2012.

b) Duro comezo de 2010
O 2010 comezou con fortes turbulencias económicas para Venezuela. A depreciación dun 50% da moeda, o Bolívar Forte (BF), anunciada o pasado 9 de xaneiro por parte do presidente Hugo Chávez, dando paso a unha dobre paridade monetaria (2,60 e 4,30 BF por dólar), afondou as preocupacións cara o desempeño económico que ven manifestando o país desde 2008.
Desde que Chávez chegou ao poder en 1999, a moeda nacional depreciouse nun 87%.
Defendendo esta medida como un “axuste cambiario”, e ante a pretensión de equilibrar a balanza comercial, Chávez anunciou a creación dun fondo de US$ 1.000 millóns destinado a incentivar novas exportacións venezolanas, alén do petróleo, en detrimento das importacións consideradas “de luxo”.
Paralelamente, utilizou a ameaza retórica do uso da forza contra os comerciantes que se dediquen a especular cos prezos.
Tras estas medidas, a cotización do dólar no “mercado negro” alcanzou os 6,20 BF, impulsando todo tipo de presións e especulativas sobre o estado real da economía venezolana, onde resulta sumamente notorio o peso das importacións: diversas estatísticas consideran que practicamente un 90% dos bens que se consumen en Venezuela proceden das importacións do estranxeiro.
Se ben as perspectivas económicas venezolanas anunciaban desde hai meses a posibilidade dunha ampla depreciación da moeda nacional, existen outras razóns, de carácter electoral e político, que ben puideron persuadir a Chávez a dar curso a estas medidas.
Venezuela prepárase para celebrar o próximo 26 de setembro de 2010, unhas eleccións lexislativas clave que, moi probablemente, modificarán de maneira substancial o actual mapa político da Asemblea Nacional do Poder Popular (ANPP), composta por 167 deputados. A oposición quedou fóra da ANPP nas eleccións de 2005, tras dar curso a un boicot ante a presunta falta de garantías electorais.
Pero no contexto 2010, a oposición estima ingresar con certa forza na ANPP, esperando contar co apoio de partidos disidentes do “chavismo”, como PODEMOS e Patria Para Todos (PPT), que conforman actualmente menos dun 15% da composición da ANPP e que son contrarios a unirse no Partido Socialista Unificado de Venezuela (PSUV), creado en 2007.
Ante esta posibilidade dun retorno con peso político da oposición á ANPP, e a fin de potenciar o gasto público a curto prazo, a depreciación do signo monetario permitiría a Chávez duplicar os ingresos fiscais procedentes das exportacións petroleiras (US$ 23.000 millóns) e outros US$ 7.000 millóns en reservas internacionais excedentarias, para ser utilizados en gasto público social, que permita solidificar a súa popularidade. Velaí que diversos sectores da oposición sinalen que a depreciación de Chávez ten carácter “fiscal e electoralista”.
Chávez leva meses afinando a súa campaña electoral, advertindo que se a oposición entra na ANPP, obstaculizaría diversas leis e decretos “necesarios para construír o Estado socialista” en Venezuela. Pero o esgotamento en diversos sectores sociais ante o seu discurso semella afectar algúns índices da súa popularidade. Unha enquisa da empresa Hinterlaces anunciou recentemente que un 65% dos venezolanos demandan a Chávez un cambio de liderado a nivel nacional para os comicios presidenciais de 2012.
Ante a posibilidade de que o PSUV perda peso nas próximas eleccións á ANPP, a oposición acusa reiteradamente a Chávez de “blindar” unha serie de polémicas leis que foron rexeitadas electoralmente no referendo de reforma constitucional de decembro de 2007 para ser, posteriormente, aprobadas vía lexislativa pola ANPP. Estas medidas afectarían á propiedade privada, limitaría drasticamente a descentralización administrativa iniciada en 1990, en especial de cara aos alcaldes e gobernadores opositores electos nos comicios de novembro de 2008, así como legalizaría a creación de milicias populares revolucionarias.
Igualmente, a chegada a Caracas o pasado 3 de febreiro de Ramiro Valdés, ministro cubano de Tecnoloxía e unha das personalidades máis emblemáticas da revolución cubana, para asesorar en materia de cobertura enerxética en momentos de crise, espertou toda serie de reaccións contrarias dentro e fóra do país, en especial con referencias á súa participación na represión contra os disidentes e do seu control dos organismos de seguridade cubanos. Moitos observaron esta visita como unha evidencia do reforzamento dos eixes de cooperación política entre Caracas e La Habana.

c) Recesión, “shock” eléctrico e inseguridade
Trala depreciación monetaria, Chávez decretou a mediados de xaneiro a intervención das entidades financeiras Mi Casa Entidad de Ahorro y Préstamo; InverUnión Banco Comercial; e Banco Del Sol Banco de Desarrollo, por considerar que rexistraban problemas de liquidez, perdas millonarias e incumprimentos de índices patrimoniais. Igualmente, o goberno decretou a expropiación da empresa minorista Éxito, filial da francesa Casino.
Segundo un informe da Superintendencia de Bancos, estas entidades rexistraron perdas por valor de 1.916 millóns de BF (US$ 736 millóns). Ante as perspectivas de falta de liquidez e acusacións de corrupción de determinados banqueiros, o goberno venezolano interveu desde outubro de 2009 un total de once entidades financeiras, cun peso no mercado bancario equivalente ao 9% do total. En total, as compras e nacionalizacións bancarias do goberno de Chávez propiciaron que o Estado venezolano controle actualmente o 24% da actividade bancaria no país.
Non obstante, a economía venezolana da sinais de recesión económica con elevada inflación, especialmente no período 2008-2009. A inflación foi do 31% en 2008 e do 25% en 2009, cunha caída do 2,9% dun PIB que, entre 2005 e 2007, experimentou un crecemento aproximado do 8-9%.
Cifras oficiais consideran que, entre xaneiro e setembro de 2009, as exportacións venezolanas caeron un 48,5%, as importacións un 25,5%, a demanda interna un 10,7% e os investimentos un 14,5%.
Estímase que para finais de 2010, a inflación alcanzaría o 30-50%, cun decrecemento do PIB de -0,4%, dando paso á fase de “deflación”, sendo esta alta inflación con recesión económica.
Outro asunto que provocou unha enorme preocupación na sociedade venezolana foi o anuncio do goberno de Chávez de activar un racionamento do consumo eléctrico, á vista da escaseza de precipitacións nos últimos meses, a falta de mantemento dos encoros nacionais e o impacto do fenómeno meteorolóxico “El Niño”. O pasado 14 de xaneiro, Chávez ordenou un racionamento eléctrico de catro horas na capital Caracas, destinado a encarar o déficit na xeración do fluído nos encoros do país. Desde 2007, varios estados do interior sofren breves racionamentos eléctricos, decisións que incrementaron as protestas e o malestar social.
Diversos informes de empresas estatais, como a eléctrica Edelca, estimaron un “colapso” no 2010 da represa do Guri, a principal surtidora de enerxía hidroeléctrica venezolana. Neste sentido, o goberno venezolano calcula un déficit enerxético de 1.670 megawatios, un 12% da demanda nacional, moi por riba das estimacións calculadas no 2009.
Tras detectar os niveis de impopularidade provocados polo racionamento eléctrico, en especial en cidades como Caracas, Valencia e Maracaibo, Chávez decretou a súa inmediata suspensión e a destitución do ministro de Enerxía Eléctrica, Ángel Rodríguez.
Finalmente, compre considerar outra problemática que afecta seriamente á sociedade venezolana, e que estárelacionada cos elevados índices de inseguridade cidadá existentes en Venezuela desde fai varios anos.
En 2009, e segundo a ONG “Observatorio Venezolano da Violencia” (OVV), a taxa de homicidios en Caracas foi de 130 persoas por 100.000 habitantes, sendo a do total do país de 65 por 100.000 habitantes. O Programa Venezolano de Educación-Acción en Dereitos Humanos (PROVEA) calculou, entre outubro de 2008 e setembro de 2009, un total de 14.558 homicidios a nivel nacional, sendo 1.332 casos máis que no período inmediatamente anterior. Incluso, PROVEA denunciou que o 60% dos homicidios son cometidos por organismos de seguridade do Estado.
A oficina da UNESCO en Caracas informou que Venezuela lidera as estatísticas mundiais por mortos con armas de fogo, sendo dun 22,15% por cada 100.000 persoas. Se considera que existen entre 7 e 15 millóns de armas de fogo nas rúas, das que só 50.000 están oficialmente rexistradas. Igualmente, prolifera a industria do “secuestro express”, principalmente contra sectores das clases medias e altas. Só en 2009 ocorreron 795 casos denunciados ante as autoridades, un 48% máis que no 2008.
Dende a perspectiva política, a oposición acusa ao goberno de Chávez de presuntamente amparar e encubrir a determinados grupos armados que defenden o seu proceso revolucionario, como os comandos Carapaica, Tupamaros e Alexis Vive, acusados de “intimidar aos inimigos da revolución”. Todos estes problemas repercuten nunha posible caída dos índices de popularidade de Chávez. Segundo as enquisadoras Datanálisis e Hinterlaces, un 62% dos venezolanos desconfían na capacidade de Chávez para xestionar os problemas, mentres os seus índices de popularidade baixaron dun 60 a un 50% entre 2009 e 2010.

d) Dilemas no “chavismo”?:
De cara aos comicios lexislativos, onde o PSUV espera consolidar a súa hexemonía e maioría parlamentaria, e ante o impacto social das recentes medidas de axuste económico, semellan apreciarse diversos dilemas dentro do “chavismo”.
Antigos aliados do presidente Chávez, como o ex ministro da Defensa, Raúl Baduel, o ex ministro de Relacións Exteriores, Luis Alfonso Dávila, e os seus ex compañeiros de armas Yoel Acosta Chirinos e Jesús Urdaneta, pediron publicamente a comezos de febreiro a renuncia presidencial de Chávez por “incapacidade” para dirixir os asuntos do país. A recente renuncia do vicepresidente Ramón Carrizalez e da súa esposa, a ministra de Ambiente Yubirí Ortega, aducindo “razóns persoais”, incrementaron certas dúbidas sobre a solidez do equipo gobernamental. O pasado 2 de febreiro de 2010, Chávez renovou o seu gabinete co nomeamento de aliados fieis como o novo vicepresidente executivo Elías Jaua. Outro aspecto preocupante para Chávez é o marco político e electoral hemisférico, que comeza a abrir fisuras para os seus intereses na rexión, en especial de cara ao eixe xeopolítico da ALBA. Os triunfos electorais de Ricardo Martinelli en Panamá, Sebastián Piñera en Chile, Porfirio Lobo en Honduras, posiblemente José Serra en Brasil, así como as próximas presidencias en Colombia (2010), Arxentina e Perú (2011), poden definir unha orientación cara a dereita que afecte ás alianzas exteriores de Chávez con Bolivia, Ecuador, Nicaragua e Cuba. Coa actual conxuntura preelectoral lexislativa e ante as recentes e reiteradas disposicións de Chávez a afrontar outro case improbable referendo revogatorio, os grupos estudiantís reorganizan as súas protestas contra o goberno, tentando reproducir o seu influente peso político anterior ao referendo de reforma constitucional de 2007, o único proceso electoral perdido por Chávez en once anos de goberno.
Igualmente, diversos sectores das bases “chavistas” claman por pasar á etapa de afondamento da revolución popular, ampliando o poder dos consellos comunais e adoptando formalmente o socialismo como proxecto de desenvolvemento. Sen menosprezar a posibilidade de violencia política con aderezos preelectorais, o panorama actual anuncia meses de tensión e turbulencia en Venezuela.
IGADI
IGADI


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES